Animación á lectura

AS MOCHILAS VIAXEIRAS

             O pasado venres comezou unha nova andaina das mochilas viaxeiras. Estas pretenden achegar ás  vosas casas un anaquiño da nosa biblioteca. Ademais constitúen un bo  motivo  para disfrutar e compartir de fantásticos momentos de lecer coa familia.

          Aquí tedes xa dispostos aos catro  primeiros mochileiros para iniciar unha nova viaxe.

 

                                              

 

NOVO CURSO, NOVA AVENTURA

      Ola son Tepo! Despois deste fantástico verán, comezamos unha nova aventura da man dos personaxes dos libros que atoparedes na nosa biblioteca.

     Durante a semana pasada a miña maleta percorreu as vosas clases cunha morea de libros para formar as distintas bibliotecas de aula. Desexo que estas páxinas cheas de  imaxinación, humor, fantasía, maxía,... permítanvos disfrutar e pasar un bo rato.

     Estade atentos! Pronto comezará unha nova edición do concursiño "Tepo quere saber...". Ánimo e participade!

      

    

CELEBRANDO O DÍA DO LIBRO.

     Un 23 de abril do ano 1616 falecían dous grandes escritores da Literatura Universal: William Shakespeare, autor de obras como "Romeo y Julieta" e Miguel de Cervantes, creador da novela "El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha". Por iso, esta data foi escollida pola UNESCO para render unha homenaxe mundial ao libro e aos seus autores, e animar, sobre todo aos máis novos, a descubrir o pracer da lectura. 


     Como en anos anteriores participaremos, xunto coa Biblioteca Pública Municipal e as bibliotecas escolares de todos os centros de ensino tudenses, nas actividades programadas con motivo deste día na Praza de San Fernando.

     O alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º asistirá a este acto, podendo facer un intercambio de libros. Ao longo da xornada haberá recitado de poesía, lecturas, actuacións musicais,... baseados nas obras de Celso Emilio Ferreiro e Charles Dickens.

     Ademais na nosa biblioteca asistiremos a un contacontos realizado polos nenos e nenas de Infantil.

     Aquí vos deixamos esta preciosa curta para que pasedes un bo rato.

    

 


    

2 DE ABRIL: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL.

     Cada 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil en recoñecemento da obra de Hans Christian Andersen, escritor de contos danés, nacido o 2 de abril de 1805.


      Este curso queremos aproveitar esta data para facer unha homenaxe aos irmáns Grimm, que recompilaron unha gran cantidade de contos da tradición oral alemana, transmitidos de xeración en xeración. Neste ano cúmprese o 200 aniversario da súa publicación.

     Podedes coñecer máis datos sobre a vida destes autores premendo neste enlace.

     Tamén vos deixamos esta páxina na que se recollen moitos dos seus contos: www.cuentosdegrimm.com/

Cartel e texto dos mexicanos Juan Gedovius e Francisco Hinojosa (IBBY México)

21 de marzo, Día Internacional da Poesía

     “ A poesía tamén é o lugar onde se forxa o profundo vínculo entre     diversidade cultural e diversidade lingüística"

                              Irina Bokova 2012. Directora Xerla da Unesco

Longa noite de pedra

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

                                                        Celso Emilio Ferreiro


SEMANA DA PRENSA.

     Do 12 ao 16 de marzo traballamos dun xeito máis sistemático os xornais, con motivo da Semana da Prensa.

     Visitamos na biblioteca a exposición de prensa nacional e estranxeira, ademais de visitar a prensa dixital a través dos enlaces na nosa web. Realizamos diferentes traballos para achegarnos máis a este medio de comunicación, converténdonos nós mesmos en xornalistas capaces de redactar as nosas propias novas.

 

 

VISITOUNOS MANUEL UHÍA.

     Este martes, 6 de marzo, os nenos e nenas de 2º e 3º recibimos a visita do escritor e ilustrador Manuel Uhía. Con el falamos dos seus libros "O autobús da selva" e "O paraestrelas", que traballamos previamente nas aulas.

     Foi moi divertido porque nos ensinou a debuxar animais fantásticos dunha forma moi sinxela.

     Desde aquí agradecemos a amabilidade de Manuel Uhía con nós e esperamos recibilo en máis ocasións.      

MANUEL UHÍA CON NÓS. on PhotoPeach

SEMANA DO AMOR E A AMIZADE.

     Do 7 ao 14 de febreiro celebramos a Semana do Amor e a Amizade, achegando a poesía ao noso alumnado a través dunha exposición de libros de poemas cos que conta a nosa biblioteca.

     Baixo o lema "Unha poesía, un agasallo", os nenos e nenas buscaron e escribiron poemas ou cancións de amor e amizade. Recibiron un agasallo ao entregárllelas aos colaboradores da biblioteca.

     Os traballos permanecerán expostos nos taboleiros da mesma para, finalmente, elaborar un libro que pasará a formar parte da sección "Feitos por nós".

     Coa colaboración da área de Expresión Artística escoitamos durante as entradas e saídas temas e bandas sonoras de películas de amor.

 

 

Foi unha semana con moito CORAZÓN!

CONTACONTOS 4º: "O ABETO, O PIÑEIRO E O XENEBREIRO".

Sorry, flash is not available.

Distribuir contido