Saltar navegación.

Circular do centro de saúde de Ribeira para as familias

 RECOMENDACIÓNS ACTUACIÓN PAIS
  • No caso de que o seu fillo teña febre, tose, dor de garganta, malestar, diarrea...ou calquera outro síntoma suxestivo dunha infección, non debe acudir a clase. Poñeranse en contacto telefónico co seu pediatra mediante a solicitude dunha cita telefonica nas seguintes 24-48 h se non se trata dunha patoloxía urxente.
  • No caso de presentar síntomas de gravidade (dificultade respiratoria, mal estado xeral) póñase en contacto co centro de saúde ou o 061.
  • Se o seu fillo ten síntomas que poden ser compatibles con COVID, e seguindo os protocolos vixentes, poida que o médico solicítelle a realización dunha PCR de coronavirus. Se isto ocorre, o neno e os seus conviventes deben permanecer illados ata que teña o resultado. No caso de que o paciente teña irmáns en idade escolar, estes tampouco acudirán ao colexio ata que se teñan os resultados da PCR do paciente.
  • Non se realizarán xustificantes de ausencia escolar no pediatra. Os xustificantes deben ser realizados polos pais ou titores legais do menor.
 
Recomendacións xerais en nenos con clínica de infección respiratoria:
  • Se ten tose, febre, diarrea ou calquera outro sintoma sospeitoso dunha infección...non acudirá a clase
  • Considérase febre unha Tª axilar maior de 38º C. Aínda así, non deberían acudir ao colexio en caso de ter unha Tª maior ou igual a 37.5º C.
  • Se ten febre ou presenta molestias ou dor, darase analgesia cos medicamentos habituais que lle recomenda o pediatra, como paracetamol e ibuprofeno.
  • Cando hai mocos e tose, sempre se deben facer lavados nasais con soro fisiologico ou preparados de auga mariña.
  • Nos nenos maiores debemos insistir en que se soen se saben facelo.
  • En caso de presentar dor de oído, garganta, barriga, cabeza… daráselle tratamento para diminuír a dor, cos medicamentos habituais que recomenda o pediatra, como o paracetamol e o ibuprofeno. É habitual que tras padecer un catarro, os mocos e a tose persistan 2-3 semanas, sen que iso signifique empeoramento ou non curación do cadro.
  • Tanto os mocos como a tose son un mecanismo de defensa do noso corpo.

Entradas e saídas de Educación Primaria

Co fin de cumplir o protocolo o alumnado de Primaria terá unha entrada e unha saída ao centro diferenciada do alumnado de Infantil.

Nas entradas e saídas o profesorado non pode atender a cuestións de titoría.

ENTRADAS

O alumnado non usuario do transporte escolar accederá ao centro dun xeito ordenado atendendo a criterios de distancia e seguridade. O pai ou nai acercarase á porta de entrada ao recinto escolar co seu fillo/a tentando evitar en todo momento aglomeracións. É imprescindible a puntualidade e o respecto aos horarios de entrada marcados.

A distribución dos tempos e dos cursos será a seguinte:

  • Ás 9:45 horas entrará o alumnado de 1ºP e 2ºP

  • Ás 9:50 horas entrará o alumnado de 3ºP e 4ºP

  • Ás 9:55 horas entrará o alumnado de 5ºP e 6ºP

Os alumnos e alumnas de Primaria dirixiranse directamente ás aulas correspondentes seguindo as indicacións do profesorado de garda

O alumnado usuario do transporte escolar accederá ao centro dun xeito ordenado atendendo a criterios de distancia e seguridade seguindo as indiciacións do profesorado de garda.

SAÍDAS

O alumnado non usuario do transporte escolar sairá dun xeito ordenado e escalonado tentando evitar en todo momento aglomeracións. Os pais e nais acercaranse á porta de saída do recinto escolar atendendo a criterios de distancia e seguridade. É imprescindible a puntualidade e o respecto aos horarios de saída marcados.

A distribución dos cursos e dos tempos para as saídas será a seguinte:

  • Ás 14:45 o alumnado de 1ºP e 2ºP

  • Ás 14: 50 o alumnado de 3ºP e 4ºP

  • Ás 14: 55 o alumnado de 5ºP e 6ºP

Evitarase en todo momento concentracións ou aglomeracións de maneira que o saia ordenadamente atendendo aos criterios de distancia e seguridade. É imprescindible a puntualidade dos pais e nais e respectar os horarios marcados. No momento da saída o profesorado non pode atender cuestións de titoría.

Os pais e nais que non sexan puntuais terán que recoller aos seus fillos despois de que saia todo o alumnado.

Entradas e saídas de Educación Infantil

Co fin de cumplir o protocolo o alumnado de Infantil terá unha entrada e unha saída ao centro diferenciada do alumnado de Primaria.

ENTRADAS

O alumnado non usuario do transporte escolar virá co seu pai ou nai á entrada do recinto escolar en diferentes quendas. Os alumnos e alumnas serán recollidos polas súas titoras ou profesorado de garda.

A distribución dos tempos e dos cursos será a seguinte:

  • Ás 10:00 horas será recollido alumnado de EI 6º
  • Ás 10:05 horas o alumnado de EI 5º

  • Ás 10:10 horas o alumnado de EI 4º (agás no período de adaptación)

O alumnado usuario do transporte escolar accederá ao colexio dun xeito ordenado atendendo a criterios de seguridade e situarase no espazo do patio asignado coa súa titora ou profe de garda ata entrar no centro.

