Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Os Maios

A semana pasada celebramos a festa dos Maios. Para isto, o alumnado colaborou traendo á escola flores, fiúncho, laranxas, limóns e ovos cos que confeccionar os dous maios, un de Educación Infantil e outro de Primaria.

Xa con todos os materiais preparados, alumnado e profesorado puxéronse mans á obra e traballaron sen descanso ao longo da mañá do xoves día 12 para crear uns preciosos maios cos que desfilar ao día seguinte ata a Praza do Concello de Fene.

 

Ao día seguinte, o venres día 13 de maio, toda a escola participou no desfile. Que guapas e guapos estabamos cos nosos sombreiros de palla adornados con flores e que bonitos quedaron os maios, pero como pesaban! Aínda que, colaborando entre todas e todos, e incluso con axudas das familias, puidemos levalos ata a Praza do Concello.

 

Durante todo o desfile e na praza estivemos moi ben acompañados polas familias do alumnado que por nada do mundo querían perderse esta celebración. E normal, porque alí, os nenos e nenas de Infantil bailaron a muiñeira Felisa vai en coche e fixérono de marabilla, vaia ritmo teñen estes pequerrechos e pequerrechas!

A continuación, o alumnado de Primaria bailou a Muiñeira de Lugo e tamén o fixeron xenial! Que bos bailadores e bailadoras temos en Centieiras!

Tamén fixemos unhas fotos todas xuntas e xuntos que quedaron ben chulas. Mirade, mirade:

E despois, volta ao cole cos maios ao lombo de novo. Estes nenos e nenas de Centieiras son uns forzudos!

Xa na escola, fixemos máis fotos lucindo sorrisos e posando cos maios e, finalmente, merendamos e xogamos no patio desfrutando dun marabilloso día de primavera.

Aquí tedes o vídeo da xornada:

 

 

 

Moitas grazas a todas e todos pola vosa colaboración e por participar con nós na festa dos Maios.