Blogue do 2º ciclo

HOMENAXEAMOS A ROSALÍA DE CASTRO

Este 24 de febreiro de 2014 todos celebramos, outro ano máis, o aniversario do nacemento da gran Rosalía de Castro.
Para centrarnos, sobre todo os máis pequenos, en primeiro lugar vimos esta presentación, preparada no noso centro, sobre a súa vida e obra:

 

 
 
Tamén vimos este vídeo en youtube da Asociación de Escritores en Lingua Galega
 

 e participamos con outros moitos centros do Morrazo nunha gravación de vídeo "O Morrazo esperta a Galicia" baseado no seu poema ALBORADA

MIRADE, HAI ONDE ESCOLLER!

Botade unha ollada, por favor, a estes enlaces e comprobaredes que hai onde escoller, moito e variado. Incluso podedes atopar aplicacións de balde para teléfonos móbiles e outros dispositivos, descargas gratuítas de música...{#emotions_dlg.laughing}

AGASALLOS VARIADOS

Tamén nesta páxina hai moito e moi variado Canso

ONDE ESCOLLER  

 

E non esquezades dar unha volta tamén polas Recomendacións da Coordinadora de EDLGs. do Morrazo sobre libros, libros+cd ou dvd... publicados nos últimos meses  Guiño

REGALA GALEGO

CALENDARIO 2014: CONCURSO PARA ILUSTRALO

calendario

Desde hai moitos anos vimos realizando o noso calendario e queremos continuar. Solicitamos axuda para as ilustracións. Aquí podedes ver dous destes anos pasados. Poden participar todos os membros da nosa comunidade educativa: profesorado, alumnado, persoal non docente, xunto cos seus familiares: irmáns, irmás, nais, pais, avoas, avós, tíos, tías, curmás, curmáns...

As coplas serían :  Só depende d@s galeg@s,/ que esta lingua siga viva/ Axudamos se falamos/ con amor e alegría. E a de Rosalía de Castro: Que así mo pediron,/ que así mo mandaron,/ que cante, que cante,/ na lingua que eu falo.

O prazo para a entrega rematará o martes día 26 de novembro. O calendario gañador distribuirase entre todos os membros da nosa comunidade educativa e intercambiarase tamén con centros da zona.

Moi agradecidos.

 


XA TEMOS O NOSO CALENDARIO 2014! MOITÍSIMAS GRAZAS A TODAS AS PERSOAS QUE COLABORARON!{#emotions_dlg.smile}

 

 

    COS NOSOS MELLORES DESEXOS, QUE PASEDES MOI BOAS FESTAS E UN FELIZ ANO 2014!

BUSCANDO ATOPAMOS MOITO E INTERESANTE

 
 COORDINADORA DE ENDLS. E REVISTA PARA AS FAMILIAS
 Hai moitas actividades e informacións moi variadas, desde xogos ata música, que se actualizan continuamente en http://www.coordinadoraendl.org/entrada.php 
 
REVISTAS MENSUAIS DE INTERESE PARA TODA PERSOA,  FAMILIAS... en   http://www.coordinadoraendl.org/entrada.php?paxina=ollosdeaula/ollosdeaula.html
Aquí está o primeiro número, pero podedes ver todos no enlace anterior.

Buscando podemos atopar algo interesante

COORDINADORA DE ENDLS. E REVISTA PARA AS FAMILIAS 

http://www.coordinadoraendl.org/entrada.php   Pode axudar moito e darnos ideas polas variadas actividades e informacións que recolle. Será un tempo ben empregado o invertido en buscar nela.

Revista para as familias "OLLOS DE AULA" Nº1

Podedes ver todas estas revistas, que son moi interesantes pulsando en   http://www.coordinadoraendl.org/limiar.php?pax=ollosdeaula/ollosdeaula.html

 Este é só un exemplo:

 

OS NOSOS POEMAS FAVORITOS

 

 OS NOSOS POEMAS FAVORITOS

Aquí está a nosa cuarta posibilidade de votar. Neste caso, polos poemas máis fermosos na lingua galega, estean musicados ou non, o mesmo dá. Isto é só unha escolla para ir mellorando. Agradeceriamos moitísimo calquera opinión, suxestión...  ao final desta actividade á dereita, pulsando no lugar dos comentarios. Se ademais do nome do poema e autor, podedes facernos chegar a letra completa ou o xeito de poder atopala, enormemente agradecidos. Tamén podedes enviar algunha poesía anónima que coñezades e vos guste, un poema da vosa autoría que queirades compartir...

