Iniciar sesión: Acceso

blogue deadmin

Fin de curso 2018/2019

E como non podía ser doutro xeito despedimos este curso 2018/2019 cunha animada festa de despedida na que non faltaron actuacións, arte, baile, música, movemento e, por suposto, graduacións! E algunha que outra lágrimiña!

Ademais, este ano foi algo máis especial, pois rematamos a xornada cunha xuntanza nas Termas de Barbantes, onde o alumnado desfrutou dun baño, unha merenda e un tempo para eles e elas. 

Repoñede ben as pilas que.. volvemos en setembro!

Excursión fin de curso 2019!

Hoxe realizamos a excursión de fin de curso 2018/2019. Foi unha xornada divertida e chea de actividades variadas: paseo en barca, tirolina, tiro con arco, slackline, animais... NATUREZA!

Velaquí un pequeniño recordo.

 

Concurso "Doces saudables"

Como broche final ao Proxecto sobre "Hábitos saudables" desenvolto este curso hoxe celebramos no cole un concurso de doces saudables elaborados polo alumnado en colaboración coas súas familias. Nel, premiamos as sobremesas máis ricas, orixinais e saudables. 

Moitísimas grazas e noraboa a todas e todos os participantes, pois todos os postres estaban boísimos!

Visita ao plató de Telemiño

Este luns visitamos o Plató de Telemiño e as instalacións de La Región, como parte dunha actividade proposta dende ambos organizada en dúas xornadas.

Así, na primeira parte profesionais de Telemiño e do Xornal Escolar de La Región desprazáronse ata o noso cole para grabar un pequeniño vídeo no que o noso alumnado, que fixo de reporteiro, lles presentou o centro. 

Despois, tivemos unha segunda xornada na que fomos nós os que nos desprazamos ao plató para grabar uns informativos e unha táboa redonda. O certo é que foi unha experiencia marabillosa aínda que estabamos algo nerviosos. Mil grazas por deixarnos formar parte. 

 

Podedes ollar os vídeos nos seguintes enlaces web:

https://www.teleminho.com/video/xornal-escolar/xornal-escolar-15-06-19-1/20190617113445031837.html

https://www.teleminho.com/video/xornal-escolar/xornal-escolar-b-15-06-19-1/20190617113409031836.html

Unha chea de actividades

Este curso participamos nunha morea de actividades diferentes. E como non pode ser doutro xeito, este final de curso tamén se presenta movidiño.

Así, durante as semanas pasadas participamos nunha charla sobre "O doce Mel de Galicia" na que descubrimos moitas cousas interesantes sobre o mel. Tamén, desfrutamos no cole dun contacontos da man de Sabela e recibimos unha moi interesante charla e actividade/obradoiro de Lingua de Signose diversidade sensorial promovida dende a Organización de Xordos de Galicia Xoga, algo que ao noso alumnado lles encantou e sorprendeu enormemente. 

Velaquí podedes ver algunhas fotiños

 

Menú do mes de xuño

Xa podedes consultar o Menú do mes de xuño clicando no documento adxunto!

Convivencia infantil

Hoxe, xoves 23 de maio, os nenos e nenas de infantil desprazámonos ata o CPI Terras de Maside para participar nunha marabillosa xornada de Convivencia xunto con nenos e nenas doutros coles da contorna. Así, compartimos xogos (musicais, plásticos, de movemento), espazos e momentos cos coles de Punxín, San Amaro, A Peroxa e Maside. Ademais, tivemos a sorte de poder coñecer a Manchiñas, o coelliño do cole de Maside! Arredor dela e do resto de animais xirou toda a xornada de hoxe. 

Vémonos o ano que vén! Mil grazas por convidarnos!

Solicitude fondo libros, adqusición libros de texto e material escolar

No pasado DOG do día 20 de maio de 2019 publicouse a Orde do 3 de maio de 2019, pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2019/20.

Clicando nos seguintes enlaces podedes acceder ao recurso correspondente:

Enlace ao DOG correspondente

Enlace á solicitude

Enlace ao manual de usuario

Enlace á Sede Electrónica da Xunta de Galicia

 

Recordade que o prazo para solicitar a participación no fondo de libros e para a adquisición de libros e/ou material escolar remata o 21 de xuño de 2019. 

Para calquera dúbida non teñades reparo en contactar con nós.

 

 

 

Convivencia co CRA Amencer. Día das Letras Galegas 2019

Onte, día xoves 16 de maio, celebramos o Día das Letras Galegas cunha estupenda xornada no noso cole xunto co alumnado e profesorado do CRA Amencer, de Ribadavia. 

Así, comezamos a xornada cun tempo de distensión e cunha benvida do alumnado maior do cole quen, ademais, presentounos ao autor homenaxeado das Letras Galegas: Antón Fraguas Fraguas a través do Kamishibai. Despois, cada neno/a decorou a súa pegatina do autor. Logo, veu o tempo da merenda e da maxia e contacontos da man de Leo Leíño. Para rematar, tivemos tempo libre e xantamos xuntos no comedor do cole. 

Velaquí vos deixamos unhas fotiños como resumo da xornada. 

 

Encontros co autor/a

Hoxe no cole tivemos o primeiro Encontro co autor! Os nenos e nenas maiores do cole leron este curso o libro "Brian, o chinés" e hoxe, o seu autor, David Daniel Vázquez Álvarez, visitou o noso cole para compartir con nós experiencias do seu libro. Ademais, contestou todas as nosas dúbidas por iso dende o cole nos gustaría agradecerlle un montón a súa visita!

Distribuir contido

Back to top