Enderezo: Rúa do Peirao nº3 Chapela - Redondela (Galicia) Telf: 886 11 06 82 - Email: equipodirectivo@ceipdelaredo.com Horario: L-V 09:00h-14:00

O Orientador responde...27/03 "A xestión das emocións na corentena"

27/03

Nesta situación excepcional de confinamento, os pais e nais das crianzas de Educación Infantil e Primaria, ademais de organizar as rutinas diarias, conservando os seus hábitos de alimentación, lecer e sono saudables, son as pezas fundamentais da súa seguridade afectiva e desenvolvemento emocional. Os menores non son alleos ao que está sucedendo e nesta situación senten emocións como enfado, alegría, tristeza ou incluso medo e inseguridade, que requiren ser xestionadas.

 Unha situación excepcional que brinda a oportunidade a pais e nais a estar máis presentes nas vidas das súas crianzas, dedicando tempo a falar, xogar e mesmo a aburrirse xuntos. Unha situación que proporciona a posibilidade de poñer en marcha na familia as estratexias da intelixencia emocional, o que facilitaría que os menores adquirisen niveis máis elevados de tolerancia á frustración e resiliencia.

 A corentena, aínda que poida parecer estraño, pode axudar a que as crianzas coñezan no seu fogar o valor de palabras como empatía, solidariedade, respecto ou tolerancia. Máis aínda, a longo prazo este incómodo confinamento é posible que as axude a facer fronte aos retos da vida diaria e dos momentos de crise coma o que estamos sufrimos.

 Con esta intención, Elena Fernández Serrano, orientadora educativa do noso centro o pasado curso, propón unha serie de pautas que poden axudar ás familias do alumnado de Infantil e Primaria a xestión emocional desta crise do coronavirus:

  1. Falar as crianzas con franqueza e sinceridade sobre a situación, o que xerará nelas confianza e seguridade.
  2. Utilizar unha linguaxe adaptada a súa idade, utilizando os termos e os datos científicos dispoñibles.
  3. Utilizar fontes fiables evitando bulos ou datos alarmistas, que poden provocar nos máis pequenos maior ansiedade e preocupación.
  4. Seguir as recomendacións das autoridades sanitarias sobre as medidas de prevención do contaxio (lavado das mans).
  5.  Escoitar as súas dúbidas e responder as súas preguntas de forma clara, variando os temas de conversa.
  6.  Identificar os pensamentos que poidan xerarlles malestar, o que pode axudar aos proxenitores a proporcionar respostas axeitadas que contribúan a mellorar o estado emocional dos pequenos.
  7.  Recoñecer e aceptar as emocións, algo que afecta tanto ás persoas adultas como ás menores. Non hai emocións malas nin boas, todas axudan a adaptarnos á realidade.
  8. Intentar manter unha actitude optimista e alegre. Unha boa xestión emocional axudará a manter unha mellor saúde física de toda a familia.

Manuel Bragado Orientación do CEIP de Laredo