Skip to Content

PAL e Faladoiros

PROGRAMA DE APRENDIZAXE LÚDICO E FALADOIROS

            Este programa consiste na organización dun amplo espazo do centro (unión de tres aulas) no que se ubican distintos recantos de traballo para adquirir determinados contidos. Este programa só se desenvolve en Educación Infantil.

            Neste espazo o alumnado, mesturado en idades diferentes, semella estar xogando dun xeito libre e lúdico, mentres que o profesorado é o artífice da integración nel de determinadas actividades sistematizadas que buscan o desenvolvemento integral do alumnado e a aprendizaxe de conceptos básicos establecidos nas programacións.

            Os espazos que poden organizarse nesta macroaula están determinados polos tipos de contidos que neles se traballan: xogo simbólico (representacións), recanto artístico (traballos plásticos), construcións (conceptos básicos), modelado (grafomotriciade), biblioteca (pracer pola lectura e escritura), música (audicións sonoras, bailes, ritmos…), ecolóxico (responsabilidades coa natureza), tertulia (comunicación oral e interacción espontánea), etc.

            O programa de aprendizaxe lúdico pode darse en diferentes momentos do día:

  • Despois dos faladoiros e asembleas.
  • Ao remate ou antes das sesións de psicomotricidade.
  • Durante o traballo de Aprendizaxe Baseado en Proxectos.

 

            Dependendo da ratio que vaia configurando o centro nos vindeiros cursos, poderase determinar outro tipo de organización co obxectivo de garantir unha mellor atención educativa para o alumnado.

            Así, poderíase aventurar que a mestura de idades se configure en tres espazos diferentes e, en cada un deles se establezan ambientes de aprendizaxe que aseguren ao alumnado un desenvolvemento global e permitan seguir o currículo da etapa. Serán ambientes referidos aos diferentes ámbitos de expresión, ao coñecemento de si mesmos e á necesaria interacción co mundo que lles rodea.

            O Programa de Aprendizaxe Lúdico compleméntase con sesións de FALADOIROS onde o alumnado participa activamente de conversas espontáneas ou dirixidas polo profesorado.

            Constitúen un momento extraordinario para que o alumando poida trasladar as súas vivencias, experiencias, preocupacións, intereses... dende unha perspectiva o máis normalizadora posible. Os faladoiros buscan axilizar a expresión oral do alumnado e que, dende ben pequenos sexan capaces de comunicar como se sinten, cales son os seus gustos, pequenos conflictos...

            Dende o pasado curso 2016 - 2017 todo o claustro acordou fixar un día específico durante 30/40 minutos onde o alumnado de Educación Infantil tería un faladoiro para traballar aspectos relacionados co desenvolvemento emocional, afectivo e sentimental. Un traballo que se traslada tamén a etapa de Educación Primaria cunha maior duración. Cremos que si dende idades temperás comezamos a traballar o coñecemento mutuo da parte máis íntima do alumnado, teremos a oportunidade de coñecernos mellor e así posiblitar unha mellor adecuación dos procesos de ensino e aprendizaxe e mellorar a convivencia no noso centro.

 

            Nos faladoiros poderán intervir tamén determinadas rutinas que aseguran ao alumnado unha serie de procedementos sistemáticos que lle ofrecen seguridade e, ademais, supoñen unha carga motivacional extra xa que son eles mesmos os que teñen que asumir determinadas responsabilidades.

Distribuir contido


by Dr. Radut