Proxecto documental

proxecto documental

   O CEIP López Ferreiro forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde o curso 2011-12. 

Un dos seus  obxectivos é o de fomentar o hábito lector entre o noso alumnado, para o cal a colaboración e motivación que proporcionan as familias é imprescindible. Mais tamén é tarefa prioritaria formar ás nenas e aos nenos como usuarios e na  busca de información documental en calquera formato.

É por iso que cada curso escolar o Equipo de dinamización da biblioteca propón un Proxecto Documental Integrado para todo o centro, no que se traballan as diferentes competencias a partires dun eixo temático. 

Comezamos con Neira Vilas e os seus “50 anos de Balbino”, e continuamos o camiño con temáticas ambientais sobre as nosa árbores, os continentes ou os animais extintos; tamén a lectura e as súas interpretacións foron eixos de proxectos baseados na pintura, na mitoloxía, nas fábulas e mesmo na publicidade; e noutras ocasións, abrímonos ao patrimonio cultural e artístico da nosa cidade. Precisamente é esta a temática sobre a que versará o proxecto do curso 2019-20: os oficios tradicionais, os labores silenciados da xente anónima que construíu e desenvolveu Santiago de Compostela

O que se pretende é que o noso alumnado, coa axuda da comunidade educativa e por medio de diferentes estímulos, vaia adquirindo unha perspectiva diacrónica de diferentes elementos que forman parte da súa vida diaria. Coidamos que é a mellor maneira de motivalos cara o estudo, ou necesidade de saber  máis,  desde e coa biblioteca.

Toda a información e as actividades realizadas atópanse recollidas no blog da biblioteca Bibliolulu, e tamén no blog específico da nosa radio escolar.

 

Distribuir contido