Alguén roubou o inverno

O Clube de lectura de 5º de curso de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, elixiu como cuarto libro  “Alguén roubou o inverno” de Xosé Antonio Perozo, libro editado pola Deputación de Ourense para conmemorar a 8º semana escolar da árbore e da auga.

O libro foi traballado na última semana do mes de marzo e nas dúas primeiras do mes de abril. Alguén roubou o inverno conta a historia da Ecopanda, un grupo formado por cinco adolescentes e un robot, que traballa pola conservación da natureza. A natureza está ameada por Míster Retope, quen representa o mal e o desprezo polo medio ambiente. A aventura comeza partindo dunha visita ao encoro de Alto Lindoso neste mesmo ano 2022, no momento en que as vilas ourensás asolagadas en Lobios emerxeron por mor da seca, para a continuación centrarse no suceso dunha corta clandestina de ameneiros que está sucedendo no Támega, entre Verín e Laza. Rematando coa importancia da influencia humana no cambio climático.

Despois da lectura do libro o alumnado traballou a súa comprensión a través de diferentes preguntas:

  • Actividade 1. Leamos o libro de xeito colectivo, alternando voces, ou sinalando un narrador ou narradora e adxudicando os distintos personaxes. Logo comentemos o contido da historia e establezamos un debate.
  • Actividade 2. Debuxemos un cómic.- Crearemos cinco viñetas nas que debuxaremos os personaxes da historia que interveñen nas páxs. 14-15, en distintas actitudes. Logo escribiremos na orde espacial correcta os diálogos e a narración comprendida desde “Pero cando o grupo ía de aquí...” ata “-Pois ábreo! Bule!
  • Actividade 3. Coñecemento do medio.- No conto noméanse algúns lugares da provincia, fagamos que o alumnado os atope e, deseguido, pidamos que engada algúns máis que poida coñecer. Tamén faremos as súas correspondentes fichas.
  • Actividade 4. O ameneiro é a árbore que plantaremos este ano. Fagamos unha ficha para coñecelo mellor. Esa ficha, ademais das características, pode estar enriquecida con fotos, debuxos, etc.
  • Actividade 5. Traballo de investigación sobre as árbores.- Nun esquema do desenvolvemento dunha árbore coloquemos a seguinte terminoloxía: cambium, floema, xilema, leñosa, felóxeno, cortiza, anel anual, durame e albura. O alumnado deberá buscar nos dicionarios, enciclopedias, web, etc. o significado de cada palabra e definilas.
  • Actividade 6. Traballo de investigación sobre a auga.- Nun exercicio similar ao anterior debuxemos o círculo do ciclo hidrolóxico e traballemos os seguintes conceptos: hidrosfera, evaporación, condensación, precipitación infiltración, escorrentía, circulación subterránea, fusión e solidificación.
  • Actividade 7. Traballo de campo.- Localizar na nosa contorna os posibles muíños de auga existentes, facer un inventario dos mesmos e do seu estado de conservación.
  • Actividade 8. Investigar o clima.- Nas páxinas 12 e 13 don Pitágoras fai unha exposición sobre os datos coñecidos do clima historicamente e logo fai dúas propostas de traballo para realizar polo seu alumnado. Tomémoslle a palabra e fagamos nós o mesmo.
  • Actividade 9. Roubo do inverno.- Nas páxinas 20 e 21 faise referencia a unha reportaxe dun xornalista que fala do roubo do inverno. Analizar as razóns que o autor do traballo expón. Comentalas e analizalas.
  • Actividade 10. Plástica.- Creemos unha campaña gráfica mediante carteis e dípticos de conciencia ambiental, protección das árbores e das augas, de coñecemento das nosas especies, etc.
  • Actividade 11. Estudo da paisaxe.- Recollamos fotografías de distintas paisaxes ourensás e tentemos analizar as súas características e o impacto da acción humana.
  • Actividade 12. Debate. Xeremos na aula un debate sobre a actitude da Ecopanda fronte aos intereses de Míster Retope. Como actuariamos nós? Nun caso similar, sen contar con 3R0.25, que deberiamos facer? Avisar as autoridades? Converternos en heroes? É posible que existan moitos Míster Retope? A quen representa en realidade este personaxe? Que ensina a Ecopanda?

As actividades realizadas durante a semana do 28 de marzo ao 8 de abril de 2022 concluíron coa realización dos debuxos sobre o conto.