Actividades

Retos resoltos

Durante estes meses os nenos/as de 5º e 6º estiveron resolvendo varios retos que implicaron a utilización de distintos sensores e actuadores.

No mes de decembro utilizaron o sensor de temperatura que xa coñecían e aprenderon a programar e utilizar o motor servo. O reto que se lles expuso foi elaborar u termómetro que servise para detectar a temperatura (sendor de temperatura) e que, ademais de apreceer na pantalla do ordenador, tamén se puidese consultar nunha representación física (cartolina e motor servo). Neste vídeo nenos/as de 5º de E.P. explican o seu traballo.

 No mes de xaneiro estivemos lembrando algún dos actuadores que posúe o mBot e o sensor sigueliñas. Propúxose un reto con dúas partes que tiña que resolverse en equipo. Tiña que desprazarse unha distancia cara adiante de 20cm. reproducir unha nota musical, acender os leds, para logo retroceder 0,25m., reproducir outra nota e acender e apagar de novo os leds. Primeiro tiñan que resolver o problema sen utilizar o sensor sigueliñas e logo utilizando o sensor. Neste vídeo está  segunda parte resolta por parte dun grupo de 6º de E.P.

 Bo traballo!

Usamos as matemáticas cos mBot

Os nenos e nenas de 5º e 6º de E.P. estiveron practicando e repasando as operacións e os números romanos a través da programación dos mbot, para o que utilizaron a matriz led e o s

ensor de temperatura.

Mediante o traballo en equipo tiveron que solucionar varios retos nos que se solicitaba que mostrasen aos seus compañeiros/as operacións e números romanos que posteriormente tiveron que solucionar no seu caderno, medir a temperatura ambiente da BiblioLab, de distintos vasos con auga, calcular a temperatura media destes e conseguir que a auga tivese unha determinada temperatura, ben un número primo ou un número dado polos mestres/as.

As clases xa utilizaron a BiblioLab para o desenvolvemento deste proxecto, na que se atopan os recursos necesarios para o traballo diario, nestes vídeos mostramos algúns destes momentos.

 

Lembrámosvos que podedes seguir practicando e aprendendo cos mBot na BiblioLab.

As matemáticas e os escornabot

No desenvolvemento das actividades de robótica aplicada ás matemáticas estivemos traballando co escornabot para practicar as divisións e os números romanos co alumnado de 5º e 6º de E.P.

No vídeo observaredes algúns dos momentos destas sesións coa clase de 6ºA.

Tanto os taboleiros como os escornabot estarán dispoñibles na BiblioLab para que poidades repasar e retar a compañeiros/as de clase ou doutros cursos coas operacións ou con algún número romano.

 

Agardámosvos!

Arte robótica

Empezamos o curso lembrando cos nenos/as de 5º e 6º de E.P. como se montaba e desmontaba o mBot, así como as pezas que o compoñen.

Aproveitando esta actividade en grupo tiveron que, ao mesmo tempo que catalogaban as pezas, montar unha obra artística baseada no Knolling.

Aquí tedes o resultado.

 

Adiviñades que queren expresar con cada imaxe!

Proxectos finais cos robots

Durante o último trimestre os nenos/as de 4º e 5º estiveron traballando nos seus proxectos finais para os que utilizaron os mBot para desenvolver actividades con diversos obxectivos. O mércores 20 de xuño compartiron os seus traballos co alumnado de Educación Infantil.

Os nenos de 4º A e B deseñaron diversos xogos cos que aprender a sumar, as cores ou os números...para o alumnado de 6º de E.I. Utilizaron os sensores sigueliñas, de luz, ultrasónico, ademais dos actuadores de movemento, os leds de cores e as matrices led.

Os grupos desenvolveron:

  • Xogo de operacións, no que o robot avanzaba se o resultado que daban á suma  era correcto e retrocedía se era incorrecto. O obxectivo era chegar á meta.
  • Seguídeme!, no que o robot tiña predefinidos percorridos e os nenos/as tiñan que facer unha ringleira e seguilo.
  • Robot discoteca, cando detectaba un determinado nivel de luz o robot reproducía unha música e comezaba a moverse.
  • Teclados, varios robot permitían desenvolver un teclado acendendo luces con cada nota.
  • Robot prudente, no que percorría unha rúa e detíase cando unha persoa cruzaba polo paso de peóns.
  • Aprendemos cores e números, cando se di un número ou cor hai que levantar o cartón e o robot se despraza e se detén diante del, para logo retroceder agardando outro obxectivo.