 

Primeiro facede un "clic" sobre esta imaxe para ver todos os títulos dos poemas. Deseguida, xa podedes pulsar sobre os tres que máis vos gusten e así, segundo o número  de votos, van aumentando de tamaño. Só se poden engadir tres votos cada 24 horas e, como canta máis participación mellor, solicitamos a cooperación do maior número de persoas distintas do voso fogar, da vosa familia, traballo, amizades...

Á vosa completa disposición e encantados de poder axudar en todo canto estea na nosa man, aclarar dúbidas... e se vedes algo que se poida mellorar comentádenolo, por favor. Moitas grazas pola vosa participación.

 Imos empezar con algúns que lles gustan moito a varias persoas e nolo comunicaron:

EU EN TI

Eu xa te busquei                                                         
cando o mundo era unha pedra intaita.
Cando as cousas buscaban os seus nomes,
eu xa te buscaba.

Eu xa te procurei
no comezo dos mares e das chairas.
Cando Deus procuraba compañía
eu xa te procuraba.

Eu xa te chamei
cando soio a voz do vento soaba.
Cando o silenzo chamaba polas verbas,
eu xa te chamaba.

Eu xa te namorei
cando o amor era unha folla branca.
Cando a lúa namoraba as outas cumes,
eu xa te namoraba.

Sempre,
dende a neve dos tempos,
eu, na túa ialma.

Celso Emilio Ferreiro (1991) O soño sulagado. Vigo. Edicións Xerais de Galicia.

 

XANEIRO 1972, II

Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a esperanza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero sorrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non dicir Moraima.

Celso Emilio Ferreiro (1980) Onde o mundo se chama Celanova. Obra completa, 2. Madrid. Akal editor.

 

¿COMO HEI VIVIR MAÑÁ SEN A LUZ TÚA?

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Case morto vivín sen coñecerte
aló na chaira seca por absurdas rúas
onde ninguén me soubo dar mornura.
Foi soedade desconforme adentro
e a semente a caír en terra dura.

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Erguinme e vinte ó regresar á terra
como se fora todo aquilo un soño
pesado e ti xa foras sempre miña.
Foi outra vez materno en aloumiño
o bico teu na lingua.
E foi de novo corazón adentro
comprender a existencia e a dozura.

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Pero hoxe mesmo o día abriu en medo
entrou na fiestra un sol estraño inmenso
e deixáchesme o leito en mantas frías.
Está a volver agora corazón adentro
a soedade o podre a agonía
a me pinchar as cousas en millóns de pugas
cada minuto en séculos de agullas.

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Bernardino Graña (1980) Se o noso amor e os peixes...Vigo. Edicións Xerais de Galicia.

 

XAN

Xan vai coller leña ó monte,                                              
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo...
Xan, en fin, é un Xan compreto,
deses que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
case sempre atopa un Pedro.

Pepa, a fertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentres seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
marmura coa irmá do crego,
mira si hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros,
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, que agachado
traillo en baixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera antre as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:

—Por Deus non barulles moito...
que me estou mesmo morrendo.
—¿Pois que tes, ña mulleriña?
—¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio...
—Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentres os meniños deito.

De bágoas se enchen os ollos,
de Xan ó ver tales feitos;
mais non temás, que antre mil,
n' hai máis que un anxo antre os demos;
n' hai máis que un atormentado
antre mil que dan tormentos.

Rosalía de Castro (1972) Follas Novas.Vigo. Edicións Castrelos.

 

¡PRA A HABANA!

I

Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña,
deixárono soio,
coa roupa vestida.
«María, eu son mozo,
pedir non me é dado,
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adeus, adeus, prendas
do meu corazón!»

Rosalía de Castro (1972) Follas Novas.Vigo. Edicións Castrelos.

