Historia

HISTORIA

Cerceda atópase nunha área de transición entre as terras das Mariñas, Bergantiños e Ordes, no ángulo que forman as estradas de A Coruña a Carballo e Fisterra, e a N-555 de A Coruña a Santiago.

Limita con A Laracha e Culleredo, ao sur con Ordes e Tordoia, ao leste con Carral e ao oeste con Carballo, da seguinte forma: Por unha banda o municipio está limitado polas alturas de Montemaior (500 m.) que marcan a transición cara ás terras de Bergantiños e actúan de divisoria de augas entre as cuncas do Anllóns e do Tambre. No nordés outra elevación, o monte Xalo, formado por un bloque erguido, separa ao municipio do conxunto litoral das Mariñas. Ao seu pé unha extensa e profunda depresión recorre as parroquias de Meirama e as Encrobas, onde a mina de lignitos -pechada no 2.007- formada no fondo da depresión citada e a central térmica transformaron a paisaxe agraria anterior.

O río Barcés recolle as augas e as leva ao río Mero despois de encaixarse nun bloque montañoso tras o que se abre o amplo val da Barcia. Ao sur da faia de Meirama, o relevo toma o característico aspecto de plenitude topográfica propio das terras de Ordes, tan só interrompida  por unha serie de pequenas elevacións que actúan de interfluvios dos numerosos regatos que nacendo na serra de Montemaior, desaugan no embalse de Vilagudín.

Ten unha extensión de 110 kilómetros cuadrados cunha densidade de poboación de 58,4 habitantes por kilómetro cuadrado. Ata o comezo da explotación dos xacementos de lignito de Meirama, a ocupación casi exclusiva do Concello era agrícola, gandeira e forestal. En 1971, nunhas canteiras de extración de arxila descubriuse casualmente un xacemento de lignito cunhas reservas duns 100 millóns de toneladas métricas que abasteceron ata o ano 2007 á central térmica que comenzou a funcionar en 1980 cunha capacidade de produción eléctrica de 1450 megavatios.  

A coiuntura da minería sacou a Cerceda do anonimato dunhas terras noutro momento únicamente agrícolas e gandeiras pero non puido frear a pérdida de poboación motivada pola emigración e o envellecemento.  

A búsqueda de saídas laborais no estranxeiro foi importante desde o ano 1.955 a países de Hispanoamérica -sobre todo Uruguay- e xeralizouse a Europa -sobre todo a Suíza, dez anos despois.  

A historia de Cerceda remítese aos asentamentos Celtas. Os restos arqueolóxicos máis antigos e que marcan o inicio do poboamento destas terras pertencen á cultura castrexa -castro do Coto de Guichar nas Encrobas e castro de Cerceda-, destacando un fermoso torques de ouro atopado nun sepulcro. Restos e vestixios é o que se conserva do antigo castelo das Encrobas, que pertencía en 1.282 á Igrexa de Santiago e que na metade do século XV, o arcebispo D. Lope de Mendoza deu en préstamo a Xoán Becerra do Val de Veiga, quen o retivo co seu coto e o cedeu “en casamento con su fija a Fernán Pérez de Ándrade fijo de Nuno Freyre”, e que segundo a tradición local constituía unha compensación ao pouco agraciado aspecto da doncela.

Dentro da primitiva provincia da Coruña houbo a xurisdición de Encrobas, do señorío do Marqués de Astorga e outros. Dita xurisdición estaba composta polas feligresías das Encrobas, Cerceda e Queixas, hoxe todas do municipio. As terras do actual Concello de Cerceda incluíronse na división de Galicia do ano 1.822 dentro do partido xudicial de Trastámara, que tiña a capital en Poulo (Ordes). Na división definitiva de 1.934 quedou integrado no partido xudicial de Ordes. Ata entón o municipio de Cerceda caracterizouse polo seu illamento e faia de comunicacións. Abonda con observar o mapa catastral de 1.929 no que non aparece carretera algunha tocando o termo municipal.

O dicionario xeográfico-estatístico-histórico de España, elaborado no ano 1.850 por Pascual Madoz, descríbenos un Concello composto por 600 casas illadas, dúas escolas e moi malos camiños. Os produtos dos que vive esa poboación son cereais, legumes, froitas, liño, pastos,  gando vacún e porcino.

A Igrexa de San Román de Encrobas é a máis antiga e a máis interesante do Concello desde o punto de vista artístico e arqueolóxico. Foi reformada no 1.720 por un mestre de obras Santiagués, sobre todo no que se refire á fachada -da que só se conserva un pequeno rosetón románico-, a súa construción primitiva é do século XII. Desta época data a porta do muro norte que no seu dintel leva esculpidos catro bastóns e unha cruz. Tamén son románicos os arcos da entrada ao presbiterio, os contrafortes prismáticos do interior do ábside e as saeteras que rasgan os muros da nave. Na actualidade, a Igrexa foi trasladada e reconstruída pedra a pedra noutro emprazamento da parroquia das Encrobas-Pontoxo- debido ás excavacións da mina.

Moi preto da capital municipal, no lugar das Lavandeiras, atópase moi ben restaurado o Pazo das Lavandeiras. O conxunto histórico está composto por un edificio rectangular, unha pequena capela e varios hórreos, ademais doutras dependencias menores. Juan Álvarez Becerra consta entre os fundadores desta casa, apelido que tamén figura na torre de Gontón; pazo que está na parroquia de Encrobas. A torre do pazo, xa non existe pero sí un pazo sinxelo. Destaca a escaleira de entrada ao primeiro piso e un escudo na que se ven as oito becerras da linaxe da Becerra.

Non seguiu a mesma sorte que as anteriores o pazo de Boedo, en Queixas onde só se conserva un edificio rectangular cun par de chemineas e dous escudos aos lados da fachada principal. Sábese que Bernardo Osorio e Miranda, co seu fillo Juan Becerra Osorio fundaron unha capela próxima ao pazo en 1.688. Podemos atopar restos románicos nas igrexas de San Andrés de Meirama, San Martín de Rodís e en Santa Columba de Xesteda, ainda que nesta última predominan os elementos barrocos. 


O CENTRO

Con data do 27 de novembro de 1979 constitúese o primeiro Claustro segundo consta na acta nº 1 da citada data, empezando a funcionar como Colexio Nacional Mixto da Silva-Cerceda. Neste edificio escolarizábanse os alumnos de 1º a 8º de EXB, permanecendo os alumnos de infantil na escola do Moucho.

O 21 de maio do ano seguinte o centro pasa a denominarse C.P. Celso Emilio Ferreiro.No curso escolar 91/92 o preescolar pasa ás dependencias do centro, habilitándose unha aula na casa do conserxe.No curso escolar 97/98 créase outra unidade de Educación Infantil escolarizándose os nenos de tres anos.

No 98/99 suprímese a escola de Atrio-Rodis, incorporándose ao centro o alumnado da mesma, coincidindo co traslado a Cerceda dos alumnos da ESO e pasando a ser un C.E.I.P.

No curso escolar 2017/2018 pasa a denominarse CEIP PLURILINGÜE CELSO EMILIO FERREIRO.


 

Powered by Drupal - Design by artinet