Xaneiro 2020

Día da Paz e non violencia

Celebrámola PAZ

Ao longo da historia e ao redor do mundo, os seres humanos eliximos diferentes imaxes e xestos para representar a paz. Estes símbolos mostran o valor que ten a paz para nós e teñen diferentes historias e orixes que merece a pena coñecer, e así o fixemos.

Os alumnos de infantil traballaron a pomba da paz. É un símbolo moi antigo. Aparece na biblia e representa a paz e a reconciliación tras o diluvio universal. Despois da Segunda Guerra Mundial a pomba da paz volveu ser unha imaxe moi recoñecida, debido a uns debuxos que realizou Picasso.

Os de primeiro fixeron a rama de oliveira. É outro símbolo de paz que a humanidade utiliza desde hai moito tempo. Era un dos atributos da deusa grega da paz, Irene, e simbolizaba a abundancia e a vitoria sobre os malos espíritos.

Os de segundo traballaron oSinal da "V" coa man”

Este xesto, coa man virada cara a fóra, ten diferentes significados pero popularizouse como signo de paz durante os movementos pacifistas posteriores á II Guerra Mundial e, especialmente, na década dos 60, durante a Guerra de Vietnam.

A papoula é o símbolo dos de terceiro.

Cóntase que, durante a Primeira Guerra Mundial en Europa, creceron moitas papoulas no que foran os campos de batalla, polo que esta flor foi adoptada como recordo dos caídos na guerra. Máis adiante, promoveuse a papoula como símbolo do pacifismo, a non violencia e contra os desastres da guerra.

Os de cuarto decoramos os logos da paz

Este logo foi creado en 1958 por Gerald Holtom, un deseñador gráfico inglés, para unha campaña en apoio do desarmamento nuclear, este símbolo fíxose mundialmente coñecido nos anos 60 a través do movemento hippie. As liñas dentro do círculo representan as letras D e  N (desarmamento nuclear) no alfabeto semáforo, que é o que se utiliza os brazos e bandeiras para enviar mensaxes visuais a longa distancia.

Os de quinto representamos as nosas mans e queremos que representen a tódolos nenos do mundo.

As mans estendidas mostrando a palma son un xesto de paz e de rexeitamento á violencia, en particular o terrorismo. Están abertas e estendidas cara á fronte, é un xesto de autoafirmación, de conciliación e que comunica que a persoa non oculta nada, ao contrario que un puño, que pode pegar e esconder.

Os maiores do cole somos uns expertos en origami xaponés e creamos estas estupendas grúas.

A lenda conta que quen logre unir 1.000 grúas de papel con fíos verá cumprido un desexo. Fixéronse populares como símbolo de paz tras a Segunda Guerra Mundial pola historia de Sadako Sasaki, unha nena xaponesa que enfermou de leucemia tras a bomba atómica de Hiroshima e á que a súa familia e amigos axudaron a encartar máis de 1.000 grúas durante a súa estancia no hospital

No CEIP Manuel Sueiro entre todos creamos este arco da vella. Queremos que sexa un símbolo de paz. Nós neste momento queremos deixar o noso gran de area para rexeitar a violencia.

Pupas, sustos e outros disgustos

O 27 de xaneiro un equipo de profesionais de enfermaría pertencentes á Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, conscientes da importancia de que nenos e nenas adquiran nocións básicas de primeiros auxilios para saber actuar ante pequenos problemas do día a día e en situacións máis complexas, levan a cabo un proxecto de primeiros auxilios para alumnado de 3º e 4º curso de Ed. Primaria, seguindo as recomendacións da Organización Mundial de Health (OMS), que recoñece a necesidade de difundir este coñecemento, sensibilizando á sociedade sobre o inicio deste tipo de educación antes dos 12 anos (campaña Kids Save Lifes).

O proxecto consistiu na realización dun obradoiro maioritariamente práctico a través do que aprenderon de forma lúdica mediante o xogo e a colaboración. Descubriron e practicaron como actuar en determinadas situacións que poidan afectar a súa saúde e a das persoas que os rodean, sendo quen de actuar ante pequeños problemas do día a día (feridas, queimaduras....) e ante situacións máis complexas.

Para avaliar o grao de coñecemento básico dos participantes en primeiros auxilios, a eficacia do taller e detectar posibles puntos de mellora, o equipo que impartiu o taller levou a cabo un proxecto de investigación vinculado á actividade. Para iso, antes de realizar o taller, completaron un pequeno cuestionario anónimo de 5 preguntas relacionadas co contido a tratar. Ao finalizar, repetiron esta mesma proba e avaliaron a súa satisfacción coa actividade. 

O grado de satisfacción foi moi alto en todo o alumnado e profesorado… esperando e desexando repetir a experiencia nun futuro próximo.

Teatrillo de monicreques: U-la Lúa?

O 28 de xaneiro realizamos na nova aula de psicomotricidade do centro dúas sesións de teatriño de monicreques no que participou todo o alumnado do colexio.

U-la Lúa? é dunha proposta escénica, onde valores como a tenrura, o respecto ou a solidariedade cobran importancia para levarnos a un mundo onde a violencia non ten cabida e a ilusión fai dos soños unha realidade.

Lúa é unha gatiña pequena, algo tímida e asustadiza. Vive coa súa avoa nunha humilde casa. No exterior contan cun fermoso xardín no que Lúa pasa as horas xogando soa. Non ten irmáns e a avoa lle deixa saír fóra, mais Lúa soña con viaxar, coñecer novos lugares e ter amigas e amigos para xogar.