tel: 886 151 371 / email: ceip.meanho.ascovas@edu.xunta.gal / 42°26'36.1"N 8°46'48.1"W
TERCEIRO TRIMESTRE CURSO 2019-2020
Á COMUNIDADE ESCOLAR CEIP AS COVAS-MEAÑO.
Estimadas familias:
O luns 27 de abril, a Consellería de Educación publicaba as instrucións relativas ao desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019-20. En base a elas, á orde ministerial do 24 de abril e ao principio de autonomía pedagóxica contemplada na vixente lei de educación, o CEIP As Covas-Meaño informa á Comunidade Educativa do criterio de actuación decidido:
A presente situación de excepcionalidade e confinamento racha co sentido de normalidade e regularidade do desarrollo da infancia. O principio básico de igualdade que rexe nas escolas públicas desaparece e obriga ás autoridades educativas a por en marcha un sistema de compensación que de ningunha maneira se pode definir como escola nin como educación infantil ou primaria.
Ante isto, ante esta situación e os condicionantes de cada neno, cada nena e das súas familias, entendemos que o terceiro trimestre non pode perxudicar a avaliación final do alumnado. Este período actual “non presencial” só poderá ter un valor positivo para a cualificación do alumnado e adicarase a actividades relacionadas co repaso e afianzamento de aprendizaxes anteriores. Terá na súa esencia un carácter interdisciplinar e globalizado, ademais as propostas didácticas e plans de traballo propostos poderán ser flexibilizados coidando “non penalizar ou afectar ao benestar do alumnado, nin sobrecargalo de tarefas excesivas”.
Ademais de todo isto, é preciso lembrar a importancia que cobran nestes dous meses que quedan de curso manter hábitos e dinámicas de traballo, necesarias non só para a vida académica dos rapaces senón para o seu desarrollo persoal. Neste sentido queremos agradecer o labor e implicación das familias no seguimento e axuda das tarefas propostas dende a escola: Moitas grazas.
Como xa saben, intentaremos manter un contacto máis estreito durante o tempo que dure o confinamento precisamente para aclarar dúbidas, realizar preguntas, coñecer as vosas circunstancias persoais, poder falar cos nenos... En caso de precisar máis información poden poñerse tamén en contacto co equipo directivo do centro no 886151371 ou ben no correo electrónico: ceip.meanho.ascovas@edu.xunta.gal
Saúdos e moita saúde.
CEIP As Covas-Meaño