O PROGRAMA PROA

O PLAN PROA é un Programa de Acompañamento Académico que se ven realizando dende o mes de outubro do presente curso escolar no CEIP “Nosa Señora dos Remedios” de Ponteareas. Neste proxecto participan dous grupos; un deles con alumnado de 5º e outro con alumnado de 6º. 

Entre os obxectivos propostos están adquirir hábitos organizativos e de traballo, habilidades e actitudes asociadas á lectura, a mellora das habilidades sociais e asentamento de coñecementos e destrezas básicas. 

Cada grupo ten dúas sesións de dúas horas á semana en horario de tarde.Nestas sesións os alumnos e alumnas realizan actividades relacionadas con “técnicas de estudo” e “aprender a aprender”. 

As actividades varían segundo o centro de interés da semana ou quincena; así tratamos temas de interese internacional e actual como “O nadal”, “O día da paz”, “O entroido”, “O día da muller”. 

En liñas xerais, a sesión xira en torno a un texto, unha imaxe, unha persoa, unha canción,... e a partir de aí realizamos actividades de contextualización, lectura, comprensión, debate de opinións, debuxos,... traballando o vocabulario específico e xeral, localizando ideas principais e secundarias, practicando técnicas de estudo (suliñado, esquema, mapa conceptual,...) 

Os recursos utilizados son moi variados; xa temos traballado distintos tipos de texto: descriptivo, narrativo, biográfico, poético, xornalístico, lenda, conto, fábula, receta ... pero aínda nos faltan moitos... 

Traballamos coas ideas que xurden no desenvolvemento da clase; remuíños de ideas, experiencias persoais, problemas entre compañeiros e compañeiras, preocupacións, medos, gustos, aficións,... 

Tamén traballamos o cálculo mental utilizando distintas estratexias para operar o máis rapidamente posible. 

Falamos das emocións e sentimentos; das positivas e da súa importancia para ter óptimas relacións cos amigos, a familia e o resto de persoas que conviven no noso entorno e das negativas e da importancia que ten saber controlalas e cambialas por boas. 

As sesións son realizadas entre as aulas ordinarias e a de informática, aínda que algunha vez imos á aula de vídeo para poder facer xogos de memoria e atención que requiren espacio para poder movernos ou sentarnos no chan.