XUIZO DO MECO CORONAVIRUS

No colexio Balaídos temos ben claro que a pandemia do coronavirus non ten porque amolar ás nosas nenas e nenos. Cumprimos protocolos, pero adaptamos as festas e tradicións celebrándoas dun xeito distinto co obxectivo de que estean presentes, algo diferentes... pero presentes.

Cada mes de febreiro chegaba e chega ao cole o TEMPO DE ENTROIDO presidido sempre polo MECO, un boneco que representa case sempre o “malo e ruín vivido ao longo do ano anterior”.

Nesta ocasión non había dúbida, era doado escoller! Non si?

Por iso o noso Meco é o Coronavirus, que xa nos fixo vir desde setembro coa incómoda máscara posta, e nesta semana, aínda por riba, mandounos traer: zapatos cambiados, cousas en cintura e pescozo,...

Por todo iso, foi xulgado no XUÍZO DO MECO polo alumnado de 6º de EP, como xa é tradición desde sempre, que diante da imposibilidade de facelo no patio coma noutrora argallouse unha videomontaxe na que tamén participaron todas os grupos de Infantil e Primaria, a fin de coñecer a súa opinión para sentencialo á QUEIMA ou salvalo.

Ah! Que estades a pensar? Que vos gustaría velo? Pois.... tendes sorte! Aquí vos deixamos o video. Desexamos que gostedes del!

  

 

Esquecíamos de dicirvos que o venres 12 de febreiro, sairemos ao patio coma un ENTROIDO calquera, cos nosos disfraces de homenaxe a tantas persoas e colectivos que nos fixeron e están a facer máis levadeira esta pandemia. Sentimos que neste ano non poidan facernos compaña AS FAMILIAS (nais, pais, avós e avoas) para gozar do desfile e do xuízo do Meco.

De todos os xeitos, xa vos informaremos de como resultou todo.

Os nosos nenos e nenas van ter ENTROIDO  no COLE! Iso é o que realmente importa, verdade?

 Apertas e VIVA O ENTROIDO!!!!!

Xa está aquí o Entroido!!

Xa estamos en tempos de entroido e, aínda que este ano é diferente, hai costumes que non desaparecen. O meco volve un ano máis cos seus mandatos que buscan complicarnos a vida!!

Recordade que os mandatos son acumulativos, isto quere dicir que cada día levaremos o que nos mande o teimado Meco, máis o do día anterior.

  Dende a Dinamización da Lingua Galega deixanvos unha canción do Entroido para ir sumerxíndonos na festa!

  
E aquí material para traballalo:
 

Emociomartes do mes de xaneiro.

Continuamos coa realización do noso proxecto de Educación Emocional cos nosos alumnos, para que aprenden a identificar e xestionar as propias emoción.
 No EMOCIOMARTES deste mes de XANEIRO  axudamos ao alumnado de educación infantil  a aprender a OBSERVAR ,recoñecer  e identificar as  diferentes emocións básicas no  corpo.Tamén a recoñecer  que cada estímulo provoca diferentes emocións en cada un de nós e a decatarnos da importancia de non xulgar ao outro, de non facer interpretacións á lixeira.


Vector de Personas creado por pikisuperstar - www.freepik.es


 Co alumnado de educación primariatraballamos  a empatía para a prevención do Bullying.  
O noso obxectivo é que o alumnado coñeza que é o acoso  e o ciberacoso , así como previlo. Que aprendan a diferenciar as vítimas, os agresores e os espectadores. Que  coñezan as consecuencias do acoso e previr as condutas de microacoso coas que se empeza.
Nos cursos de 1º e 2º visionaron videos e realizaron os carteis de RACHA co silencio.
Os alumnos dende 3º a 6º traballaron a través da visualización de varios powerpoints con diferentes situacións para que aprenden a diferenciar as condutas que son acoso e as que non. Realizaron un traballo sobre os diferentes participantes no acoso e os sentimentos de cada un deles.
 O alumnado de 6º ademáis reflexionou  a través  destes videos do ciberacoso e os perigos nas redes.

Vector de Personas creado por pikisuperstar - www.freepik.es

CONMEMORACIÓN DO DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro celébrase o Día Internacional da Paz e a Non Violencia, pero como este ano cadra en sábado, conmemorámolo o venres 29.

