Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal
       

primeiro, segundo, primeiro e segundo, 1º e 2º xuntos

(2021-2022) Aprendemos sobre Educación Vial en 1º e 2º

Despois dunhas longas semanas de traballo, podemos dicir que os nenos/as de 1º e 2º son todos uns experto na materia. Coñecen as normas de circulación básicas, saben diferenciar as formas e cores dos sinais de tráfico e poden ir camiñando pola rúa identificando os sinais que se atopen. 

O primeiro que fixemos foi aprender a diferenciar os sinais básicos, asociando forma ca cor correspondente e buscando exemplos na contorna.

Despois de camiñar polo centro do pobo na procura de distintas sinais, elaboramos un mural con fotografías dos nenos/as explicando o seu significado.

Outra parte do proxecto dedicámola a reflexionar sobre as normas de circulación e que podemos facer para evitar accidentes como peóns ou como condutores dun vehículo.

E para rematar, cada grupo elaborou unha fermosa maqueta representando todo o que traballaramos nas clases anteriores: sinais de tráfico, organización das rúas e carreteras e, como non, moita creatividade e imaxinación!

Bo traballo!

(2021-2022) Investigamos sobre o corpo humano

Ao longo do mes de outubro e novembro, os nenos/as de 1º e 2º estiveron a investigar sobre o marabilloso e fascinante mundo do corpo humano.

Por grupos, debían buscar información en diferentes fontes (internet, vídeos, libros, revistas...) e crear un mural/corpo humano onde se explicara o sistema corporal que escolleran previamente.

Despois de buscar, analizar e resumir a información atopada era o momento de poñerse a debuxar o corpo humano, que neste caso consistía en facer a silueta dun compañeiro/a.

Tampouco nos esquecemos de poñerlle unha cara, para que nos resultara máis familiar á hora de traballar.

As seguintes clases dedicámonos a escribir, debuxar e decorar o noso corpo humano. Así, un grupo encargouse do sistema esquelético; outro, dos órganos; e o último, do sistema muscular. 

Unha vez rematado o traballo, só quedaba preparar a exposición para expoñerlla a outro grupo. 

E chegou o día! Tocaba expoñer todo o noso traballo aos compañeiros/as de outra clase. Fixérono xenial! Ata se animaron a responder a preguntas e curiosidades que xurdiron aos oíntes. Uns auténticos expertos/as na materia!

(2019-2020) PEQUENA INVESTIGACIÓN: SERES MITOLÓXICOS

Xa case acabando o curso, e desde casa, os nenos e nenas de 1º e 2º fixeron unha pequena investigación sobre algúns seres mitolóxicos. A idea partíu dunha das nosas videoconferencias. Cada un investigou un ser mitolóxico e completou unha ficha cos datos do mesmo. Ademais, temos un audio de cada un explicándonos cousas sobre o ser mitolóxico investigado. 

E este é o resultado:

(2019-2020) MAPA INTERACTIVO DOS MONUMENTOS DO MUNDO

Aínda que desde a casa, en 1º e 2º fixemos algunhas pequenas investigacións. Así, ademais de escribir, ler e buscar información,ao facer un traballo conxunto mantemos a pertenencia a un grupo-clase. Neste caso, foi sobre os monumentos do mundo. O traballo consistiu en que cada neno completaba unha ficha sobre un monumento do mundo buscando información e logo con todas as fichas fixemos un mapa interactivo. Hai que agradecer as familias a súa implicación nesta tarefa e a súa actitude sempre participativa.

Estas son as fichas elaboradas polos nenos:

E este é o noso mapa interactivo:

MAPA INTERACTIVO DOS MONUMENTOS DO MUNDO(1º E 2º)

(2019-2020) AS ABELLAS

Na clase de 1º e 2º fixemos un pequeno proxecto sobre as abellas. Fixémonos preguntas e intentamos dar resposta a todas elas usando libros, internet, vídeos,etc. As familias colaboraron enviando ao noso correo da clase información moi interesante e tamén facendo cos nenos na casa murais ou investigacións que trouxeron á aula. 

Coa información que tiñamos decidimos crear un libro para doalo á biblioteca do colexio. Pero antes tiñamos que elaboralo. Divididos en varios equipos, os nenos traballaron para realizar a parte do libro que lles tocou. Logo,co libro xa rematado, pensamos que poderiamos facer unha presentación do libro, invitando ás outras clases á mesma. Así, elaboramos unhas invitacións e tamén un cartel o que nos serviu para coñecer máis tipos de textos. Logo, na data e hora prevista, con algúns nervios e vergoña, fixeron a súa presentación na pantalla. Fixérono xenial, demostrando que saben cooperar. Por último, démoslle polen a probar a todos os invitados á presentación e fixemos entrega do libro á biblioteca. Foi todo un éxito.

Aquí tedes algunhas fotos dos equipos traballando.

Aproveitando este tema, que nos resultou apaixoante, disfrazámonos de abellas no Entroido, todos os nenos e nenas de abellas (ata había algunha velutina) e a profe Loli e a profe Yolanda de apicultoras.

(2019-2020) Pirámide alimentaria e outras cousas

 

Na aula de 1º e 2º tivemos a visita de Tropicaco, un canciño de xoguete, que nos ensinou o abecedario cunha canción. 

 

Fixemos rimas utilizando a nosa ruleta.

Para favorecer o bo comportamento e esforzarnos naqueles aspectos que máis custan, o personaxe do noso libro de lecturas, o rei da noite, pediunos que fixeramos unha cadea o máis longa posible. Se facemos a fila ben, se recollemos sen ruídos, etc., imos gañando eslabóns e formando unha cadea que veremos ata onde chega.

