Concepto

Esencia


    O Centro de interpretación de xogos tradicionais é un parque no que se poden practicar ata vinte e cinco xogos tradicionais diferentes; está situado nos espazos exteriores que tén o noso patio de recreo.


                                             

    

    Foi inaugurado o 24 de Xuño de 2006. O profesorado do CEIP Mosteiro de Caaveiro escolleu os xogos, redactou as normas polas que se rexerían, fixo unha distribución espacial dos mesmos e marcou e pintou eses campos de xogo.


    Houbo tamén colaboracións externas: María Salas e alumnado do IES de Leixa - Ferrol deseñaron os paneis informativos (17), que aparecen en diferentes partes do Centro de interpretación. Cuchi Souto fixo os debuxos deses paneis. Persoal do Concello axudou no pintado e preparación de diversas zonas de xogo.  Algún pai do noso alumnado botou una man na construción do campo da Chave e no pintado dalgún campo de xogo.


    Os obxectivos que pretende acadar este recurso educativo son:

 

  1. Dar unha alternativa máis para os tempos de lecer.
  2. Promover a práctica cotiá dos xogos tradicionais.
  3. Fomentar a consecución de valores humanos correctos.
  4. Difundir a experiencia, dala a coñecer a outros centros educativos, por medio de visitas semanais.
  5. Manter vivo o noso Patrimonio lúdico.


    Desde o curso escolar 2007/08 convidamos a centros escolares galegos a que nos visiten e coñezan este recurso educativo; por tal motivo mandamos un correo-e a primeiros de Setembro.  Esta actividade celébrase un día á semana, en horario de 11 a 13 horas. Os mércores para o 2º Ciclo, os xoves para o 1º Ciclo e os venres para o 3º Ciclo ou a ESO.


     Nestas visitas o monitorado que explica os xogos son nenas e nenos da escola, correspondentes aos mesmos cursos que veñan; é dicir, se viñera un 4º de Primaria, as rapazas e rapaces que dirixen a actividade serían cativas e cativos de 4º do CEIP Mosteiro de Caaveiro.


     Previamente á visita mandamos vía correo-e unha Unidade didáctica deseñada por nós para que se traballe antes de vir á Capela, pero tamén durante e despois da visita.


     A maiores das visitas semanais durante todo o curso, o noso alumnado ten o privilexio de disponer deste Centro de interpretación todos os días do ano. Pódeno utilizar libremente e sen obriga de facelo; os materiais necesarios están ao su dispor, tan só deben coller e recoller o que precisen para xogar.


     O que pretendemos é que os xogos de sempre convivan con outras propostas educativas para os tempos de lecer. Para tal motivo, as nenas e os nenos teñen á vista unha distribución de actividades para os recreos, nas que tan só se lles pide que respecten participar voluntariamente no que aparece refrectido nas táboas de posibles actividades a desenvolver neses momentos entre clases.


    Para reforzar o asentamento dos xogos tradicionais, unha vez á semana celebramos xornadas de campionatos destes xogos; normalmente temos dous campionatos á vez, un para o alumnado de 1º, 2º e 3º e outro para alumnado de 4º, 5º e 6º.  Son as nenas e os nenos as persoas que escollen os xogos de cada campionato, así como as persoas integrantes de cada equipo.

Distribuir contido