CEIP DE VIÑAGRANDE-DEIRO

CONCRECIÓN CURRICULAR DO CEIP DE VIÑAGRANDE DEIRO

          O documento que aquí presentamos constitúe unha clara explicación pola aposta metodolóxica e de organización que imos desenvolver no noso centro durante os vindeiros anos. Nel poderase percibir como se producen os procesos de ensino e aprendizaxe nas nosas aulas e a maneira na que estruturamos os espazos e tempos educativos así como un conxunto de regras e normas consensuadas que nos permitirán coñecer dun xeito pormenorizado o tipo de traballo que se desenvolve no CEIP de Viñagrande Deiro.

            Como ensina o profesorado, como aprende o alumnado, cal é a atención educativa que se lle dispensa, cales son os acordos que todo mestre ten que asumir á chegada ao noso centro... serán elementos a ter moi en conta para que o modelo pedagóxico que aquí presentamos perdure durante moitos anos.

             Esa vision de construir un sistema de traballo duradeiro será a garantía de asegurar a equidade e igualdade de acceso á aprendizaxe polo alumnado e asegurará tamén o desenvolvemento e requerimentos dunha determinada función docente. É o noso obxectivo que todo o profesorado coñeza, unha vez que chega ao noso centro, como os mestres e mestras desenvolven o seu traballo coa finalidade de asegurar unha verticalidade coherente na aprendizaxe dos nenos e nenas.

             Ao ser o noso un centro vivo, dinámico e transformador, queremos deixar constancia de ser este un documento igual de vivo, dinámico e transformador. Deste xeito a concreción curricular que aquí se presente debera ser, obrigatoriamente, revisada ao inicio de cada curso no segundo claustro do mes de setembro co obxectivo de inserir nel todo proceso de cambio que vaia afectando ao propio centro e ás súas estruturas de organización e funcionamento.