FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR - CURSO 2017/18

No DOG do día 22 de maio de 2017 publícase a Orde do 16 de maio de 2017 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2017/18.

Máis información:   http://www.edu.xunta.gal/portal/fondolibros

 

A ORDE do 16 de maio de 2017 (DOG de 22 de maio) regula:

-A participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO; cursos en que, necesariamente, se manterán os libros de texto do curso 2016/17.

-As axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial.

-As axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

 

Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias de libros procedentes do fondo solidario do centro ou de axudas para adquirir libros de texto terán as seguintes obrigas:

1. Devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido coas axudas para libros de texto ou recibido do fondo solidario no curso 2016/17. Está excluído desta obriga o alumnado de 1º e 2º de EP e o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, sempre que os libros ou o material adquirido non se poidan reutilizar. A falta de devolución será causa de exclusión da participación na convocatoria do curso 2017/18.

2. Conservar en bo estado os libros de texto e o material reutilizable recibido ou adquirido coas axudas  do curso escolar 2017/18 e devolvelos ao rematar este.

3. Destinar o importe do vale para libros a adquirir os libros de texto que indique o centro no que estea matriculado o alumnado.

4. Destinar o importe do vale para material a adquirir o material escolar que necesite.

5. Respectar as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 

Presentación de solicitudes

1. Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado

2. A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2017/18.

Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2017/18, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2016/17.

 

Prazo para presentar solicitudes

O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día 23 de maio e rematará o día 23 de xuño de 2017.

 

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables e a documentación complementaria recollida no Artigo 13 da mencionada Orde.

 

Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a listaxe provisional e definitiva de persoas beneficiarias de libros de texto do fondo solidario publicarase no taboleiro de anuncios e/ou páxina web do centro docente, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

 

Adquisición dos libros de texto e do material escolar

 

As persoas beneficiarias, unha vez que estean en posesión do vale, poderán adquirir o material e os libros de texto que son obxecto de axudas no establecemento da súa elección.

AdxuntoTamaño
anexo_i_-_ed330b_-_solicitude_1.pdf2.2 MB
Orde do 16 de maio de 2017.pdf1.11 MB

Powered by Drupal - Design by artinet