Dende o curso 2014-2015 o CEIP de Viñagrande Deiro iniciou un proceso de transformación na busca dun modelo de centro educativo que sexa quen de dar resposta ás actuais demandas da sociedade e ás características das xeracións máismozas.
Pensamos que as sociedades evolucionan rapidamente mentres que os centros educativos se mostran moi remisos a acompañar de preto esta evolución. Semellan estar ancorados no século XX no referido ás súas estruturas organizativas, didácticas e metodolóxicas sen atender a moitos factores que interveñen directamente nos procesos de ensino e aprendizaxe do alumnado.
Consideramos prioritario poñer a funcionar un modelo cun sistema pedagóxico con determinadas actuacións didácticas nas nosas aulas que ofrezan a posibilidade de mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe e os seus resultados.
Sabedores das complexidades e dificultades que nos esperan (todos os cambios supoñen medos que temos que saber xestionar dun modo axeitado), estamos decididos a continuar coa maior vontade e ilusión desenvolvendo un proxecto que, supoñendo unha gran modificación das estruturas habituais dos centros educativos, está dirixido a toda a comunidade escolar considerando ao alumno/a como eixoprincipal.
Este cambio iniciouse, como deciamos, o pasado curso coa incorporación desas estruturas que definen unha nova maneira de entender e desenvolver os procesos de ensino e aprendizaxe.
Son cinco os piares que sustentaron este cambio iniciado no mes de setembro do pasado ano 2016:
- Nova organización espazo temporal.
- Modificación metodolóxica.
- Novos roles docentes e discentes.
- Avazar coa sociedade.
- Mellorar e aumentar a participación da comunidade educativa.
Estes piares son de recente construcción e precisan de tempo para madurar e enraizar. Un tempo no que deberemos continuar medrando como persoas, mestres en particular e como centro e Comunidade Educativa en xeral.
O CEIP de Viñagrande-Deiro está situado nun entorno semirrural cun ambiente urbano moi próximo. Acolle a alumnado das parroquias de San Miguel de Deiro e Caleiro do Concello de Vilanova de Arousa.
Escolariza a un total de 152 alumnos e alumnas que proveñen de diferentes localidades cercanas e das parroquias de San Miguel de Deiro e Caleiro. Últimamente son moitas as familias que viven fora da nosa zona de escolarización as que matriculan aquí aos seus fillos e fillas. Cremos que os pasos que se están dando e a sensibilidade familiar a prol de novos sistemas de traballo nos centros están provocando esta situación.
Na actualidade son 16 os mestres que desenvolven a labor docente no centro cun alto grado de compromiso co Proxecto Educativo que se está executando e que explicaremos a continuación.
Despois duns longos anos de escurantismos no que a falta de dinamismo e a pasividade ante a sempre necesaria actualización educativa case remata por facer desaparecer unidades. Logrouse reverter esta situación e iniciar un proxecto ambicioso que centra a actuación profesional no alumnado individual e colectivamente tratado.
O que a continuación presentamos constitúe unha clara explicación pola aposta metodolóxica e de organización que desenvolvemos no noso centro. Nel poderase percibir como se producen os procesos de ensino e aprendizaxe nas nosas aulas e a maneira na que estruturamos os espazos e tempos educativos así como un conxunto de regras e normas consensuadas que nos permitirán coñecer dun xeito pormenorizado o tipo de traballo que se desenvolve no CEIP de Viñagrande Deiro.
Como ensina o profesorado, como aprende o alumnado, cal é a atención educativa que se lle dispensa, cales son os acordos que todo mestre ten que asumir á chegada ao noso centro... serán elementos a ter moi en conta para que o modelo pedagóxico que aquí presentamos perdure durante moitos anos.
Esa vision de construír un sistema de traballo duradeiro será a garantía de asegurar a equidade e igualdade de acceso á aprendizaxe polo alumnado e asegurará tamén o desenvolvemento e requirimentos dunha determinada función docente.