NEGRA SOMBRA

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ao pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

Rosalía de Castro (1972) Follas Novas.Vigo. Edicións Castrelos.

 

A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan soia
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!


Manuel Curros Enríquez (1992) Poesía galega completa. Vigo. Galaxia.

 

NA TUMBA DE ROSALÍA                                                                                                                                                                   REVERSO DA POSTAL EDITADA EN 1908 CO POEMA DE CURROS "NA TUMBA DE ROSALÍA"


Collidas a pedir de porta en porta
(que non herdei xardíns nin hortas teño)
¡Sombra sen paz da nosa Musa morta!
Aquí estas frores a traguerche veño.
 
I ó esparexelas sobre a pedra fría
que un Resurrexit pra crebarse agarda,
sinto cuase o temor que sentiría
o ladrón que recea e se acobarda.
 
Coma el, ao che deixar a miña ofrenda,
a soedade en miña axuda chamo,
que se el ten medo que a xustiza o prenda,
temo eu que me marmuren os que amo.
 
Tanto do noso tempo a xente esquiva,
as patrias glorias burla i escarnece:
¡Xeneración de mánceres cativa
que astra o pai que a enxendrara descoñece!
 
Que hoxe é pecado relembrar fazañas
porque impotentes para as facer nacemos
e cecais que gabar glorias estrañas
nos console das propias que perdemos.
 
O valor, o carácter, as ideas,
fala, costumes... son lendas douradas
¿De que cor serán ¡ai! as alleas
que nos fan ler a couces e pancadas?
..........................................................................
Mais dorme, Rosalía, mentres tanto
nas almas míngoa a fe i a duda medra
¡Quen sabe se deste recinto santo
non quedará mañá pedra con pedra!
 
¡Quen sabe se esta tumba, nese día,
chegará a ser tras bélicas empresas,
taboleiro de iankee mercería
ou pesebre de bestas xaponesas!

Manuel Curros Enríquez (1992) Poesía galega completa. Vigo. Galaxia.

 



NAI

 Eu non choro por ti, pois sei que mouras

xunto á fonte do tempo, alá no fondo

de tódolos camiños das estrelas.

 

Choro por min, cun pranto inconsolábel,

que me quedei sen ti, meu limpo espello,

coma un arbre na noite, sio e núo,

fendido polo cerne, coas raíces

sen os doces segredos das violedas.

 

Choro por min, por estas maus de cinza

que outrora foron pombas,

cando o meu corazón era un paxaro

e ti pasabas sempre atafegada

nun rumor de formiga labourando.

 

Tecían as albercas seus abrentes

i eu era un vagalume, unha estreliña

ateigada de luz polas vereas.

Deus estaba con nós.

 

Agora estou soliño,

orfo de beixos tépedos sen mácula.

Choro por min que xa non teño colo

para pousarme nil coma nun niño,

miña nai imposíbel, viva e morta

no cristal dos meus ollos.

Celso Emilio Ferreiro (1991) O soño sulagado. Vigo. Edicións Xerais de Galicia.

 

A FALA

Nobre e harmoniosa
fala de Breogán,
fala boa, de fortes
e grandes sen rival;
ti do celta aos ouvidos

sempre soando estás
como soan os pinos
na costa de Froxán;
ti nos eidos da Celtia
e co tempo serás
un lábaro, sagrado
que ao triunfo guiará,
fala nobre, harmoniosa,
¡fala de Breogán!

Ti, sinal misterioso
dos teus fillos serás
que polo mundo dispersos
e sen abrigo van;
e a aqueles que foran
nunha pasada edá
defensores dos eidos
contra o duro román
e que aínda cobizan
da terra a libertá,
nun pobo nobre e forte,
valente, axuntarás,
¡oh, fala harmoniosa,
fala de Breogán!

Serás épica tuba
e forte sen rival,
que chamarás aos fillos
que aló do Miño están,
os bos fillos do Luso,
apartados irmáns
de nós por un destino
envexoso e fatal.
Cos robustos acentos,
grandes, os chamarás,
¡verbo do gran Camoens,
fala de Breogán!

