Bo día a todos, nenos!
Como puidéchedes comprobar estes días, estamos a vivir unha situación completamente nova e por este motivo deberedes permanecer na casa ata que as autoridades nos autoricen a retomar as clases.
Pero namentres poderedes facer todas ou algunha das actividades que a continuación vos propoño, dependento do material do que dispoñades na casa e mesmo dos libros de texto que vos puidéchedes levar para casa o xoves pasado.
Propóñovos que utilicedes a vosa imaxinación e creatividade e realicedes unha especie de diario coas seguintes tarefas, e mesmo con calquera outra que se vos ocurra. Pegade fotos, debuxade, utilizade cartolinas, rotuladores... todo o que teñades a man.
Estes días tamén aproveitarei para chamarvos por teléfono e ver como vos atopades e resolver as dúbidas que poidades ter.
Ciencias Naturais
- Lede o tema 5 e facede os esquemas de cada un dos grupos e as cuestións de cada bloque.
- Saca fotos dos invertebrados que atopes no xardín (se vives nun piso podes buscar unhas fotos en internet). Pégaas no diario ou libreta, clasifícaos e busca información interesante sobre eles.
- Planta unha semente e coida dela estes días. Vai documentando os cambios que poidas observar, anotándoos no diario ou incluso pegando fotos que lle vaias sacando. Logo reflexiona e responde: como cres que se alimenta? que nutrientes necesita? investiga como se lle chama a ese proceso.
Lingua
- Lee tres capítulos dun libro que che guste. Logo resúmeos e grava un audio se podes (co móvil ou coa tablet). Xa veremos como compartilo para que tanto os vosos compañeiros como eu poidamos escoitalo. Lembrade expresarvos EN GALEGO e con coherencia, como se fosedes uns xornalistas a dar o telexornal do día!
- Elaborade unha receita e logo facédea. A familia pode participar tamén, de seguro que será divertido. Documentade o proceso sacándolle fotos e pegándoas no caderno/diario se queredes. Se non podedes imprimir as fotos simplemente debuxádeo. E non olvidedes poñer o resultado final papando todos para dar envexa!
- Escribide unha noticia de xornal sobre o Covid-19 con información sobre medidas de hixiene que debemos adoptar para evitar contaxios. Lembrade que as noticias periodísticas teñen un formato determinado e debedes mantelo (titular, foto, pé de foto e desenvolvemento da noticia respondendo que, cando, como, onde, por que e como).
- Analizade as seguintes frases (clase de palabras, clase de oración e suxeito e predicado):
Os nenos estudian na súa casa.
Eles non ven moita televisión.
A mestra pesada envía deberes.
Matemáticas
- Escribide 5 problemas e resolvédeos. Logo xa atoparemos a forma de que poidades enviarllos ao resto dos vosos compañeiros (sen as respostas) para que poidan facelos eles tamén.
- Páxina 109 do libro: facede o repaso acumulativo.
- Páxina 108: exercicio 1.
- Se tendes na casa algún cadernillo Rubio de operacións, facédeo. Se non tendes non vos preocupedes, xa argallarei algo. Os papás e mamás tamén poden poñervos unha suma, unha resta, unha multiplicación e unha división diariamente para repasar se queren.
Plástica
- Debuxa cada día algo que che guste, ou fai un proxecto ou manualidade reciclando plástico ou calquera outro material. Á volta montaremos unha exposición.
E antes de despedirme polo momento, recordade: non vos pasedes todo o día pegados ás pantallas (televisión, tablet, consola...) Hai moitas cousas que podedes facer e pasalo en grande. Por suposto, asumide responsabilidades na casa e colaborade nas tarefas domésticas. Coidádevos e disfrutade todo o posible a pesar da situación. Espero vervos prontiño. Un bico mooooooi grande para todos vós!