Skip to Content

COMUNICADO DO CENTRO

Queridas familias,

Ante a situación de loita contra a pandemia orixinada polo COVID-19, e despois de establecer as comunicacións pertinentes entre os distintos membros do equipo docente do CEIP de Celeiro, queremos enviarlles esta mensaxe de tranquilidade, en todos os sentidos: educativo, social e sanitario.

1.- Cóidense e fagan caso das recomendacións do Goberno e das autoridades. A saúde é o primeiro. O resto, na situación que vivimos é secundario.

2.- Fagan o que consideren necesario para levar a situación o mellor posible a nivel psicolóxico-emocional. A conciliación familiar é unha base moi importante na educación do noso alumnado.

3.- Teñan presente que todo o que está a acontecer é unha situación de aprendizaxe en si mesmo a todos os niveis.

4.- Non consideren a nosa proposta de actividades como algo obrigatorio, senón como unha posibilidade cara a manter unha rutina e uns hábitos de traballo-estudo que sería ideal non descoidar. A súa realización non pode supor unha situación de estrés no ámbito familiar. Dean máis importancia a aquelas actividades coas que os seus fillos/as se atopen cómodos, sen deixar de lado a aprendizaxe e o mantemento de hábitos saudables.

5.- Se precisan a nosa axuda non duden en pórse en contacto a través das medidas adoptadas:

  • correo do centro: ceip.celeiro@edu.xunta.es
  • teléfono do centro: 982 87 09 53

6.- Somos conscientes de que non todas as familias dispoñen de medios tecnolóxicos nin persoais para facer fronte a esta tarefa de axudar aos seus fillos en actividades escolares; pero teñan en conta que debuxar, pintar con distintos materiais, facer puzzles, xogos de mesa, ler, axudar en tarefas do fogar, cantar, bailar ou simplemente conversas cos seus fillos e fillas tamén SON ACTIVIDADES EDUCATIVAS QUE FOMENTAN MOITAS COMPETENCIAS DE GRAN IMPORTANCIA.

7.- Aproveiten a enorme cantidade de recursos aos que teñen acceso para facer fronte a estes días en familia da mellor maneira posible: lean, xoguen, vexan unha película, conten chistes, escoiten música...o que queiran, pero fágano xuntos, apoiándose uns aos outros. Poden consultar a páxina web do centro e blogs correspondentes, onde atoparán diferentes recursos para traballar.

TODOS XUNTOS VENCEREMOS!! TODO VAI SAÍR BEN!!

Un cordial saúdo.

Equipo Docente do CEIP de Celeiro



page | by Dr. Radut