Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Saída á Casa da Árbore

E o día 31 de maio desprazámos ata a Casa da Árbore coas nenas e os nenos de Educación Infantil. Subiron todas e todos e moito disfrutaron alí arriba co conto que lles contou Anxo Moure.

  

 

Entrega de agasallos.

Como remate da celebración das letras galegas fíxose entrega dun libro aos gañadores dos concursos que ao longo do curso convocou o Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

       

Obra de teatro: "A formiga fóra do carreiro."

O grupo de alumnas e de alumnos de 4ºB representaron unha adaptación da peza teatral "A formiga fóra do carreiro" de Raquel Castro para festexar o día das Letras Galegas.

Momento da representación.

Letras Galegas 2019: Antonio Fraguas Fraguas

          Chegou a semana das nosas letras, das Letras Galegas. Este ano adicóuselle a Antonio Fraguas.

         Antonio Fraguas Fraguas naceu o día 28 de decembro de 1905 na aldea de Insuela, parroquia de Loureiro no concello de Cotobade (Pontevedra).

  Fraguas foi, sen dúbida, un dos grandes persoeiros da cultura galega no século XX. Adicouse ao estudo científico de Galiza como territorio, como pobo, como país. Ademais de escritor foi antropólogo,etnógrafo, conferenciante, político e tamén foi profesor.

  Para moitos dos seus alumnos e alumnas, Antonio Fraguas, foi o profesor que mellor e máis fonda lembranza lles deixou e todos e todas destacan a súa proximidade, a súa afabilidade e a súa disposición para dar un bo consello, resolver unha dúbida ou axudar naquilo que estivese dentro das súas competencias.

  A súa metodoloxía de ensino era moi innovadora para a súa época: encantáballe facer saídas e traballos de campo co seu alumnado.

  O elemento en común de todos os seus traballos é que tiñan a Galiza, o seu territorio e a súa xente como protagonistas. Era unha persoa que amaba a súa terra por riba de todo e que fixo canto estivo na súa man por coñecela e darlla a coñecer aos galegos e galegas para así difundir e dignificar a súa imaxe no resto do mundo.

  Gustábanlle moito os libros e a súa xenerosidade levouno a doarlle a súa biblioteca persoal ao Museo do Pobo Galego, do que foi fundador, director e presi-           dente.

  Entre as súas obras podemos destacar :“Romarías e santuarios”, “Aportacións ao cancioneiro de Cotobade” e “A festa popular”.

  Finou en Santiago o 5 de novembro de 1999, é dicir, este ano cúmprese o vixésimo aniversario da súa norte.

 

  Rematamos esta breve reseña bibliográfica con dúas das súas citas máis célebres:

 

  “Eu traballei sempre por Galicia. Unhas  veces, acertei, outras non pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio.”

 

  “ Os libros son compañeiros infatigables, amigos sempre, os máis nobres, os que te distraen, os que te fan pensar, que é unha das cousas que hai que facer.”

 

Marica Campo

O día 2 de maio tivemos a sorte de ter connosco a Marica Campo que nos falou do importante que é ler e tamén comentamos a súa obra "Unha misión para Clara."

 

1 DE ABRIL: DÍAS DAS ARTES GALEGAS

Comezamos a semana preparando unha pequena "sala de museo" adicada ao noso pintor Luis Seoane, a quen se lle adica este ano o Días das Artes Galegas.

Ademais, ao longo desta semana o alumnado está traballando na materia de Plástica con obras deste pintor. 

 

 Estes son algúns dos traballos das nosas e dos nosos artistas.

8 DE MARZO: DÍa INTERNACIONAL DA MULLER

Para conmemorar este día o alumnado de 4ºB fixo dúas gravacións: unha dun conto de Eva Mejuto titulado "Maruxa" e outra dunha poesía de Carlos Negro que leva por título "Barbie girl".

 Preme nos títulos e escoitarás as gravacións.

SAÍDA CULTURAL A OUTEIRO DE REI

Para conmemorar o día de Rosalía de Castro no que se festexa o día do seu nacemento, 24 de febrerio de 1837, o 22 de febreiro fixemos unha saída cultural a Outeiro de Rei co alumnado de 4º e 5º de Educación Primaria.

* Pola mañá: nada máis chegar recibíronnos e estivemos facendo uns xogos ben divertidos. Despois, tivemos que dividirnos en dous grupos para poder visitar a Casa-Museo. Mentres un grupo facía a visita o outro esperou no auditorio no que puideron ver un documental e recitaron poemas de Manuel María e de Rosalía de Castro. Unha vez rematou a visita á Casa-Museo fixemos un pequeno roteiro a pé para coñecer as zonas que Manuel María máis amaba e que tanto o inspiraron para escribir os seus poemas. Rematamos na carballeira de Santa Isabel onde xantamos ao lado do río Miño.

* Pola tarde: despois de xantar collemos rumbo cara San Clodio de Aguiar, unha aldea convertida no “Conto das formigas”. Acompañounos na visita Xosé Ramón quen nos guiou no percorrido e nos demostrou como os materiais de refugallo se poden convertir en obras de arte e ao mesmo tempo se poden coidar e respectar as marabillosas paisaxes que temos na nosa terra e que tanto defenderon nas súas vidas Rosalía de Castro e Manuel María.

Grazas Teresa pola montaxe do vídeo.

SE PREMES AQUÍ VERÁS O BEN QUE O PASAMOS.

 

Distribuir contido