Cóntame un conto: "Coñecendo a ópera"

Seguindo o proxecto do P.D.I. presentado ao inicio de curso, o alumnado de 3º iniciouse  no mundo da ópera.

Elaboraron un libriño,  xunto cun mural, onde quedou reflectido o  traballo, e aprenderon algúns anaquiños da parte coral que  cantaron na presentación.

Empezando co concepto de ópera, foise debullando de vagariño os distintos pasos que se deben seguir para que unha ópera poida ser representada, tanto a nivel musical como de montaxe teatral, escénico, lumínico, estético,… Ao mesmo tempo  coñeceron o nome dalgunhas óperas e aos seus compositores. 

Aprenderon cales son os elementos da ópera, clases de voces, elementos da orquestra sinfónica. Coñeceron que existen, tamén,  compositoras, compositores, directoras e directores modernos e grandes e importantes teatros fermosísimos onde se representan as óperas.

Ampliaron o seu léxico nun gran número de palabras que descoñecían  relacionadas co mundo da música e da ópera.

A ópera traballada  foi  L’Elisir d’ Amore de Gaetano Donizetti.

¿Por qué esta ópera e non unha inspirada nun conto popular como Hansel e Gretel, por exemplo?   Porque o libreto de L’Elixir é doado de comprender, e a música moi accesible para o alumnado, sobre todo na súa parte coral  que foi a que máis traballamos.

Fomos explicando o argumento ao mesmo tempo que seleccionábamos fragmentos que iamos escoitando, unha e outra vez, en tempos de quince-vinte minutos, que repetía durante varios días, ao mesmo tempo que procuraba deixalos coa intriga de…¿qué pasará despois? Antes de cada audición explicaba o que ían escoitar, tanto no argumento, como na música. Unha vez explicado coas dúbidas resoltas, procedía á audición.

O alumnado foi aprendendo a escoitar, a diferenciar as distintas clases de voces solistas tanto femininas como masculinas, o xeito de cantar, a valorar o esforzo e os estudios e a técnica que cómpren para poder cantar así ao mesmo tempo que se actúa. Entusiasmáronse coa historia e coa música, que empezaban a cantaruxar. Isto levoume a intentar que aprenderán algúns fragmentos dos coros e decidín que os cantaran na presentación do P.D.I.

No Taller de Filatelia fixemos o traballo sobre a ópera percorrendo diferentes facetas: Teatros, escritores, compositores, instrumentos da orquestra, temática das óperas, directores,… Elaboramos un total de dezaseis follas que neste intre, están a formar parte  da exposición JUVENIA  en Avilés.

O Entroido tivo como tema esta ópera. Todo o grupo disfrazóuse do personaxe clave de L’Elixir que é Dulcamara, o vendedor trapalleiro que vende o “elixir” ao protagonista da historia. Dulcamara decorou a porta da aula durante todo o curso.

CONCLUSIÓN: Este traballo, na súa totalidade, resultou altamente enriquecedor para o alumnado. Descubriron, aprenderon e coñeceron aspectos do mundo da ópera, e sobre todo, viron que pode resultar atractiva e fermosa.

O feito de cantaren algúns fragmentos da parte coral, entusiasmounos e quedaron felices e convencidos de que a ópera non é fea, nin aburrida. Só hai que saber escoller e aprender a escoitar.