SAÍDAS

O alumnado non usuario do transporte escolar sairá dun xeito ordenado e escalonado para evitar aglomeracións. Os pais e nais acercaranse á porta de saída do recinto escolar atendendo a criterios de distancia e seguridade.

A distribución dos cursos e dos tempos para as saídas será a seguinte:

  • Ás 14:45 o alumnado de EI 4º

  • Ás 14: 50 o alumnado de EI 5º

  • Ás 14: 55 o alumnado de EI 6º

Evitarase en todo momento concentracións ou aglomeracións de maneira que o saia ordenadamente atendendo aos criterios de distancia e seguridade. É imprescindible a puntualidade dos pais e nais e respectar os horarios marcados.

Os pais e nais que non sexan puntuais terán que recoller aos seus fillos despois de que saia todo o alumnado.

Medidas de seguridade para atención ao público en centros educativos

Por acordo do CECOP do 5 de maio (D.O.G do 6 de maio de 2020) establecéronse instrucións sobre presenza nos centros educativos para prestar atención aos procesos de admisión e outros procedementos que afectan á comunidade educativa, especialmente ao colectivo de nais e pais.

Instrucións

Recoméndase ás persoas que queiran presentar unha solicitude de admisión na secretaría do centro que:

  • Chamen por teléfono con anterioridade para concertar a entrega e así non coincidir con outras persoas.
  • Tomen todas as medidas de prevención que recomendan as autoridades sanitarias.
Teléfono: 881 86 63 47
Correo electrónico: ceip.olveira@edu.xunta.gal

Reapertura proceso de admisión

Do 11 ao 18 de maio estará aberto o prazo para presentar solicitudes de admisión para o curso 2020-21.

A secretaría estará aberta de 10:00 a 15:00 horas.

Resolución do Centro de Coordinación Operativa (Cecop):

No ámbito educativo, acordouse a reanudación da admisión de alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, de Educación Primaria, de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos, así como a adaptación dos prazos do procedemento para facilitarlles aos centros a preparación do vindeiro curso escolar.


Deste xeito, o prazo de presentación de solicitudes de admisión irá do 11 ao 18 de maio, ambos os dous días incluídos. Canto á presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo, a data máxima é o 26 de maio. As listaxes provisionais do alumnado admitido e excluído deberán publicarse antes do 9 de xuño e as definitivas ata o 26 de xuño. O prazo de formalización de matrícula irá do 1 ao 10 de xullo e o extraordinario, para Secundaria e Bacharelato, do 1 ao 10 de setembro.


Para atender o proceso de admisión, na xuntanza de hoxe acordouse tamén modificar o horario de presenza dos equipos directivos nos centros educativos. No caso dos centros de máis de seis unidades, deberá estar cando menos un membro do equipo directivo, diariamente, no horario habitual do centro; e nos de menos de seis unidades deberá estar o director ou docente responsable os días precisos para a realización dos trámites. O persoal administrativo deberá estar tamén nos centros o tempo que considere preciso a dirección para atender os procedementos de admisión. Asemade, será obrigatoria a presenza do persoal de limpeza.

Na memoria de José Manuel

Hoxe 28 de abril é un día moi triste por perder a Josiño, un dos da PIÑA, magnífico alumno e compañeiro e exemplo de esforzo e superación.

A comunidade educativa do CEIP de Olveira expresa a súa dor e acompaña á familia, amigos e compañeiros nestes momentos tan duros e difíciles.

Actualización de datos

Onte os voluntarios de Protección Civil do concello de Ribeira procederon a repartir os libros de texto e materiais do alumnado de educación primaria polos domicilios familiares.
O reparto realizouse con total eficiencia nos casos de familias que teñen actualizados os datos no programa de xestión do centro, pero atopáronse con moitas dificultades para localizar domicilios que non están actualizados.
Nas circunstancias actuais, e reiterando o xa contemplado en anteriores comunicados trasladados por diferentes medios, é moi importante manter actualizados os datos de contacto e enderezos para facilitar a comunicación así como activar a aplicación Abalar Móbil para evitar que se repitan os inconvintes xurdidos onte.

Reparto de libros para hoxe 10 de abril

Acaban de comunicar desde o concello de Ribeira que os voluntarios do GAEM van proceder ao longo desta tarde ao reparto domiciliario dos lotes de libros e outros materiais preparados para o alumnado de educación primaria.

Os lotes están desinfectados pero deberanse tomar todas as medidas hixiénicas recomendadas para todo o que entra na vivenda logo de ser manipulado por diferentes persoas.

Reparto de libros de texto e material escolar

Dado que a alarma se prolonga e non hai certeza de que se poidan reiniciar as actividades lectivas presenciais, estamos a preparar lotes de libros de texto e outros materiais que o alumnado ten no centro para facelos chegar ás casas e apoien as clases telemáticas que se impartirán no terceiro trimestre.

Para que os lotes cheguen ás casas deberedes rivisar en Abalar as direccións rexistradas por se non coinciden co domicilio ao que teñen que chegar.

Contaremos coa colaboración dos voluntarios do GAEM do concello de Ribeira para realizar o reparto.

A través da aplicación Abalar e desta web manteremos unha liña de información sobre asuntos relacionados coa actividade do centro.

Saúde e ánimo.

Distribuir contido