A BIBLIOTECA DO CEIP LÓPEZ FERREIRO, na actualización dun novo concepto de lectura.

 

 A BIBLIOTECA DO CEIP LÓPEZ FERREIRO, NA ACTUALIZACIÓN DUN NOVO CONCEPTO DE LECTURA.

 

Ningunha sociedade pode avanzar se non se adoptan medidas destinadas a mellorar a capacidade lectora e escritora da súa xente en formación.

A biblioteca escolar ten que ser, xa que logo, piar fundamental no desenvolvemento deste obxectivo, establecendo estratexias de lectura en distintos formatos; promovendo a implicación da comunidade educativa; colaborando con outras institucións para ampliar o abano de posibilidades lectoras, e sobre todo, favorecendo a alfabetización múltiple, definida esta, segundo as Conclusións do Consello da Unión Europea de 26 de novembro de 2012, como “a comprensión, utilización e avaliación crítica de distintas formas de información, incluídos os textos e imaxes, escritos, impresos ou en versión electrónica”.

Ata o momento, desde a biblioteca procurábase dar resposta a estes obxectivos mediante proxectos documentais integrados, nos que había que localizar información e expoñela; ademais, ofrecíase material para o desenvolvemento de distintos aspectos curriculares. Por outra banda, e tendo en conta a sociedade do S. XXI na que o noso alumnado vai desenvolverse, a robótica e a radio escolar, como novas formas de linguaxe, tiveron cabida mediante xornadas específicas ou obradoiros de formación, tanto para o alumnado coma para o profesorado.

As producións foron chegando paseniñamente. Mais este curso, o CEIP López Ferreiro, a través da biblioteca, tivo a honra de ser seleccionado desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por medio da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, para os programas Biblioteca Creativa e Radio na biblio.

Hai que dicir que somos un dos poucos centros urbanos de Galicia que van desenvolver estes proxectos, encamiñados a concebir a biblioteca como “un centro creativo de aprendizaxes, na procura de oportunidades para desenvolver metodoloxías colaborativas conectadas ao tratamento do currículo, e tamén para dar resposta a unha gran variedade de intereses culturais e formativos dos distintos sectores da comunidade educativa” (Plan LIA, desafío número 2).

Así pois, comezamos unha andaina na que as novas linguaxes da programación, da robótica, da radio, dos elementos visuais e sonoros (por medio do teleprompter, a mesa de luz, o vídeo, as distintas formas teatrais…), teñen que estar a carón do libro impreso para que as nenas e os nenos vaian construíndo a súa propia aprendizaxe desde múltiples e variadas fontes de información.

E todo, sen esquecer que hai que formar persoas con valores na igualdade, na solidariedade, na cooperación, no respecto, e sobre todo, na inclusión educativa e, polo tanto, social.

Ese será o gran obxectivo na biblioteca de Lulu, na biblioteca do López Ferreiro.

 

Equipo de dinamización da biblioteca.

www. bibliolulu.blogspot.com