Iniciar sesión: Acceso

Convivencia co CEIP Rosalía de Castro (Bóveda)

O venres 17 de xuño visitounos o C.E.I.P Rosalía de Castro, de Bóveda. Agardábamos esta convivencia con moita ansia, con ilusión, con emoción…Nuns anos nen@s de ambos centros serán compañeiros no instituto, así que cremos que é unha boa oportunidade para coñecerse, facer amizade, compartir xogos, conversas, unha comida xuntos.

Recibímolos sobre as 10:30h, cunha morea de globos e un pequeno aperitivo.

Tiñamos preparada unha xornada de iniciación á orientación. Son moitos os beneficios que nos aporta: permite un enfoque real e práctico das actividades no medio natural, é unha actividade moi motivadora, que fomenta o traballo en grupo, a integración, o esforzo. Na orientación adquire unha vital importancia a toma de decisións, de comprobar a cada instante se son correctas ou non. O manexo do mapa e da brúxula son básicos.É unha actividade interdisciplinar, entre outras moitas cousas que poderíamos citar.

Desafortunadamente non puidemos  desenvolver esta actividade dadas as adversas condicións metereolóxicas. Tivemos que adaptala ao espazo do que dispoñemos.

O alumnado de infantil estivo  no patio cuberto e alí fixeron xogos co paracaídas, circuítos, carreiras de relevos, xogos dos bolos, zancos…non había máis que mirar a súa cariña para darnos conta do ben que o pasaban.

Por outro lado, o alumnado de primaria estivo no pavillón e tiña que superar diferentes probas. Para conseguilo é moi importante o traballo en equipo, a cooperación, a comunicación

Fixemos 8 grupos mesturando nenos/as de Pobra e de Bóveda. As probas foron:

Proba 1: Escorre a esponxa

2 caldeiros colocados a uns 3 metros; un baleiro e outro cheo. O obxectivo é levar a auga dun a outro coas esponxas.

Proba 2: Colle aire e a soprar

Puxemos a proba os nosos pulmóns. Debíamos inchar 15 globos cada equipo e atalos; despois, amarralos todos xuntos a unha corda.

Proba 3: Busca nomes

Na sopa de letras hai agochados 10 nomes de deportes que debemos buscar.

Proba 4: Cruza a tea de araña

De un en un, foron atravesando a tea de araña o máis axiña posible.

Proba 5: Demostro a miña axilidade

Un circuíto de axilidade para percorrer sen a axuda.

Proba 6: Mural de mans

Na cartolina cada compoñente do grupo estampa unha das súas mans con pintura de dedos.

Proba 7: A ambulancia

Entre todos/as  levan ao enfermo dun punto a outro sen que caia para que non se fira máis. Todos pasan polo rol de enfermo.

Proba 8: Acrosport

Sobre as colchonetas realizaron unha das figuras propostas.

 

Ao superar cada proba, o responsable íalles selando a parte correspondente; así cada equipo completou a súa ficha.

Máis tarde, quedounos un ratiño para o ansiado partido de fútbol. Xa é un clásico nas nosas convivencias.

Ás 13h repuxemos forzas logo dunha intensa e divertida maña. Sempre axuda a seguir coñecéndonos, a entrelazar a nosa amizade…

Saíron cara Bóveda sobre as 14:30h; quedámonos con bos momentos, bos recordos. Sempre desexando que chegue o seguinte reencontro. Foi unha mañá moi especial.