SEMANA CULTURAL

     Para celebrar o Día das Letras Galegas, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega xunto co Equipo de Biblioteca, organizaron unha serie de actividades englobadas na Semana Cultural que se leva a cabo no colexio xa hai uns anos.

     Así, o luns 16 asistimos á proxección dun vídeo sobre a figura de Lois Pereiro, autor homenaxeado este ano. Tamén se leu unha reseña da súa biografía e obra. Previamente cada clase traballou a este poeta empregando diferentes recursos, entre eles unha miniquest elaborada no noso centro.

       

     Despois o profe Ramiro xunto con Gabriel deleitáronnos cun pequeno concerto interpretando unhas pezas coa guitarra.  Para rematar cantamos todos xuntos o poema de Álvaro Cunqueiro "Cantiga nova que se chama ribeira", na versión de Luis Emilio Batallán.

   O mércores, a protagonista foi a ciencia. Realizamos no laboratorio sinxelos experimentos  e puidemos comprobar, como por arte de maxia, que a ciencia está presente en moitas das actividades diarias.

   

   

       O xoves celebramos o 6º Recital Poético no que todo o alumnado memorizou poemas de distintos autores galegos: Manuel María, Rosalía de Castro, Ana María Fernández.... e por suposto de Lois Pereiro.

 

     Por último o venres, un grupiño de nais fixéronnos pasar un rato estupendo coa representación teatral do conto titulado "Cocorico".

 

     Para rematar, o mensaxeiro de Tepo fixo entrega dos premios "Máis león ou leoa" do trimestre.

Felicitamos a Ana María, Alicia, Paula, Isabel, Sheila, Inés, Ana, María e Clemente.