PERE TOBARUELA VISITA A NOSA BIBLIOTECA

Hoxe visitou a nosa biblioteca o escritor Pere Tobaruela, e veu falar do seu libro "A boa e a avoa" ao alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria. Benvido!

                                                          

Primeiro presentouse, e falounos un pouquiño da súa vida. Logo, unha vez que o coñecemos un pouco máis, xa pasamos a falar do conto.

Interactuou con nós facéndonos preguntas sobre o libro: sobre que trataba, opinións sobre feitos que ocorreron na historia, cousas que gustaran e non do conto ou cal foi a nosa personaxe favorita.

Foi gracioso e sempre nos facía bromas!

 

 

Unha vez que coñecemos máis segredos da historia contada neste libro, e despois de facerlle moitas preguntas sobre o mesmo, reflexionamos sobre moitos valores que transmitía esta historia na que a protagonista é unha nena chamada Ona á que lle gusta moito ler. Esta nena, encontra un libro titulado "Historias vividas" na casa da súa querida avoa Uxía, que resultou ser máxico, pois so ela era capaz de lelo! Recordou as palabras que lle dixera a avoa: "Os teus ollos escribirán", e desde aquela ela era quen de inventar e contar moitas historias.

                                                                

Pere explicounos que con esta historia quería que se valorase máis aos nosos maiores, que se visibilizasen máis algunhas enfermidades, como o alzheimer, ou se normalizasen temas como a morte, mostrando a maior naturalidade.

 

Recalcou tres cousas que para el eran importantes: as neuronas, a imaxinación e os libros. E quedámonos cunha frase que dixo: "Os libros son ventás abertas polas que miramos a elas".

 

Rematamos a sesión cunha das partes que máis ilusión nos facía: ter o libro asinado e adicado en exclusiva para nós!

 

 

                                                                                    

 

Foto de despedida de todo o alumnado de 3º e 4º con Pere Tobaruela. Grazas Pere!

                                 

Powered by Drupal - Design by artinet