Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal

(2013-2014) Iniciamos o noso proxecto de investigación sobre os Petroglifos

Para rematar este curso, e despois de descubrir "como se fixo o mundo" iniciamos unha investigación sobre os "petroglifos", dentro dun proxecto de traballo e investigación sobre a Prehistoria, que estamos a levar a cabo todo o centro.

 

O que xa sabíamos:

Como punto de partida, por parellas, fomos comentando ante unha cámara o que pensabamos que eran os petroglifos, para que servían?, quen os fixo?...

 

Visionámolos todos na aula dando lugar a moitos debates sobre o tema. 

 

E cos nosos equipos cooperativos tentamos contar o que "críamos que significaba o petroglifo que lles tocara  a cada un".

 

Finalmente coa aportación de todos e todas, esta foi a listaxe de tódalas cousas que sabemos sobre os petroglifos, incluidas as nosas interpretacións persoais.

 

O profe contounos que tiñamos que descubrir que eran, e para que servían, porque no mes de xuño, se queríamos podíamos participar nun "gran museo" sobre a prehistoria que se ía organizar, e a nosa aportación sería contar todo o que soubésemos dos petroglifos, xunto os compañeiros e compañeiras da outra aula.

 

O que queremos descubir:

Para poder facer a nosa parte do museo, e contarlle ós demáis compañeiros/as do centro e as familias, cousas dos petroglifos decidimos entre todos e todas que deberíamos dar resposta a estas preguntas. Xa que sería o que contariamos no nosa exposición final.

 

 

Onde imos atopar as respostas:

Para atopar resposta ás nosas preguntas, precisábamos conseguir información, tal como fixeramos en outras investigacións anteriores, de seguido fomos anotando tódolos lugares nos que atopar información.

E como sempre, entre eles estaba pedir información na casa, para o que escribimos, dentro de cada equipo, unhas notas pedindo información. Traballando xuntos axudámonos os uns ós outros a redactar as nosas solicitudes.

 

Engadimos unha fotografía dun petroglifo para que na casa soubesen de que estabamos a falar.

Descubrimos que moitos compañeiros e compañeiras vivían cerca de petroglifos... parece que había unha chea por esta zona.

Creamos o noso recanto da investigación:

Para ir organizando toda a información que iamos traer, preparamos o noso recanto da investigación, como sempre elaborando en primeiro lugar o título do proxecto: PETROGLIFOS... para telo sempre a man.

 

Co paso dos días fomos xuntando información, algunha trouxéronola outros profes, como o profe Tirso, quen nos contou que nas outras aulas tamén estaban a investigar sobre o tema, tal como nos contara o profe.

 

Trouxemos tamén información das nosas casas.

 

E co paso dos días o noso recanto foise enchendo de información.

 

Tamén atopamos moitos vídeos sobre a prehistoria que podemos atopar no apartado VÍDEOS do recanto de infantil.

 

Como nos imos organizar:

Cada un dos equipos cooperativos encargouse de "anotarse" no mural, nun apartado especial onde ir apuntando a nosa aportación á investigación ó longo do tempo.

 

Con todo xa preparado comezamos a INVESTIGAR  e a primeira pregunta foi:

 

Onde hai petroglifos?

Para descubrilo cada un dos equipos cooperativo traballou cun ordenador, para buscar un petroglifo en "google imaxes"... non foi moi doado ó comezo, xa que había que escribir a palabra "exactamente" e con tódalas letras para atopar imaxes axeitadas.

 

Cumprindo as normas de traballo no equipo: traballar todos, poñerse de acordo falando, rematar a tempo e recoller o material,  cada equipo escolleu un dos petroglifos que atopou.

 

E cada quen, coa axuda dos compañeiros/as do equipo, representou o petroglifo do seu equipo gráficamente, indicando ademáis o lugar do mundo no que se atopaba, unha información que o mestre atopou lendo a páxina web do ordenador na que atopamos a imaxe.

 

Cada equipo contou tamén cunha fotografía de cada un dos petroglifos... como iamos conseguir unha imaxe do noso para cada un?... despois de varios intentos os equipos descubriron que deberían pedirlle tantas imaxes como precisaban os outros equipos... e así intercambialas. O encargado de material foi quen tivo que levar a cabo esta tarefa...

 

Traballo rematado... xa tiñamos localizado os petroglifos dos equipos... pero onde estaban eses lugares que anotamos?

 

No mapa da nosa aula fomos lendo os diferentes "lugares" e pegando unha pequena foto do petroglifo de cada equipo onde lle correspondía. Este traballo foi levado a cabo por cada equipo segundo a estratexia de traballo que decidiron.

 

Con axuda do mapa da aula, fomos capaces, axudándonos novamente dentro do equipo,  de localizar en mapas o noso petroglifo... e tamén os dos demáis equipos.

 

Non foi doado pero "traballando xuntos" e cooperando demos feito este traballo tan complicado. Agora seguiremos engadindo os novos petroglifos que vaian aparecendo e os dos compañeiros e compañeiras da outra aula.

 

Finalmente tan só nos quedaba plasmar esa información no mural da investigación... agora xa sabiamos onde estaban algúns petroglifos... e estaban por todo o mundo. Seguiremos descubrindo ó longo da nosa investigación outros lugares importantes.

 

Un dos lugares que máis aparecía era CAMPO LAMEIRO, xustamente onde está o noso colexio.

 

Tras cada tarefa os equipos auto-avaliaron o seu traballo.

 

Xa vos iremos contando como vai evolucionando a nosa investigación en próximas entradas deste blog.