Xogar

Os Pelouros

 

O xogo dos Pelouros.

 

 

Trátase dun xogo popular e tradicional, moi estendido, aínda que as fases ou figuras poden cambiar. Algúns poden facelo coincidir co xogo das tabas, onde se empregaba unha pelota saltarina e os osos de xeonllo dos cordeiros, con forma de dados que había que cambiar de posición.

No caso que vos falo, é como xogaba eu de pequeno. Empregaba cinco pedras, a poder ser algo redondeadas (das que hai na ribeira ou nos ríos) pequenas, de tal xeito que as cinco collesen ben nunha man. De pequeno había ata sete fases ou etapas no xogo, tiñas que ilas superando (como fas nos videoxogos) e si cometías un erro tocáballe quenda ao teu rival.

Basicamente consiste en manexar con destreza as pedras, sendo capaz de lanzar unha e recollela antes de que caia ao chan e no medio facer unha tarefa como pode ser recoller as outras de unha en unha, pasalas por baixo de dous dedos da outra man,..., vamos, que coma en tódolos xogos divertidos, había que ter moita práctica.

Paso a explicar algúns dos pasos, tal e como recordo.

  • Primeiras: sóltanse cunha man as pedras no chan. Escollemos unha que será a que empreguemos como lanzadeira. Lanzamos a lanzadeira ao aire e mentres, coa mesma man, recollemos unha do chan e antes de que a lanzadeira caia a recollemos. Soltamos unha e volvemos a lanzar e recoller ata que teñamos recollido as catro do chan. Si erramos, seguimos na mesma fase e tócalle a outro xogador. Non podemos volver a intentalo ata que nos volva tocar.
  • Segundas: neste caso recóllense de dúas en dúas. Pódese lanzar e recoller a lanzadeira sen lograr coller dúas xuntas e aproveitar para pór as do chan de dúas en dúas e así recollelas con éxito.
  • Terceiras, facer un montón de tres, collelas e despois a que queda.
  • Cuartas, xuntar as catro e recollelas todas xuntas. Lembrade que si a lanzadeira non vos cae podedes seguir intentando collelas sen perder vez.
  • Agora toca unha figura da que non lembro o nome. Antón Cortizas, que estivo de mestre no CEIP de Carnota, recolleu para este xogo a versión de Carnota no seu libro Chirlosmirlos, e a esta chámalle “Paxarela”. Consiste en lanzar unha pedra ao aire e recollela no dorso da man, entre os dedos índice e anular, baixando o medio un pouco. Despois, sen que nos caia esa pedra recollemos facendo pinza co dedo polgar e o medio, unha das do chan e impulsando a man cara arriba facemos que a lanzadeira saía cara arriba e a recollemos xunto coa outra na palma da man.
  • O pozo. É moi parecida á paxarela, pero agora, a que recollemos facendo pinza non a soltamos e temos que conseguir que a lanzadeira pase polo oco que deixa a outra pedra, o índice, o polgar e a man.
  • A seguinte figura trátase da ponte. Facemos coa man non dominante (a que non soemos empregar) unha especie de ponte apoiando o índice e o polgar no chan e mentres lanzamos coa outra man a lanzadeira, empurramos as outras catro pedras intentando que pasen por debaixo desa ponte. Poden ir de unha en unha ou varias xuntas, mesmo en varios intentos, pois si a lanzadeira non nos cae podemos seguir co intento.

 

Antón Cortizas cita tamén o Zapateiro, figura que tampouco lembraba como se chamaba, pero coido que coas anteriores tedes abondo.

Como todos os xogos, a cuestión é a práctica. Cada quen, en función de si lle gusta, pode intentar ir superando as figuras ou fases que vos comento.

Achego tamén enlaces a videos que gravei, nos que eu tamén erro na xogada, para que vos sirvan para ver as figuras.

Video nº1: Primeiras

 

 

Video nº 2: Segundas
 
Video nº 3: Cuartas
 
Video nº4: Paxarela
 
 
Video nº 5: O Pozo
 
Video nº 6: A Ponte
 

Powered by Drupal - Design by artinet