Eduardo Pondal (2001). Poesía galega completa II Poemas Impresos, edición de Manuel Ferreiro. Santiago de Compostela. Sotelo Blanco

 

FALADE GALEGO

Meniñas da Cruña,
de amabre despexo,
de falas graciosas
e pasos lixeiros,
deixá de Castela
os duros acentos:
falade, meniñas,
falade galego.

Cando é que vos ouzo,
a patria esquecendo,
falar esas duras
palabras de ferro,
non sei o que sufro,
non sei o que peno:
falade, meniñas,
falade galego.

Mas cando falades
nos patrios acentos,
envoltos no voso
anxélico alento,
parece que escoito
un canto do ceo:
falade, meniñas,
falade galego.

Eduardo Pondal (2001). Poesía galega completa II Poemas Impresos, edición de Manuel Ferreiro. Santiago de Compostela. Sotelo Blanco

 

SOMOS UN OU SOMOS DOUS, OU TANTOS COMO EN NÓS TEMOS?

 

Somos un ou somos dous, ou tantos como en nós temos?

Cada un é o caber dun mundo que non sabemos

si somos ou si el é o que ten e nós mecemos.

María Mariño (1963) Palabra no tempo. Lugo. Editorial Celta.

 

AMOR APRESURADO

Miráchesme, miréiche, nos miramos;
Sorríchesme, sorrinme, os dous sorrimos;
Nos nosos ollos nosa imaxe vimos:
Ti nos meus, eu nos teus nos retratamos,

Desde entonces d'amor nos abrasamos;
Un mesmo gusto ou pena os dous sentimos,
E anque a paraxes diferentes imos,
Decote no camiño tropezamos.

Xa que do corazón libres dispomos,
Ós paxaros dos bosques imitemos,
Que os niños fan entre ramaxe e gomos;

Nosa doce ventura apresuremos,
Que a vida é curta e responsables somos
Do tempo tan precioso que perdemos.

Francisco Añón Paz (1966) Poesías Galegas, A Coruña. Publicacións da Real Academia Galega.

 

 

 

CANTIGA DO NENO DA TENDA

Bos aires ten unha gaita
sobre do Río da Prata
que a toca o vento do norde
coa súa gris boca mollada.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Aló, na rúa Esmeralda,
vasoira que te vasoira
polvo de estantes e caixas.
Ao longo das rúas infindas
os galegos paseaban
soñando un val imposíbel
na verde riba da pampa.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Sinteu a muiñeira de ágoa
mentres sete bois de lúa
pacían na súa lembranza.
Foise pra beira do río,
beira do Río da Prata
Sauces e cabalos núos
creban o vidro das ágoas.
Non atopou o xemido
malencónico da gaita,
non viu o inmenso gaiteiro
coa frolida dálas:
triste Ramón de Sismundi,
beira do Río da Prata,
viu na tarde amortecida
vermello muro de lama

Federico García Lorca (1978) Seis poemas galegos. Madrid. Akal editor, Col. Arealonguiña.

GALICIA

"Galicia docemente
está ollando o mar:
ten vales e montañas
e terras pra labrar! 

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
cargados de traballos,
cargados de trafegos!

Galicia é unha nai
velliña, soñadora:
na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
Pero hai outra Galicia
que vai no sentimento!

Galicia somos nós:
a xente e mais a fala.
Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!"

Manuel María (1972) Os soños na gaiola. Lugo. Editorial Celta.

 

OS PINOS. HIMNO GALEGO

 

¿Que din os rumorosos,
na costa verdecente,
ó raio trasparente
do prácido luar...?
¿Que din as altas copas
d’escuro arume harpado
co seu ben compasado,
monótono fungar...?

“Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso clan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono,
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden,
e con arroubo atenden
o noso rouco son;
mas sós os ignorantes
e férridos e duros,
imbéciles e escuros,
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades,
qu’as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois onde quer, xigante,
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

Eduardo Pondal (2001) Poesía galega completa II. Poemas impresos, edición de Manuel Ferreiro. Santiago de Compostela. Sotelo Blanco.

 

NO NIÑO NOVO DO VENTO

No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quén poidera namorala,
meu amigo!

Ten áers de frol recente,
cousas de recén casada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
quén poidera namorala,
meu amigo!

