Skip to Content

Carta ás Familias | 26 de marzo de 2020

 

ORGANIZACIÓN DA ACTIVIDADE LECTIVA

DURANTE A SUSPENSIÓN DA ACTIVIDADE EDUCATIVA



Prezadas familias do CEIP de Barouta,

 

Querémosvos facer chegar o noso afecto, o noso acompañamento nestes tempos difíciles e confusos, e trasladarvos todo o noso ánimo e apoio, para vós e para os vosos seres queridos.

 

Estes días, o Claustro do CEIP de Barouta, debatimos sobre como colocar as necesidades do alumnado na nosa práctica docente a través do teletraballo. O noso oficio baséase no acompañamento presencial do alumnado, de seguir o seu ritmo de aprendizaxe para ofrecerlle que vaia construíndo novos coñecementos. Pero esa presenza, ese acompañamento como habitualmente o entendemos, non é posible e temos que trazar novas estratexias.

 

Como Centro Educativo e como Claustro estamos facendo un grande esforzo, colectivo e individual, en manter unha comunicación fluída con vós a través de diferentes vías: Web, TokAppSchool, Correo Electrónico, E-Dixgal. Así mesmo, levamos días traballando nunha aula virtual de aprendizaxe que agardamos poder ofrecervos nos próximo días. Todo para que vos sintades acompañados/as e arroupados/as. Que saibades que estamos aquí para o que precisedes.

 

Con todo, a situación histórica que vivimos pon de manifesto moitas desigualdades de recursos tecnolóxicos e dixitais que non todo o alumnado posúe. E isto é unha das cousas que máis nos preocupa. Por moito que enviemos mensaxes, se non se recibe non hai comunicación verdadeira. 

 

Se sabedes que alguén non recibe comunicación do colexio, agradecémosvos que lla fagades chegar do xeito e forma que sexa posible, e tamén que nolo digades para poder ver nós outros canles e medios de comunicación. É importante que esta situación nos manteña unidas/os en Comunidade Educativa, non que nos separe abrindo máis a fenda das desigualdades.

 

Queremos saber de vós, así que, as persoas que queirades e poidades, gustaríanos que nos enviásedes unha nota de voz, un vídeo ou un texto onde nos describades e expliquedes como pasades este momento, para poder compartir con toda a Comunidade Educativa. Tedes á vosa disposición o teléfono móbil do colexio (con WhatsApp) 717 70 74 31 e o correo ceip.barouta@edu.xunta.gal

 

Seguimos en contacto. En breve, como vos anunciamos, darémosvos noticias da nova aula virtual que estará dispoñible na páxina web: 

https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipbarouta/aulavirtual/

 

Recibide todo o noso afecto, apoio e acompañamento neste momento difícil. 

 

Moito ánimo. 

 

Agardamos vernos pronto!



25 de marzo de 2020

 

Clasutro do CEIP de Barouta

 



page | by Dr. Radut