Skip to Content

REBORRADIO 

 

2009-2010

DÍA MUNDIAL DA POESÍA.

     O domingo 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía. Por este motivo no noso colexio realizamos unha serie de actividades para tentar achegarnos a esta forma de expresión. 

     Aproveitando que este ano se cumpre o centenario do nacemento do poeta alacantino Miguel Hernández, decidimos coñecer a súa biografía e a súa obra.

     O Equipo de Biblioteca preparou uns anuncios con tiriñas na parte inferior, onde figuraban escritas estrofas dalgúns dos seus poemas máis coñecidos. Colocados polos corredores os nenos e nenas podiamos arrincar aquelas que máis nos agradasen e mesmo memorizar algunhas delas. Tamén realizamos debuxos para recrear a vida deste gran poeta e escoitamos nas entradas e saídas os seus poemas cantados por Joan Manuel Serrat.
     Rematamos con esta frase do escritor galego Fran Alonso: "A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos". 

SEMANA CULTURAL 2010

     Do 18 ao 21 de maio o Equipo de Normalización Lingüística xunto co Equipo de Biblioteca organizamos a Semana Cultural, como se vén facendo desde cursos atrás, con motivo do Día das letras Galegas. Ao longo destes catro días realizamos unha morea de actividades:

1.- O martes foi o día da Música e do Cinema. Varios grupos de alumnos/as interpretaron temas musicais en galego pertencentes a películas baseadas en contos clásicos.

   

 "Os tres porquiños" - Alumnado 3º

 "Brancaneves" - Alumnado 4º

   

 "O libro da selva" - Alumnado 5º

 "Os Aristogatos" - Alumnado 6º

"Fantasía"

     A continuación proxectouse unha curtamentraxe de cinema mudo, titulada "El Conde", de Charlot.

2.- O mércores tivo lugar o 5º Recital Poético. Tamén se falou da figura de Uxío Novoneyra, autor homenaxeado este ano, e sobre o que cada curso investigou a través da webquest elaborada no centro e a pizarra dixital.

   
   
   
   

3.- O xoves un grupo de familiares do alumnado representou a obra de teatro titulada "O Galo Quirico".

   
   

4.- Para rematar, o venres recibimos a visita da escritora An Alfaya, que falou co noso alumnado dos seus libros: "Vacas na cidade?" (Infantil e 1º ciclo), "Down" (2º ciclo) e "Zoa e Azor" (3º ciclo).

   
   

     Ademais deleitounos coas súas sorprendentes historias e coa súa amabilidade asinando os exemplares dos nenos e nenas. 

ABRIL, MES DOS LIBROS.

     O venres, 23 de abril, celebrouse o Día Mundial do Libro. Esta data foi escollida pola UNESCO porque en un día coma este do ano 1616 falecían dous grandes escritores da literatura universal: William Shakespeare e Miguel de Cervantes. Con esta celebración quérese render unha homenaxe mundial ao libro e aos seus autores, e animar, sobre todo á xente máis nova, a descubrir o pracer da lectura.

     Baixo o lema "En abril, libros mil", no noso colexio realizamos as seguintes actividades:

  • O venres 23 os alumnos e alumnas de primaria limos dous capítulos de "Don Quixote" para o resto do alumnado e todos agasallamos a un compañeiro ou compañeira cunha flor de cartolina na que lle recomendamos un libro.

 

  • As nenas e nenos de 3º e 4º colaboramos co proxecto "Ágoralibros, os libros nas prazas" (organizado pola Biblioteca Municipal, xunto coas Bibliotecas Escolares dos centros de Tui), levando os libros aportados polas familias e o colexio para cubrir a Praza de San Fernando. Aproveitamos a colocación dos mesmos para recitar poemas de Miguel Hernández e escenificar un conto.

 

 

  • Mediante a actividade "Libros ao patio" expuxéronse as novidades editoriais.

 

  • Para achegar a lectura á nosa familia, colócase o expositor na porta do colexio, onde os nosos pais e nais poden facer o seu propio empréstito.

  

  • Durante unha semana realizamos un xogo consistente en adiviñar a que libro pertence o fragmento que escoitamos pola radio do cole.
  • Entrega dos premios "Máis León ou Leoa" do pasado trimestre.

  •  O xoves 29 o alumnado de Infantil e 1º ciclo asistiu a unha sesión de contacontos co título "Leocadio, o león".

 

  • Por último, estamos a elaborar un libro coas receitas de sobremesa aportadas polas nosas familias.

     "Gustaríame saber, díxose a si mesmo, que pasa realmente nun libro cando está pechado. Naturalmente, dentro hai só letras impresas sobre papel,  porén... Algo debe pasar porque cando o abro aparece de súpeto unha historia enteira."

Michael Ende. "A historia interminable".

 

 

SEMANA DA PRENSA.

     Sabedes o que fixemos desde o luns 15 ata o xoves 18 de marzo?

     Pois celebramos a Semana da Prensa converténdonos en arriscados xornalistas na busca das noticias máis interesantes, investigando na prensa diaria en galego e castelán. Tamén nos atrevimos coa prensa estranxeira: italiana, holandesa, inglesa, rusa, portuguesa, etc., sen esquecer a prensa dixital.

 

Aquí nos vedes na "redacción" da nosa biblioteca.

8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.

     O 8 de marzo celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Muller. O noso colexio quere colaborar con esta importante conmemoración coñecendo o labor de diferentes mulleres galegas que destacaron en diversos campos: as artes, a literatura, a ciencia, a política, a empresa, etc.

