O alumnado de 3º e 4º, mesturados, e de 5º e 6º (tamén mesturados) desenvolven a súa aprendizaxe atendendo á seguinte actuación pedagóxica, organizativa e didáctica:
Contextos de Aprendizaxe: En cada contexto trabállanse proxectos dunha área que, unido a outros temas diversos, interrelaciona coas distintas áreas de coñecemento e complementan o currículo dun xeito multidisciplinar. En cada contexto traballa un docente como mínimo.
O Contexto Matemático denomínase CALCULADEIRO.
Nel desenvólvense proxectos matemáticos nos que é moi importante acercar os conceptos matemáticos á vida e á posibilidade de vivilos dun xeito práctico e manipulativo. Neste contexto haberá distintos espazos (recantos) que, dun xeito global, nos permitirán comprender a utilidade das matemáticas na vidareal:
- A robótica: Pensado como lugar para achegarse á programación e, de paso, traballar contidos referidos á competencia matemática: numeración, lonxitude, formas xeométricas, medidas de tempo e distancia…etc.
- Supermercado: Recanto dedicado principalmente á realización de todo tipo de operacións que teñan que ver cun supermercado pero non soamente operacións senón tamén o cálculo de porcentaxes, fraccións, capacidade, peso,...
- Vida cotiá: As matemáticas están presentes en moitos momentos da nosa vida e é neste recanto onde se traballan. Dende saber interpretar unha escala ata o prezo das porcións dunha empanada son cuestións traballadas neste recanto.
- Xeometría: Recanto no que se fomentan as matemáticas debuxadas, figuras xeométricas, planos, ángulos, prismas, escalas, circunferencias,... A representación espacial ten unha importancia moi destacada neste recanto e as veces é a gran esquecida nos contidos pero nós concedémoslle con este recanto a importancia que se merece.
- Tratamento da información: É este un lugar para a interpretación de facturas, tíckets, nóminas, descontos,... aquela información en forma de números que temos que analizar e interpretar por medio de operacións.