Blogue
Programa de innovación educativa: "Introdución á robótica educativa en primaria"
Este curso, por segundo ano, solicitamos participar neste proxecto de innovación educatica, en 5º e 6º de primaria. Acaba de facerse pública a resolución definitiva dos centros admitidos, e seleccionáronnos para ampliar a participación durante o curso 2018-2019.
Recibiremos da Consellería unha nova dotación de material:
- 6 robots de uso educativo
- 6 kits de construción
- Manual de uso
- Guía didáctica
Unha parte importante do profesorado do centro participará nesta iniciativa, e así veranse beneficiados non só o alumnado de 5º e 6º de primaria, senón tamén outros niveis educativos.
Reinventando o patio de primeiro e segundo
Este mes un grupo de familias estiveron traballando no patio cuberto de primeiro e segundo para dar un número maior de opcións para o tempo de lecer ao noso alumnado.
Este pequeno proxecto ten moitos aspectos positivos, entre outros podemos destacar:
- máis opcións de xogo libre
- implicación das familias
- colaboración escola-familia
Desde aquí queremos dar as grazas a todo o equipo de pais e nais que se achegaron ao centro para transformar o patio nunha zona máis atractiva e dinámica de xogo. Velaquí tedes unha parte do resultado final.
Estade atentos, que pronto voltarán ao cole para continuar con este pequeno proxecto que supón un cambio importante nos recreos do noso alumnado.
E ti, queres formar parte deste proxecto? Pronto terás noticias de como participar.
Chega o Samaín
Enviado por Anónimo o Xov, 2018-10-25 20:22Ao noso cole está chegando o samaín. As aulas e os corredores xa empezan a estar decorados co traballo dos nenos e nenas.
No corredor principal estamos a montar a Exposición de cabazas, actividade organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Queremos dar as grazas ás familias, por colaborar con nós nesta actividade.
Aquí podedes ver un adianto da exposición.
Toda a comunidade escolar está convidada a visitar a exposición, que permanecerá aberta ata o mércores 31 de outubro.
Nos próximos días actualizaremos con fotos de todas as cabazas presentadas.
Actuacións da Escola de Música.
O pasado martes, día 19, os alumnos da Escola de Música de Ortigueira ofreceron un concerto no colexio. O alumnado máis pequeno, agrupado na coñecida "Banda de Papel", interpretaron maxistralmente unha serie de temas cos seus peculiares instrumentos.
Están a dar os seus primeiros pasos no mundo da música, pero xa se aprecia un gran potencial.
Ademais de ofrecernos o seu talento, tamén o pasaron estupendamente. A música, se non é divertida, non é música.
Un dúo precioso de frautas traveseras. Ao fondo, outros alumnos esperan a súa quenda mentres escoitan aos seus compañeiros.
O profesor dá instrucións ao alumnado e coordina o traballo en equipo.
Para ver máis fotos premer a ligazón á galería.
Entrega de premios "Olimpíada do Saber" - Biblioteca
A 5ª xornada da "Olimpíada do Saber" chega ao seu fin, e con ela o recoñecemento do esforzo realizado polo alumnado.
As alumnas e alumnos foron premiados cun pequeno agasallo. Dende o Equipo de Biblioteca animamos a todo o alumnado a participar na próxima xornada. E sobre todo animamos a gozar da lectura nesta próxima época vacacional. Pon un libro no teu tempo de lecer!
Festa do deporte - Infantil
Coma todos os anos, o CEIP José María Lage celebra a festa do deporte na etapa de Infantil. O alumnado participa dunha xornada moi especial chea de actividades, retos e aventuras.
O uso dos zancos sempre é un reto, pero coa axuda da mestra todo é posible.
Os birlos é unha disciplina moi difícil, pero é parte da súa graza e os nenos pásanllo xenial.
Organización e dun en un! Así todo sae moito mellor.
Detrás da corda amarela! Hai liñas que son moi difíciles de respectar.
Kamishibai - 2ºA
O alumnado de 2ºA, elaboramos por grupos uns contos para o Kamishibai, teatro típico xapones que quere dicir "teatro de papel". Este luns 18, visitamos as aulas de infantil para ler os nosos contos. Tod@s estiveron moi atentos e gustoulles moito! "
É básico o traballo en equipo. Cada un ten a súa responsabilidade e o éxito da representación depende de que todos acheguen a súa parte.
Os nenos de infantil estiveron moi atentos e concentrados no bo traballo dos maiores.
E os máis pequenos tampouco perderon detalle!
Unha forma diferente de achegar unha boa historia aos máis pequenos.
Visita de Paco Nogueiras.
Hoxe recibimos a visita de Paco Nogueiras, gracias ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Tod@s o pasamos xenial bailando e cantando co seu "Brinca Vai". Foi un día cheo de música!
Excursión 1º: Educación Viaria en Foz.
O pasado día 5 de xuño, o alumnado do primeiro curso asistiu a unha sesión de Educación Viaria, ofertada polo concello de Foz e a súa Policía Local, aos cales lle estamos moi agradecidos.
As nenas e os nenos participaron nunha xornada entretida e didáctica, na cal aprenderon as normas básicas de circulación e practicaron cunha serie de vehículos no circuíto habilitado para ese fin.
Antes de coller os vehículos e recibir a sesión práctica, o alumnado tivo unha sesión teórica moi amena.
As nenas e os nenos prestan atención ás explicacións dos dous policías locais, Jesús Amor e Jorge Galante.
Cada alumno recibiu un carné por puntos. Afortunadamente todo o alumnado respectou as normas e ninguén recibiu ningunha sanción.
O alumnado, tremendamente entusiasmado, desenvolveu unha sesión práctica no circuíto. En xeral respectaron as normas e as sinalizacións, aínda que algúns descoidados preferían conducir pola esquerda ao máis puro estilo británico.
A seguridade é o primeiro e o uso de casco imprescindible.
Os policías coidaron dos nenos en todo momento. Estámoslles tremendamente agradecidos.
As aprendizaxes adquiridas van máis aló dun circuíto pechado e uns karts. Todo o que aprenderon poderano aplicar á súa vida diaria, ben camiñando, andando en bicicleta ou lembrando aos adultos as normas, que boa falta nos fai.
Despois de tantas emocións e aprendizaxes demos un pequeno paseo por Foz, moi agradecidos de que o tempo nolo permitise.
Comemos no parque e pasámolo estupendamente ben. Agradecemos ao equipo de comedor o ben que coidaron de nós e o boa que estaba a comida!
Os mestres quedaron moi satisfeitos co comportamento do alumnado, co tempo climatolóxico, co éxito da actividade e sobre todo quedaron moi aliviados ao volver con todos os rapaces sen lesións nin feridas!
Para ver o resto de fotos podes premer a ligazón á galería de fotos.
Equipo de comedor - alumnado.
O equipo do comedor agradece ós de Sexto o seu gran traballo como colaboradores!!!
Tamén lles damos as gracias ós de quinto que nos axudaron un montón!!!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- seguinte ›
- última »
