Baixo este título realizamos unha serie de actividades encamiñadas a espertar entre o noso alumnado e as súas familias a paixón pola lectura.
Así, o venres 1 de abril as bibliotecas escolares de todos os centros de ensino de Tui, xunto coa Biblioteca Municipal, celebramos o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil na Praza de San Fernando, diante da Catedral.
Cos libros doados polas familias e as propias bibliotecas formouse a palabra "LEMOS". O alumnado do 2º e 3º ciclos asistimos a este acto, onde cada neno e nena podiamos deixar un libro e levar outro a cambio. Ao longo desta xornada houbo tamén diversas actuacións. Os rapaces e rapazas de 4º interpretamos o tema "Fantasía".

Na entrada do colexio permanecerá ata fin de curso un caderno, co lema "Mil razóns para ler", que pretende recoller as opinións sobre a lectura do alumnado, profesorado, familias e persoas que nos visitan.

Na semana do 4 ao 8 de abril puxemos a proba a nosa capacidade memorística cun concursiño baseado en adiviñar a que conto de Andersen pertencía un texto lido pola radio interna do colexio.
Outra actividade foi a proxección de versións animadas de contos de Andersen para o alumnado de Infantil e 1º ciclo.

Durante este mes sacamos ao patio unha morea de libros na maleta de Tepo, para quen quixera aproveitar as raiolas do sol e ler un chisquiño.

Tamén o expositor da "Sección de adultos" estivo colocado na entrada do colexio coas novidades bibliográficas para presentarllas ás familias.

O venres 15 chegaron ao patio os "Contos de ti a ti", unha actividade na que os maiores lles lemos ou contamos un conto aos máis cativos.


Como remate demos a coñecer o "Kamishibai", especie de teatriño xaponés para narrar historias co apoio visual de láminas ilustrativas.

"Para min ler significa moito máis que pasar o rato. Sumérxeste nun mundo fantástico ao mesmo tempo que aprendes cousas novas. Podes ler o que che apeteza, un libro de aventuras, outro de suspense... porque cada libro é único. Ler axúdate a aprender, a pasalo ben, a ter interese e a moitas cousas máis... É unha experiencia fantástica que pódese repetir unha e outra vez." Clemente 6º.