Álvaro Cunqueiro (1980) Cantiga nova que se chama Riveira, en Obra en galego completa. Vigo. Galaxia.

DEITADO FRENTE AO MAR... 


Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro (1978) Obra completa, I . Madrid. Akal editor.

 

IRMAUS

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo.

Celso Emilio Ferreiro (1997) Longa noite de pedra. Vigo. A Nosa Terra.

MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR

 

Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.

Mentras o tomo, espero.


Celso Emilio Ferreiro (1978) Obra completa, I . Madrid. Akal editor.

 

 

MARÍA SOLIÑA

 

Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.


Nos areales de Cangas,
muros de noite se erguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.


As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.


As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.


Baixo os tellados de Cangas
anda un terror de auga fría:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

Celso Emilio Ferreiro (1978) Obra completa, I . Madrid. Akal editor.

 

ONDAS DO MAR DE VIGO

Ondas do mar de Vigo,
se vistes meu amigo?
E ai Deus! se verrá cedo?

Ondas do mar levado,
se vistes meu amado?
E ai Deus! se verrá cedo?

Se vistes meu amigo,
o por que eu sospiro?
E ai Deus! se verrá cedo?

Se vistes meu amado,
por que hei gran coidado?
E ai Deus! se verrá cedo?

 Martín Codax (1998) Martín Codax. Cantigas. Vigo. Editorial Galaxia.

O MAIO

Aquí vén o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros Enríquez (1996) Aires da miña terra. Vigo. AS-PG.

 

O MEU BARCO

 

Teño un barco de xoguete
e nel me quero embarcar.
Polos mares dos meus soños
¡quen me dera navegar!


Navegarei por mil ríos,
sete mares hei cruzar.
¡No meu barco de xoguete
cansarei de viaxar…!


¡No meu barco de xoguete,
mariñeiro e capitán…!
¡Non teño medo ó trebón
nen me asusta o furacán!


¡O meu barco de xoguete!
¡O meu barco moito val:
verei terras, verei illas,
verei mares de coral…!


¡Andei por tódolos mares!
¡Xa cansei de navegar
co meu barco de xoguete
sen saír do meu fogar!

 

Manuel María (1972) Os soños na gaiola. Lugo. Editorial Celta.

 

 


Polo de agora, rematamos con este manuscrito de Claudio Rodríguez Fer (2004) A loita continúa. Vigo. Xerais. 

 

 

 

 

 

 

 

QUE CANCIÓNS GALEGAS NOS GUSTAN MÁIS?

CANCIÓNS GALEGAS QUE GUSTAN

Presentámosvos algunhas cancións en galego que soen gustar moito. Ao mellor non están nunha versión que algunhas persoas agardan. Isto é só unha escolla para ir mellorando. Podemos escoitalas pulsando sobre o seu título :


"AÍ VÉN O MAIO"
por Luís E. Batallán, letra de Curros Enríquez.

"A RIANXEIRA"
por Dulce Pontes, Carlos Núñez & The Chieftains.

"QUEN POIDERA NAMORALA"
de A. Cunqueiro e  música de L.E. Batallán.

"O MIUDIÑO"
por Astarot.

"A CAROLINA"
por Fuxan os Ventos.

"O MEU AMOR É MARIÑEIRO"
por Fuxan os Ventos, letra de Manuel Alegre.

"IRMAUS"
por Fuxan os Ventos, letra de Celso Emilio Ferreiro.

"COMPAÑEIRA"
por Fuxan os Ventos.

"CORPIÑO XEITOSO"
por Luís Tosar, de Andrés  L. Do Barro.

"MIÑA TERRA GALEGA"
por Lucía Pérez, de Siniestro Total.

“HIMNO GALEGO”
por Lucía Pérez, letra de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga.

"NEGRA SOMBRA"
por Luz Casal, letra de Rosalía e música de Xoán Montes.

"LELA"
 por Dulce Pontes, de A. Daniel R. Castelao.

"RAP DA LINGUA"
por Migallas.

"MORAIMA"
por Ana Belén e Milladoiro, letra de Celso Emilio Ferreiro.

"EU EN TI"
por Uxía, letra de Celso Emilio Ferreiro.