  • Robot saúdo, o robot saúda a través da matriz led e logo a través do ordenador saúdaos chamándoos polo seu nome.
  • Aprendemos os animais. No taboleiro hai uns cartóns coas imaxes e nomes de animais, cando soa a voz dun animal teñen que sinalalo e se é correcto o robot proxecta na matriz led unha cara alegre e luz verde, se non é correcta unha cara triste e luz vermella.

 

 

 

Os nenos/as de 5ºA elaboraron catro contos para os que prepararon primeiro os escenarios e logo programaron os robots para que os percorresen utilizando os sensores sigueliñas. O mércores 20 exerceron de irmáns maiores cos nenos/as de 4º E.I., este foi o resultado:

Grazas pola implicación no proxecto tanto por parte dos nenos/as, como por parte das titoras/es.

Moitas grazas!

Música electrónica

Como obxectivo deste primeiro curso de implementación do programa BOTalle imaxinación, que está adicado á utilización da robótica de xeito trasnversal e como apoio a outras áreas, era que o alumnado coñecese os actuadores e sensores básicos dos que se compón o robot mBot, que se nos proporcionou ao adherirnos a este proxecto, e a utilización do programa mBlock como medio de comunicación co dispoisitivo. Para conseguilo planeamos distintos retos que motivasen á aprendizaxe destes aspectos específicos, pero que tamén necesitasen da aplicación doutras aprendizaxes que se adquiriran nas distintas áreas do currículo.

No último reto que desenvolvimos tratamos o achegamento ao sensor ultrasónico, que se encarga de medir distancias desde o sensor ata un obxecto determinado. Esta capacidade a atopamos na natureza en animais como o morcego e os cetáceos, e que coñecemos co nome de ecolocalización. Mediante a utilización do sensor os distintos grupos tiñan que conseguir que o seu teclado virtual reproducise unha melodía.

Para a realización deste teclado musical primeiro no grupo tiñan que repartirse as distintas funcións, unha foi a elaboración do teclado físico nunha folla de papel e outra a creación do programa que permitise analizar os datos suministrados polo sensor e transformalos en notas musicais. Finalmente ofrecerían un "concerto" coas melodías de cada grupo, na que optaron, pese a que se lles ofrecía unha como exemplo, por crear a súa propia ou tocar unha que xa coñecían. Este reto foi recollido do canal Youtube de JuegosRobótica.es

Nos distintos retos propostos tratamos que os conceptos de robótica estivesen relacionados co traballo noutras áreas e contribuísen á consecución das  diferentes competencias. Deste xeito, a través desta actividade, ademais da competencia dixital, tamén abordamos a competencia matemática, na utilización das unidades de medida, realizando medicións, cálculos sinxelos e utilizando operadores como "menor ou maior que..."; a competencia lingüística, mediante a tradución do texto coas instrucións do programa a través de mBlock; as competencias sociais e cívicas, chegando a acordos dentro do grupo a través do diálogo e distribuíndo as distintas funcións; a conciencia e expresións culturais, mediante a creación de melodías utilizando a escala musical, coñecendo a notación americana, e creando teclados musicais en función do seu gusto estético.


 

Esta foi a presentación que se usou co alumnado para guiar o proceso de solución do reto e que facilitou tanto a comprensión como a realización do programa. Aínda que se propoñía unha melodía como exemplo, todos os grupos optaron pola creatividade ou pola memoria para probar o funcionamento do teclado. Neste vídeo observaredes algúns dos momentos destas sesións e as melodías interpretadas polos nenos/as de 5º de E.P.

Tras coñecer e aprender o funcionamento dos actuadores e sensores básicos, os grupos das aulas de 4º e 5º E.P. terán que deseñar e elaborar un proxecto no que apliquen o aprendido ou, se é necesario, afonden máis en determinados aspectos (novos sensores, novos bloques de programación, novas aplicacións...). Nestes últimos retos os propios grupos serán os que regulen a esixencia e dificultade das actividades. 

Estade atentos ás propostas que xurdirán desde as aulas!

Novidades robóticas

Debido á demanda para asistir ao obradoiro da "man robótica" tivemos que programar novas edicións para que todo o alumnado que desexaba aprender a facer este "aparello" o puidese facer. Os primeiro grupo irá durante esta semana, xa que os nenos/as de 4ºB acudirán á aula creativa, para isto contaremos coa axuda de nenos/as de 4ºA que foi o primeiro grupo que participou nesta experiencia, aos cales queremos agradecer a súa implicación e colaboración para que outros alumnos/as aprendan con vós. Moitas grazas a Esther, Gorka, Iago e Verónica. A próxima semana será a quenda do alumnado de 5ºA.