Coa colaboración de todos, traendo xoguetes que temos na casa, estamos a facer unha pirámide alimentaria e aprendendo que alimentos hai que comer máis veces e cales moi pouquiñas veces. Aínda está sen rematar, pero vainos quedando así:

(2019-2020) APRENDENDO MATEMÁTICAS

 Algunhas das cousas que fixemos para aprender matemáticas en 1º, ademais de fichas e libreta, son as seguintes:

Con garbanzos, bolsiñas e recipientes para gardar ovos fixemos decenas e chegamos a formar unha centena.

 

Traballamos a xeometría cos bloques lóxicos, buscando os que nos pedían nas plantillas, tendo en conta ata tres atributos ao mesmo tempo.

  E facendo figuras libres cos bloques lóxicos.

Tamén aprendemos xeometría co noso tangram e co xeoplano.

 

Por outra banda, andamos a aprender a pesar obxectos, comparar, utilizar o Kilogramo como medida...

Ademais, para entender mellor a estrutura dun problema matemático, inventamos os nosos propios problemas en equipos, utilizando as tarxetas que nos tocaron.

 

 

(2018-2019) MÁIS COUSIÑAS

Na nosa clase seguimos aprendendo, traballando e xogando. 

Con este xogo practicamos o cálculo mental.

Tamén practicamos matemáticas, neste caso xeometría e organización espacial, co noso tangram.

 

 

 

 

E co xeoplano.

E para seguir practicando decenas e chegar ata a centena utilizamos material caseiro.

Para as letras e palabras xogamos ao pasapalabra con vocabulario de Nadal. Logo había que volver colocar as letras no rosco por orde alfabético, o que nos serviu tamén para recordalo.

Os nosos debuxos con grafismos sérvennos para practicar a grafomotricidade decorando os animais unha e outra vez, xa que son borrables.

Tamén antes das vacacións de Nadal, fixemos na clase o "amigo invisible". A cada un lle tocou facerlle un regaliño a un compañeiro: podía ser un debuxo, unha manualidade...esmeráronse moito, ata houbo algún que decorou un papel de regalo e envolveu o seu traballo.

E xa en xaneiro tivemos unha visita, que os de 2º recordaban do ano pasado. Tropicaco, o can do abecedario, veunos visitar e cantarnos a canción das letras. Cando volva, temos que saber ben as letras do abecedario na orde correcta. Practicaremos ata entón.

(2019-2020) Descubrimos o beebot e probot nos obradoiros de robótica neste primeiro trimestre

Durante este primeiro trimestre participamos en diferentes obradoiros de robótica, nos que fomos superando diferentes retos que nos ían propoñendo o profe Óscar e a profe Yolanda.

Quen corre máis? Que cheagará antes? O beebot ou o probot?

 

 

 

Podes debuxar co probot?

 

 

Finalmente tivo lugar a gran carreira, onde descubrimos que ambos se programaban con "magnitudes diferentes", mentras o beebot camiñaba de 15 en 15 cm, o probot facíao de centímetro en centímetro. 

 

Nos seguintes trimestres continuaremos a descubrir, e traballar, con outros robots gracias os que afondaremos en diferentes aspectos lóxico matemáticos, de orientación espacial e de pensamento estructurado.

 

Podes ler de seguido todo que facemos nos obradoiros de robótica libres, nos recreos dos luns.

(2019-2020) Explorando todo o que poden facer os nosos robots, nos obradoiros libres dos recreos dos luns.

 

(2019-2020) SEGUIMOS TRABALLANDO EN 1º E 2º

Na clase de 1º e 2º seguimos traballando, xogando e aprendendo.

Estivemos falando da familia, aprendendo vocabulario novo, explicando aos compañeiros quen son os nosos familiares amosándolles a árbore xenealóxica feita na casa. As familias implicáronse moito nesta actividade e os nenos trouxeron unhas árbores xenealóxicas preciosas, chegando nalgúns casos ata os tataravós.

En 2º están aprendendo a ler a hora no reloxio e, con máis calma, en 1º imos empezando tamén a facelo. É unha aprendizaxe que precisa de que na casa os nenos usen reloxios, os miren, conten o tempo que falta para unha actividade, etc.

Tamén e, dado o éxito que ten entre os nenos, seguimos coa nosa caixa de "A pensar" de cada semana. Ás veces resulta fácil como nesta actividade de numeración

pero outras veces hai que pensar e pensar e só uns poucos conseguen dar coa resposta, como pasou co enigma da última semana.

En matemáticas, os de 1º estivemos medindo a aula con palmos, pés ou pasos. Tamén medimos lápices cunha regra ou a propia mesa cunha cinta métrica.

E, para practicar os ditados e cambiar os que facemos habitualmente, esta vez fixemos un ditado con globos. Os nenos repartidos en dous equipos tiñan que explotar un a un os globos da cor do seu equipo e ditarlle a palabra que había dentro do globo aos compañeiros.

 

Tamén en equipos, 1º e 2º xuntos, xogaron ao xogo da oca para repasar a ortografía.

E, como sempre, seguimos a traballar os valores, os bos hábitos e o compañeirismo. Así, cando un neno acaba o seu traballo pode poñer unha medalla de axudante e axudar a outro compañeiro.

 

 

Distribuir contido

Acceso rápido

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Formación do profesorado

Proxectos T.I.C. do centro

Eleccións ó Consello Escolar

Eleccións ó Consello Escolar
Infomación do proceso

Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 0 invitados conectados.