"O TREN"
por Andrés  L. Do Barro.

"ADEUS RÍOS, ADEUS FONTES"
por Lucía Pérez, letra de Rosalía e música de Amancio Prada.

"CHOVE EN SANTIAGO"
por Luar Na Lubre, letra de Federico G. Lorca.

"AI AMOR"
por A quenlla, letra de Xosé Neira Vilas.

"O MEU PAÍS"
por Miro Casabella, letra de X.M. Casado e música do cantaautor.

"CATRO VELLOS MARIÑEIROS"
por A Roda.

"VEN BAILAR, CARMIÑA" 
por Luar Na Lubre.

"POUSA, POUSA..."
por Luar na Lubre.

"CAMARIÑAS"
por Luz Casal e Luar Na Lubre.

"XENTE"
por Berrogüetto.

"ALECRÍN"
pola Orquestra Sinfónica de Melide.

"XIRAREI"
por Xil Ríos.

"TEÑO SAUDADE"
por Ugia Pedreira, de Andrés  L. Do Barro.

"COA LINGUA DE FÓRA"
por Quempallou.

"UNHA NOITE NA EIRA DO TRIGO"
por Uxía,  letra de M. Curros Enríquez.

"O PIRIMPIMPÍN"
por Malvela.

"NA BEIRA DO MAR"
por Pili Pampín.

"ABRIL EN PORTUGAL-O SACRISTÁN DE COIMBRA"
por Xoán Eiriz.

"O RODABALLO"
por Xocaloma.

"QUERO VER COMO TE RIS"
de Medomedá  (cómico-festivo-lúdica, recomendada por varias persoas de

menos de 30 anos ).

"VOU A BUEU"

por Luís Tosar, de Andrés  L. Do Barro.

"FERROL"
por Los Limones.

"TORRES DE COMPOSTELA"
por Lucía Pérez.

"GAL-EGO"

por El puto Coke  (Hip-hop solicitado. Ademais as persoas que aparecen no vídeo podedes coñecelas, xa que son de Vigo e do Morrazo). 

Primeiro facede un "clic" sobre esta imaxe para ver todos os títulos das cancións. Deseguida, xa podedes pulsar sobre os tres títulos das cantigas que máis vos gusten e así, segundo o número  de votos, van aumentando de tamaño. Só se poden engadir tres votos cada 24 horas e, como cantas máis persoas participen mellor, solicitamos a cooperación do maior número de persoas distintas do voso fogar, da vosa familia, traballo, amizades...

Pulsades en comentarios, ao final desta actividade á dereita, e aí podedes poñer, por exemplo, "Para min (título da cantiga, autor, onde se pode escoitar...) é moi fermosa e non a atopo"... e daquela, intentaremos engadila en canto poidamos. 

Á vosa completa disposición e encantados de poder axudar en todo canto estea na nosa man, aclarar dúbidas... e se vedes algo que se poida mellorar... comentádenolo, por favor. Agradecemos calquera colaboración. Somos conscientes que podemos mellorar moito, polo que estamos abertos a calquera crítica construtiva que poida servir para progresar como nos gustaría.

Moitas grazas por facer chegar isto a todas as persoas que poidadesAsí podemos contribuír a enriquecer o noso patrimonio,  a coñecer cancións que outras persoas consideran fermosas, a recuperar algunhas ou a que non vaian caendo no total esquecemento outras, a que unha parte do noso idioma propio, compoñente moi valioso da cultura universal, coma todas as linguas,  que a propia UNESCO, Consello de Europa... definen como creacións extraordinarias e lembran que necesitan moita protección, siga viva...

Agora todas as persoas, ata os máis novos, podedes elixir e votar polas cantigas que máis vos gusten máis doadamente.

MOI AGRADECIDOS POLA VOSA COLABORACIÓN!

Distribuir contido

Espiñeira nas ondas

Observa-acción 2018-2019/2019-2020

FOMOS PREMIADOS NO "CONCURSO DE TRABALLO POR PROXECTOS"

Galardonados co premio LIA

Eventos

« Abril 2020 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930

Proxceto de Historia: Unha viaxe polo tempo

      

Novo Proxecto Educativo