Carta ás familias

Estimadas familias:
Logo de seren publicadas as Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, o persoal docente do CEIP de Celeiro está a traballar nas mesmas para levalas a cabo.
En breve poñeremos a vosa disposición na páxina web as adaptacións das programacións correspondentes ao 3º trimestre de cada un dos cursos, para que coñezades aqueles contidos, que se están a traballar, e como se van a avaliar ao final de curso.
Durante o terceiro trimestre seguiremos desenvolvendo actividades de recuperación, repaso, reforzo e, no seu caso, de ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do alumnado.
Para a avaliación e cualificación deste trimestre, teranse en conta as aprendizaxes desenvolvidas durante os dous primeiros trimestres do curso, (...) así como as actividades de recuperación, repaso, reforzo e, de ser o caso, ampliación das aprendizaxes anteriores que se desenvolvan durante o terceiro trimestre sempre e cando se beneficie ao alumnado. (...) En todo caso, a avaliación das actividades realizadas na fase non presencial so poderá ter valor positivo para a cualificación do alumnado; (segundo as instrucións do 27 de abril da Consellería de Educación).
En relación a isto querémoslles lembrar que as actividades que se propoñen na aula virtual son de carácter voluntario, de ser o caso ditas actividades soamente serán avaliadas en positivo, é dicir que a non realización das mesmas, non baixará a media da evolución das aprendizaxes acadadas nos dous trimestres anteriores. En todo caso serán os titores e titoras e as especialistas quen establezan os criterios para dita avaliación, e poñerano en coñecemento mediante a plataforma de comunicación escollida por cada un (aula virtual, correo electrónico, aplicación Tokapp...) e co que vos estades a comunicar con eles, ademais de seren publicadas na páxina web do centro no debido momento.
En canto á promoción de curso será a norma xeral en todas as etapas, considerándose a repetición de curso una medida moi excepcional, que (...) deberá estar solidamente argumentada e acompañada dun plan preciso de recuperación para cada alumno ou alumna.
Será no vindeiro curso 2020/2021, onde se proceda ás adaptacións pertinentes nas programacións de cada curso facendo fincapé na recuperación dos contidos que queden pendentes deste 3º trimestre, para procurar que todo o alumnado avance. Para iso adoptaranse as medidas necesarias de atención á diversidade, individuais ou grupais, orientadas a responder ás necesidades educativas concretas dos alumnos e das alumnas e á consecución dos resultados de aprendizaxe vinculados ás aprendizaxes imprescindibles, que a situación excepcional do curso 2019-2020 lles dificultase adquirir .
Sen máis que destacar, agradecemos que nos sigades tanto na páxina web, nos blogs así como na aula virtual.

Son tempos difíciles, pero xuntos sairemos desta.
Ánimo familias. Estamos con vosoutros.
Un saúdo.