Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal
       

(2013-2014) Patrimonio cultural

As nosas parroquias e aldeas onde vivimos están cheas de historia, monumentos, igrexas, construcións, lugares, obxectos, pedras,...dun grande interese. Nalgunhas apenas reparamos. Os restos arqueolóxicos falan de que estas terras levan ocupadas dende hai máis de 3.200 anos antes de Cristo.

   Os alumnos de sexto, facendo un percorrido polo concello de Campo Lameiro, aportamos algunhas imaxes que dan conta destas construcións espalladas por diferentes currunchos das nosas parroquias.

Petroglifo en Fragas

En As Fragas, a parroquia onde vive Dani Campos, hai numerosos petroglifos como este da foto; un dos máis importantes é o da "Pedra da Boullosa", no que destaca unha grande serpe de máis de catro metros de lonxitude, sen cabeza, que parece que está reptando pola rocha. Tamén ten unha figura humana, cervos, motivos circulares...A maioría destes gravados son da Idade do Bronce, arredor duns 2.000 anos antes de Cristo. Se queres saber máis consulta http://www.campolameiro.com/petroglifos_as_fragas_gal.html e fai unha visita ao Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.

De Santa Mariña de As Fragas son tamén Carla, Alex, Virxinia e Dani Camiña, que nos traen as imaxes que veñen a continuación.

Adro da Igrexa de Santa Mariña

 

   O adro da igrexa é lugar  de reunión dos parroquiáns, onde se xuntan por mor das celebracións relixiosas (moitas persoas, sobre todo homes, permanecen nel de conversa, mentres se celebran  as cerimonias no interior do templo), enterros, vodas, festas...Está cercado por un muro e rodeado de carballos e abetos. Ao lado temos o campo da festa.

Portada principal

A Igrexa de Santa Mariña ten unha fachada dun grande mérito por ser románica do século XII. Está enmarcada por dúas columnas adosadas. No tímpano de medio punto represéntase a tres personaxes: un bispo dando a bendición e dous curas, o da esquerda cun libro e o da dereita cunha cruz. Os capiteis están decorados con temas  historiados e talla de follas. 

Cruceiro de Fragas

Preto da igrexa hai un fermoso cruceiro. Elevado sobre unha plataforma cuadrangular de catro chanzos, conta cunha peza cúbica sobre a que hai unha columna circular, capitel decorado e unha mesa para as ofrendas.

Hórreo en Redonde

Este hórreo está cerca da casa de Virxinia, en Redonde. Construído en pedra e madeira, está levantado sobre columnas que rematan nunhas pezas cilíndricas que se chaman "tornarratos" porque evitan que estes roedores e outros animais suban ao interior a comer o millo.

Jose, Antía e Laura aportan estas tres imaxes de pezas que, no pasado, foron fundamentais na vida agrícola que se desenvolvía nas nosas aldeas.

Roda de carro do país

O carro de bois ou de vacas, utilizouse ao longo da historia para tarefas agrícolas e transporte de mercadorías por toda Europa durante máis de 3000 anos. Os elementos fundamentais dun carro de eixo móbil eran  chedeiro e rodado. O rodado deste tipo de  carros era totalmente independente do chedeiro. Estas rodas de madeira e borde de ferro, aínda que eran moi fortes, rompían frecuentemente, por iso había que ter rodas de reposto que se podían cambiar facilmente.

Roda de muíño de auga

Os muíños de auga son moi antigos, teñen centos de anos. Construíanse no curso de ríos e regatos e servían para moer cereais e facer fariña.As pedras durminte e volandeira (tolva), son as que moen o gran por efecto da acción de rozamento das dúas pedras xirando pola forza da auga.

Forno e pía na aldea de Morillas

Aquí temos un antigo forno onde se cocía principalmente pan (de millo, trigo, centeo...) pero tamén outros alimentos como castañas, asados...Normalmente eran de pedra, pero tamén podían ser de laxe ou ladrillo. Podían ser privados, formando parte da casa ou ó lado dela (como o da foto), ou comunais, igual que as adegas ou os muíños. Os fornos comunais, moito máis grandes, eran usados "ás roldas" (pasando de veciño a veciño) e as fornadas eran máis grandes para que durase o pan ata que volvese a tocala quenda. Este fornos eran construídos por toda a aldea ou por tódolos veciños que o utilizaban.

Na foto, ó lado do forno, vemos unha pía de pedra, dunha soa peza, que servía para que comesen ou bebesen os animais.

Fonte en Alende

En Alende, onde vive Uxía, temos esta fonte de pedra que, aínda que non é tan antiga, si que nos parece bonita e valiosa pola súa orixinalidade e monumentalidade e, sobre todo, pola súa situación no medio da estrada.

Ábside de a Igrexa de San Miguel do Campo

Atópase no lugar de A Igrexa, parroquia de San Miguel, a que pertence Nuria. O ábside, románico do século XII, semicircular, é o que se conserva do antigo templo. Está decorado no seu exterior por canalóns de tipo normando, como moitas igrexas de peregrinación espalladas por toda a Península e, no seu interior, con capiteis tallados con motivos vexetais e figuras humanas. A portada é de estilo ranacentista e foi construída no ano 1.636.

Hórreos de Parada

Parada é a aldea onde vive María. Aquí temos este magnífico conxunto de hórreos típicos galegos, de cantería e madeira con cuberta de tellas. O hórreo é unha construción de uso agrícola destinada a secar, curar e gardar o millo e outros cereais antes de quitarlles o gran e moelos. A existencia deste conxunto de hórreos en Parada, un lugar pequeno, lévanos a pensar en que era unha zona rica na que debeu haber moito millo e cereais que gardar.

Estas son algunhas das moitísimas cousas que temos no concello de Campo Lameiro. Outro día publicaremos máis para que as coñeza todo o mundo.

                                                                       

 

 

Acceso rápido

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Formación do profesorado

Proxectos T.I.C. do centro

Eleccións ó Consello Escolar

Eleccións ó Consello Escolar
Infomación do proceso

Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 0 invitados conectados.