Enderezo: Rúa do Peirao nº3 Chapela - Redondela (Galicia) Telf: 886 11 06 82 - Email: equipodirectivo@ceipdelaredo.com Horario: L-V 09:00h-14:00

O Orientador responde...01/04 "Lectura fácil e coronavirus"

01/04

A lectura fácil é un método que pretende facer todo tipo de textos máis comprensibles, eliminando barreiras para a compresión, a aprendizaxe e a participación.

A lectura fácil está orientada para facer máis clara e comprensible a información ás persoas con algún tipo de discapacidade intelectual, auditiva ou visual, mais tamén para aquelas que teñen dificultades para ler, algún tipo de trastorno específico de aprendizaxe, persoas maiores con perda de memoria ou inmigrantes que non o fan na súa propia lingua.

A lectura fácil refírese tanto a información e textos literarios escritos (folletos, prospectos médicos, caretelaría, revistas, libros), información hipertextual (noticias en páxinas web), información sonora (radio e podcast) como visual (televisión e vídeos).

Utilizando este método de lectura fácil, e seguindo as pautas europeas de lectura fácil, que afecta tanto á adaptación de textos, ilustracións como a súa maquetación, a Federación Plena Inclusión publicou estes días diversos documentos sobre o coronavirus e o estado de alarma e as persoas con discapacidade intelectual.

Entre estes documentos están as recomendacións para previr o coronavirus (folleto), as recomendacións a seguir polos doentes de coronavirus de corentena na súa casa, a información sobre a atención en urxencias ou no hospital, o documento do Real Decreto que establece o estado de alarma, a información sobre o estado de alarma para persoas con discapacidade intelectual ou aqueloutra para persoas en centros penitenciarios.

 Textos de lectura inclusiva todos eles que levan o logotipo de lectura fácil que os identifica e que poden ser utilizados por todo tipo de persoas con dificultades de comprensión lectora.

 Manuel Bragado Orientación do CEIP de Laredo.