Todos os anos xuntabámonos no patio para escoitar o manifesto e cantar a canción, cunha parte en lingua de signos, escollida e traballada na área de Educación Musical pola profesora Bea.

Este ano non podiamos quedarnos atrás e para celebralo adaptámonos a esta situación que estamos a vivir.

O alumnado de 6º de Educación Primaria elaborou un manifesto que gravou para que todos podamos velo nas nosas aulas:

 

Ademais cada aula escribiu o seu desexo para a paz mediante palabras, que están colocadas por varios murais do cole.
Queredes saber cales son? No seguinte vídeo poderedes velas mentres escoitades a canción escollida este ano "Cor Esperanza" de Diego Torres.
 
 
Xuntos na hora de ler festexaremos a Paz, vendo o noso traballo, nas nosas aulas.

Bo Nadal 2020

in

Hoxe celebramos unha festa de fin de ano un pouco atípica pero moi divertida pese ás restriccións.

 

Dende a comunidade educativa do CEIP Balaídos queremos felicitarvos neste Nadal 2020, aínda que foi un ano difícil, xuntos e xuntas seguimos disfrutando do día a día na nosa escola durante todo o 2021.

ORDE DE DISTRIBUCIÓN DE MÁSCARAS ENTRE O ALUMNADO

  XA ESTÁN DISPOÑIBLES

ENTREGA DE MÁSCARAS AO ALUMNADO BENEFICIARIO, DEBERÁN RECOLLELAS NA SECRETARÍA DO CENTRO EN HORARIO DE 9 A 13:45

 

 

ORDE do 6 de novembro de 2020 pola que se regulan os criterios e o procedemento de distribución de máscaras entre o alumnado matriculado en Educación primaria

As máscaras distribuiranse entre o alumnado incluído no ámbito desta orde pertencente a familias cunha renda per cápita igual ou inferior ao limiar de 6.000 €, que foi o limiar de referencia no curso 2020/21 para ter dereito á axuda para adquirir material escolar (Orde do 12 de maio de 2020 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de
texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial (DOG núm. 96, do 9 de maio).

Polo tanto, será beneficiario das máscaras, directamente, o alumnado que resultou beneficiario das axudas de material escolar, logo de solicitude e comprobación da renda per cápita da unidade familiar, e o resto do alumnado que non foi beneficiario por diferentes circunstancias, sempre que reúna o requisito de rendas e presente a solicitude en prazo.

O prazo para presentar as solicitudes será de diez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia - DO 16 AO 27 DE NOVEMBRO

 

Alumnado destinatario
O alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial que, de acordo coa Orde do 12 de maio de 2020 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar no curso 2020/21:
1. Fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar.
2. Non fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar por diferentes circunstancias, pero:
a) Pertenza a familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 6.000 €.
b) Estea matriculado en educación especial, ou suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia ou teña unha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda da unidade familiar.

 

Competencia e procedemento
1. Corresponderalles aos centros docentes incluídos no ámbito desta orde, a través da aplicación informática, tramitar as solicitudes e realizar os demais actos de xestión.
2. De acordo co artigo 23.4 e 5 da citada lei, o prazo máximo para tramitar o procedemento será de tres (3) meses contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia; transcorrido este, a solicitude poderá entenderse desestimada por silencio administrativo negativo.


Alumnado exento de presentar solicitude
Non terá que presentar solicitude o alumnado que fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar no curso 2020/21.


Presentación de solicitudes
1. Deberán presentar solicitude os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado que non presentou solicitude de material escolar en tempo e forma ou resultou excluída. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará asolicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar.
2. A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2020/21; se están admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros.
3. As solicitudes deberán presentarse presencialmente no centro docente onde estea matriculado o alumno utilizando o formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Este formulario de solicitude (anexo I) tamén estará dispoñible:
a) No centro docente

b) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal
Prazo para presentar solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será de diez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
 Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).
b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.
En caso de separación ou divorcio, ademais deberán achegar a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/a menor.
Excepcionalmente, poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:
1. Certificado ou volante de convivencia.
2. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia en que deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.
c) Certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.

PODEN CONSULTAR TODA A INFORMACIÓN DO PROCEDEMENTO NO SEGUINTE ENLACE:

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED330E

 

 

Distribuir contido

Back to top