Aproveitamos para anunciarvos que o 27 de abril para as aulas de 3º E.P. e o 2 de maio para as aulas de 5º E.P. desenvolverase no centro un obradoiro que combina a educación ambiental coa robótica, na que os nenos/as descubrirán como xestionar os residuos de xeito responsable a través de retos cos WeDo 2.0 de Lego. Posteriormente poderase particpar nun concurso no que se compartan ideas entre os diferentes centros participantes para reciclaxe e o cuidado do medio ambiente.

A actividade é gratuita, podedes obter máis información na web do proxecto http://www.planetalimpio.es/ e está promovida pola Fundación Prosegur.

Exposición Refugabots

Como mencionabamos noutra entrada, os nenos/as de 4º e 5º de E.P. deseñaron e logo construíron con material de refugallo uns robots froito do traballo en equipo e da súa creatividade. Foi o propio o alumnado o que escolleu como contruílos, recibindo o apoio e consellos dos mestres/as titores para solucionar algún problema de estabilidade ou de axuste das pezas.

Chegou o momento de presentar en sociedade aos refugabots elaborados polo alumnos/as de 4º E.P. Durante estas dúas semanas estarán expostos na entrada do centro para que poidades comprobar o gran labor que desenvolveron durante o proceso de creación (nesta entrada podedes ver algún destes momentos), sacarvos unha foto con eles e os vosos fillos/as... Mentres tanto deixámosvos imaxes de cada un deles, pero recomendámosvos que os vexades en directo, porque son espectaculares.

 

Moi bo traballo, parabéns para todos os nenos/as de 4º!

Obradoiro "Man robótica"

martes 20 e o mércores 21 desenvolverase na aula maker do centro, situada no 2º andar, un obradoiro para a construción dunha man robótica con palliñas. Nesta ocasión non necesitaremos ningún elemnto electrónico, só material que utilizamos a cotío.

Os nenos/as que asistan ao obradoiro só terán que levar unhas tesoiras. A través desta actividade poderemos aplicar ao coñecemento do noso corpo, ás funcións dos músculos, osos e tendóns e ás partes da nosa man.

Posteriormente usaremos a man, ademais de utilizala para estudiar, aprender e xogar, para resolver un reto cos robots, polo que teredes que coidala moito.

Dado que as 15 prazas dispoñibles para estes dous días foron cubertas en pouco tempo, repetiremos este obradoiro despois das vacacións para que todos aqueles/as que queiran aprender a construír a man robótica teñan oportunidade.

Creamos xuntos!

Xogamos coa xeometría

Durante estas semanas os nenos/as de 4º e 5º de E.P. tiveron que resolver un reto que consistía en conseguir que os robots seguisen un circuíto con diferentes formas xeométricas.

Houbo dúas partes no reto. Na primeira os grupos debían pensar como podían conseguilo utilizando os coñecementos que tiñan sobre os actuadores. Algunhas das solucións foron utilizar os bloques de avanzar e esperar no mBlock e para calcular os desprazamentos que tiña que realizar o robot medían  tempo que tardaba e percorrer cada lado da figura.

Algún dos grupos pensou que podían facelo co sigueliñas, pero descoñecían os valores a utilizar e os bloques necesarios.

Posteriormente planeouse un texto que tiñan que pasar á linguaxe do robot e no que tiñan que utilizar os bloques necesarios para que os sensores sigueliñas actuasen de xeito que o robot permanecese dentro do cricuíto. Co alumnado de 5º, con máis experiencia programando con Scratch só tiveron o texto e axuda puntual a través do EDI. Co alumnado de 4º utilizamos unha presentación coa que iamos guiando o proceso.


A última instrución do texto fai que o robot quede parado se ambos sensores saen do circuíto, pero o reto implica que sempre estea en movemento, polo que tiveron que solucionar este último atranco, pensando en equipo para conseguilo. Os grupos que antes resolveron o problema axudaron a aqueles que aínda non o lograran.

A través deste reto traballouse a competencia matemática, lingüística, social e cidadá e a dixital.

Neste vídeo temos algún dos momentos e resultados do reto, na maioría dos casos houbo que probar varias veces o código xa que había erros que tiveron que detectar e despois solucionar.

 

Bo traballo!

Distribuir contido