Música electrónica

Como obxectivo deste primeiro curso de implementación do programa BOTalle imaxinación, que está adicado á utilización da robótica de xeito trasnversal e como apoio a outras áreas, era que o alumnado coñecese os actuadores e sensores básicos dos que se compón o robot mBot, que se nos proporcionou ao adherirnos a este proxecto, e a utilización do programa mBlock como medio de comunicación co dispoisitivo. Para conseguilo planeamos distintos retos que motivasen á aprendizaxe destes aspectos específicos, pero que tamén necesitasen da aplicación doutras aprendizaxes que se adquiriran nas distintas áreas do currículo.

No último reto que desenvolvimos tratamos o achegamento ao sensor ultrasónico, que se encarga de medir distancias desde o sensor ata un obxecto determinado. Esta capacidade a atopamos na natureza en animais como o morcego e os cetáceos, e que coñecemos co nome de ecolocalización. Mediante a utilización do sensor os distintos grupos tiñan que conseguir que o seu teclado virtual reproducise unha melodía.

Para a realización deste teclado musical primeiro no grupo tiñan que repartirse as distintas funcións, unha foi a elaboración do teclado físico nunha folla de papel e outra a creación do programa que permitise analizar os datos suministrados polo sensor e transformalos en notas musicais. Finalmente ofrecerían un "concerto" coas melodías de cada grupo, na que optaron, pese a que se lles ofrecía unha como exemplo, por crear a súa propia ou tocar unha que xa coñecían. Este reto foi recollido do canal Youtube de JuegosRobótica.es

Nos distintos retos propostos tratamos que os conceptos de robótica estivesen relacionados co traballo noutras áreas e contribuísen á consecución das  diferentes competencias. Deste xeito, a través desta actividade, ademais da competencia dixital, tamén abordamos a competencia matemática, na utilización das unidades de medida, realizando medicións, cálculos sinxelos e utilizando operadores como "menor ou maior que..."; a competencia lingüística, mediante a tradución do texto coas instrucións do programa a través de mBlock; as competencias sociais e cívicas, chegando a acordos dentro do grupo a través do diálogo e distribuíndo as distintas funcións; a conciencia e expresións culturais, mediante a creación de melodías utilizando a escala musical, coñecendo a notación americana, e creando teclados musicais en función do seu gusto estético.


 

Esta foi a presentación que se usou co alumnado para guiar o proceso de solución do reto e que facilitou tanto a comprensión como a realización do programa. Aínda que se propoñía unha melodía como exemplo, todos os grupos optaron pola creatividade ou pola memoria para probar o funcionamento do teclado. Neste vídeo observaredes algúns dos momentos destas sesións e as melodías interpretadas polos nenos/as de 5º de E.P.

Tras coñecer e aprender o funcionamento dos actuadores e sensores básicos, os grupos das aulas de 4º e 5º E.P. terán que deseñar e elaborar un proxecto no que apliquen o aprendido ou, se é necesario, afonden máis en determinados aspectos (novos sensores, novos bloques de programación, novas aplicacións...). Nestes últimos retos os propios grupos serán os que regulen a esixencia e dificultade das actividades. 

Estade atentos ás propostas que xurdirán desde as aulas!