     Cada clase escolleu a tres destas mulleres realizando unha ficha biográfica de cada unha. Ao final con todas elas elaboramos un libro-xogo con cartolinas de cores que pasará a formar parte da nosa biblioteca.

     A continuación deixámosvos os enlaces para descubrir máis curiosidades sobre estas mulleres excepcionais e tamén o acceso ao traballo feito por nós.

 

DÍA ESCOLAR POLA PAZ E A NON VIOLENCIA.

     Cada 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, por este motivo durante esta semana no colexio realizamos as seguintes actividades:

  • O luns e mércores o alumnado de 4º, 5º e 6º, durante os recreos contaron contos relativos á paz ao resto dos compañeiros e compañeiras.

  

  • O martes e venres, xogos cooperativos no recreo para os nenos e nenas de 1º a 6º.

  • O xoves, xornada deportiva de convivencia co colexio de Guillarei.
  • E para rematar, o venres recitamos poesías para a paz de diferentes autores, que escribimos nunhas pombiñas de cartolina formando unha escultura que está exposta na entrada do colexio.

Se queres ler as poesías preme aquí

TEMPO DE NADAL.

     Nas semanas previas ao Nadal realizamos unha exposición de libros de Nadal e de inverno, aportados polo alumnado e a biblioteca do centro.

     Preparamos un mural con "Felicitacións para o Mundo" en distintos idiomas.

 

     Como se vén facendo nestas datas, distribuímos entre as familias do alumnado unha nova guía de lecturas, que podedes consultar no apartado "O Recuncho de Tepo".

     O día 22 de decembro celebramos no colexio o Festival de Nadal ao que asistiron as familias. Nel representamos a obra de teatro "A noite das mudanzas", cantamos panxoliñas, interpretamos unha melodía coa frauta e bailamos.

 

     Como remate deste acto entregamos os premios a "O máis León ou Leoa" de cada curso. Estes foron:

  • Katiana, Nohemí e Ismael de Educación Infantil.
  • Dani de 1º.
  • Uxía de 2º.
  • Ana de 3º.
  • Sandra de 4º.
  • Andrea de 5º.
  • Soralla de 6º.

     Logo visitáronnos os Reis Magos que viñan cargados de agasallos para todos e aos que os máis pequechos lles entregaron as súas cartas.

     Por último asistimos á proxección da película "El Lince perdido". 

BO NADAL E FELICES LECTURAS!!!

ASTÉRIX E OBÉLIX CUMPREN 50 ANOS!!!

     Fai medio século, un 29 de outubro de 1959, nacen nas páxinas da revista francesa "Pilote" estes dous famosos personaxes.

     Xurdiron da man do escritor René Goscinny e do debuxante Albert Uderzo. As historias do galo Astérix e o seu inseparable Obélix foron traducidas a máis de cen linguas, vendéronse máis de 300 millóns de exemplares e adaptáronse á radio, ao teatro e ao cine. Nin sequera a morte de Goscinny no ano 1977 puido poñer fin aos novos relatos que mesturan o humor infantil coas referencias culturais, posto que Uderzo decidiu proseguir co traballo comezado en parella sen que a calidade quedase resentida.

     Con motivo dos actos que se celebraron editouse un álbum co título "El aniversario de Astérix y Obélix: el libro de oro".  

     Desde a biblioteca quixemos dar a coñecer ao noso alumnado estes personaxes a través das seguintes actividades:

  • Presentación destes cómics na "Hora de Ler", apoiándonos no empréstito realizado pola Biblioteca Municipal de Tui. 
  • Elaboración dun mural cos principais personaxes deste cómic e exposición dos títulos dispoñibles.

  • Creación dun cómic baseado nestas aventuras.
  • Descrición destes personaxes.
  • Investigación e busca na Internet doutras obras realizadas por Goscinny e Uderzo. 
  • Proxección da película "Astérix e Cleopatra".

  • Realización dun díptico cos datos máis relevantes desta obra. 

 

Parabéns Astérix e Obélix!!!

      

DECÁLOGO DA NOSA BIBLIOTECA.

     Como xa indicamos anteriormente, con motivo do Día da Biblioteca Escolar, o alumnado elaborou un decálogo, dando a súa opinión sobre o que para eles é unha biblioteca.

     O resultado foi este que vos presentamos:

 

  

 

 

 

     A partires de agora, este decálogo estará exposto na entrada da nosa biblioteca.    

    

 

    

UNHA BIBLIOTECA DE MEEEDO!!!

     Baixo este título, o Equipo de Normalización e Dinamización Língüística, xunto co Equipo de Biblioteca, puxemos en marcha as seguintes actividades para festexar o Samaín:

  • Decoración da biblioteca coas pantasmas realizadas na clase de plástica.    

                                

  • Ornamentación e exposición de cabazas preparadas polas familias.

            

  • Redacción de relatos de medo e deseño de personaxes terroríficas para a súa posterior recompilación nun libro, que pasará a formar parte da nosa biblioteca no andel de "Feitos por nós".

  • Elaboración de carteis polo alumnado do 2º ciclo para anunciar estas actividades á comunidade escolar.

                       

  • Interpretación da canción "Monstros e demais" e o rap en inglés "Trick or treat" polos nenos e nenas de 5º e 6º.

           

  • Exposición dos traballos de inglés "Halloween Costumes".

 

  • Durante os recreos obradoiros de bruxiñas.

    

  • Proxección de dous curtos da película de Disney "El Club de los Villanos".

  • Para rematar, entrega de diplomas e agasallos a todos os participantes na decoración de cabazas.

     Se vos apetece, podedes ver máis fotos na galería de imaxes.

Distribuir contido


by Dr. Radut