Información xeral

O Servizo de Comedor rexirase polo disposto no Decreto 10/2007, do 25 de xaneiro, na Orde da Consellería de Educación, do 25 de febreiro do 2007 e na Instrución do 16 de maio, da Consellería de Educación sobre funcionamento dos comedores escolares de xestión directa para o curso 2007- 2008.

Poderán facer uso do Servizo de Comedor, en calidade de comensais habituais, todos os alumnos matriculados no Centro que así o soliciten, ata completar a cota prevista para cada curso, ademais do persoal docente e non docente, independentemente de que colaboren ou non nas tarefas do Servizo de Comedor Escolar.

As solicitudes presentaranse nos prazos que dite a Administración. Se houbese prazas vacantes, admitiranse novas solicitudes ao longo do curso. Cando o número de solicitudes sexa superior ao de prazas, corresponde ao Consello Escolar asignar as prazas en función da normativa vixente. Con carácter excepcional admitiranse no Servizo de Comedor, comensais "non habituais", xustificando a súa presenza no centro.

Os alumnos que reúnan as condicións que se establezan ao efecto, poderán solicitar ser beneficiarios de axudas de comedor. A tramitación dos devanditos beneficios, realizarase a través da Dirección.

O Servizo de Comedor funcionará de acordo coas disposicións do calendario escolar vixente. O horario do servizo será de 13:00 a 13:30 horas (Setembro e Xuño) e de 13:15 a 13:45 horas (Outubro-Maio).

A dirección do centro programará os menús de 4 a 6 semanas de acordo con criterios de alimentación sana e equilibrada do alumnado. Este menú será o mesmo para todos os comensais que fagan uso do servizo, sexa alumnado ou persoal do centro. Non obstante, o alumnado do centro que teña algún tipo de intolerancia ou alerxia alimentaria medicamente documentada disporá dun menú adecuado ás súas necesidades. Estes menús serán autorizados polo consello escolar e estarán xustificados mediante certificación médica. Se os pais e as nais o prefiren, o centro facilitará os medios necesarios para a conservación, en quente ou frío, do menú proporcionado pola familia para o seu consumo polo/a alumno/a respectivo/a.

Coa finalidade de que as familias poidan completar o réxime alimenticio dos seus fillos e fillas, de acordo cos criterios dunha alimentación saudable e equilibrada, a programación dos menús expoñerase no taboleiro de anuncios do centro.

Powered by Drupal - Design by artinet