Skip to Content

Actividades

Agullas e faces

 

A exposición “Agullas e faces” pretende ser unha homenaxe ás nosas costureiras de mar e de terra. Por iso tódalas obras teñen algún elemento que evoca o téxtil.

 

Ademais, coa exposición queremos mover á reflexión sobre a pluralidade de “faces” que as mulleres teñen na nosa sociedade: face-profesional, face-tarefas domésticas, face-xestora...

 

Conta con distintos espazos expositivos, interactivos e reflexivos, que se fusionan entre si, retroalimentándose, nos que a arte conceptual xoga un importante papel.

 

Na planta baixa podedes ver distintas obras: faces remendadas (inspiradas en Enrico Baj), faces cubistas, peles (inspiradas en distintos artistas: Pollock....), anonimato e mulleres reloxo (inspiradas en Sheila Hicks e Gunter Forg) encóntrase no vestíbulo.

 

Na zona de educación infantil podedes ver as chemineas (inspiradas en Judith Scott), sobre as que podedes tecer cos fíos.

 

Muller...? é o título das esculturas que se atopan na biblioteca, que pretenden mover á persoa que as observa a entrar no xogo de poñerlles título. Muller-cárcere? Muller-gaiola?...

 

A exposición continúa na planta alta, onde, a ambos lados das escaleiras, podemos ver as cabezas de muller, que pretenden transmitir a idea dos múltiples roles que a muller representa na sociedade actual. Na mesma planta podemos ver tamén as nasas, escultura orgánica que simboliza o pulso que moitas mulleres lle botan ao tempo para conciliar todos os seus roles; e as heroínas do teito de cristal, obra inspirada nas heroínas de Sálvora e no logo do noso centro. A plancha transparente da superficie superior simboliza o teito de cristal ao que as mulleres se enfrontan á hora de tratar de ascender na súa profesión.

 

Agardamos que poidades gozar desta exposición.

 

E, sobre todo...prohibido NON tocar!!

Quen non poida vir, pode ver as imaxes na galería da nosa páxina web.

 

Exposición: Baleiros

Desde o CEIP Heroínas de Sálvora, presentamos a exposición "Baleiros”, que quere commemorar o Día da Lingua Materna.

Con esta exposición queremos provocar unha reflexión sobre as múltiples ausencias ou “baleiros”, do galego na nosa vida cotiá. O galego está ausente de moitos dos ámbitos da nosa vida: os produtos que hai na nosa cociña ou no noso cuarto de baño non están etiquetados en galego, como non está en galego a publicidade ou a prensa.

Todos eses baleiros da nosa lingua materna quedan reflectidos nas distintas partes da exposición:

  • Portas baleiras, estruturas inspiradas en Chillida e Silverio Rivas. Os xornais cos que están feitas teñen o baleiro do noso idioma, están ocos de lingua materna, igual que as estruturas son ocas.
  • Caixas sen latexos. É unha obra interactiva, na que o alumnado pode explorar se hai algo dentro ou está baleira.
  • Botes baleiros: son unha metáfora da fraxilidade na que se encontra o noso idioma en moitos espazos de vida e comunicación.
  • Estantes baleiros. Queren transmitir a idea de ausencia de produtos etiquetados en galego.
  • Peitos baleiros: os seus baleiros transmiten a idea do baleiro que nas nosas neveiras ou nos nosos cuartos de baño hai con respecto ao galego.
  • Caixas cheas de baleiros. Obra interactiva na que podemos ver en que idioma están etiquetadas as caixas dos produtos que adquirimos no supermercado.
  • Marcos baleiros: simbolizan como borramos o galego das nosas lembranzas. Na medida en que vaiamos abandoando o galego na nosa fala, desaparecerá, como unha especie en vías de extinción.
  • Flores baleiras: por moi fermosa que sexa unha flor, sen polen no interior non pode reproducirse. Iso mesmo pasará co noso idioma se vai perdendo espazos de difusión.
  • Linguas a remollo. Esta escultura convida a unha reflexión final: que podemos facer nós para evitar que o galego vaia perdendo espazos?

A nosa fonte de inspiración para o traballo foi a Arte Conceptual e Arte Povera. Os materiais con que están feitos forman parte do significado da propia obra.

Podedes ver máis fotos da exposición aquí. Agardamos que vos guste!

Rosalías

O 24 de febreiro celebrouse o día de Rosalía, data que conmemora o nacemento da máis universal das escritoras galegas.

Quixemos celebrar ese día organizando unha exposición que visibilice ás mulleres que, como Rosalía, len e escriben.
E pensamos que o mellor xeito de facelo sería utilizando obras de arte coñecidas nas que aparecen mulleres lendo ou escribindo, como esta que vedes:

Pinchando na imaxe, podedes acceder ao álbum onde temos as fotos da exposición.

Agardamos que vos gusten, e que vos animen a ler e escribir, como fixo Rosalía.

Distribuir contido


by Dr. Radut