Skip to Content

ABP

APRENDIZAXE BASEADA EN PROXECTOS

        O alumnado de Educación Infantil, mesturados en idades distintas, desenvolven a súa aprendizaxe atendendo á seguinte estratexia pedagóxica,  organizativa e didáctica:

A aprendizaxe baseada en proxectos (ABP): A ABP facilita enormemente a consecución dos obxectivos que nos marcamos co noso alumnado: son motivadores, integradores, axudan a socializar, son significativos, parten das intereses do alumnado e posibilitan un ensino globalizado dos contidos escolares e unha aprendizaxe integral (non dividida por disciplinas).

No interior das aulas existirán espazos (aos que chamamos minicontextos de aprendizaxe ou no futuro os ambientes de aprendizaxe) nos que se traballa principalmente unha materia que, unido a outros temas diversos e aos demáis minicontextos, interrelacionan as áreas, complementan o currículo e desenvolven un proxecto didáctico.

Así, nas aulas de Educación Infantil establécense distintos minicontextos de aprendizaxe: das tecnoloxías, das artes, dos números e das palabras, do xogo simbólico, das construcións, do robot, etc. En cada un traballan diariamente un equipo de tres ou catro alumnos/as que, dun xeito cooperativo e colaborativo, van desenvolvendo as competencias a través do estudo dun determinado proxecto didáctico.

Nas aulas dos primeiros niveis de Educación Primaria (1º e 2º) existen, como mínimo, cinco minicontextos de aprendizaxe que non teñen porque ser fixos ao longo do curso:

  • As palabras
  • Os números
  • A tecnoloxía
  • A arte
  • A ciencia (minicontexto do proxecto)
  • O xogo (minicontexto onde integrar a parte lúdica da aprendizaxe)

Todo o alumnado se sitúa diariamente nos distintos minicontextos completando a formación multidisciplinar ao longo de toda a semana. Ademáis, en determinados momentos, o alumnado conta co apoio doutros mestres dentro da aula e deciden, en moitas ocasións, aproveitar outros espazos que existen no centro para poder elaborar os seus traballos con maior concentración e autonomía (biblioteca, patio, informadeiro, aulas valeiras, os corredores, …). Neste tipo de organización os minicontextos soen ser estables ao longo de todo o ano. Isto quere dicir que o alumnado pasa, periódica e sistematicamente, por todas as zonas para traballar nun proxecto determinado dun xeito multidisciplinar desenvolvendo as competencias clave. Esta estabilidade ofrécelle ao alumnado a posibilidade de profundar no coñecemento e desenvolver as súas capacidades.

Os minicontextos son complementarios. En todos eles, á parte da aprendizaxe de conceptos e procedementos tamén axudan a ir desenvolvendo a personalidade e as relacións sociais. A organización social destes minicontextos, con equipos de alumnado, posibilita a expresión de emocións e a interacción. Por medio desta interacción os esquemas conceptuais e actitudinais van evolucionando, e ao mesmo tempo vaise desenvolvendo a identidade de cada persoa e a do grupo.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut