Skip to Content

18 de xaneiro tivemos uns obradoiros de Ed.ambiental a cargo dos educadores da empresa NATURGY.

Estiveron dirixidos a Educación Infantil e a Primaria. 

Desenvolvemos actividades moi "chulas": Robótica, pintura fluorescente,... e todas enfocadas a protexer o medioambiente e ao aforro enerxético.

Pasámolo PIPA! 

 

 

O día 11 de Outubro celebramos un obradoiro de Samaín co alumnado, a cargo da Escola Galega de Consumo co título: 

SAMAÍN CON-SUMO COIDADÍN!

 

  

 

 

Ola familias!

Aquí vos amosamos algunhas das creacións que fixemos as nenas e nenos de Educación Infantil cun material tan sinxelo como son os depresores de cores. Cando nos deixan xogar libremente facemos letras, formas xeométricas, series matemáticas, os nosos nomes e outras creacións artísticas que nos quedan ben fermosas!

Esperamos que vos gusten tanto como a nós.

Saúdos.

A titora.  

 

 

O período de adaptación é o conxunto de fases polas que pasan as nenas e nenos para adaptarse á nova situación escolar que non é coñecido nin habitual. Debemos planificar este período de adaptación tal e como se establece na lexislación polo que adaptaremos o horario do alumnado e tamén o tipo de actividades. De ser necesario, adaptaríanse os agrupamentos.

Así, o horario do alumnado que se incorpore por primeira vez ao centro educativo será moi reducido (30 minutos aproximadamente) para ir ampliándose progresivamente ao longo dos días ata chegar a completar as 5 horas lectivas.

En canto ás actividades do período de adaptación serán fundamentalmente lúdicas, baseadas na presentación de compañeiros/as, mestres/as e persoal non docente; no coñecemento de espazos de aula e de centro (interiores e exteriores); no uso de materiais de aula e xoguetes; aprendizaxe de rutinas básicas tales como chegada, tarefas de encargado/a, asemblea, hora de ler, hixiene e merenda, saída... e outras actividades planificadas pola titora.

É primordial que os pais e nais colaboren na adaptación dos seus fillos e fillas. Para conseguir isto é importante que as nenas e nenos estean acostumados a realizar unha serie de tarefas na casa que impliquen unha autonomía nas áreas para evitar unha gran diferenza entre a casa e a escola e tamén para apoiar a labor docente.  Por esta razón as nais e pais deben realizar na casa as seguintes actividades e así potenciar as diferentes áreas de desenvolvemento.

Área da linguaxe:

-Falar co/a neno/a sobre aspectos da súa vida cotiá.

-Cando está xogando que nos exprese a que xoga, con que xoga…

-Dicir as palabras cunha pronunciación o máis correcta posible.

-Non entenderlle todo, as nenas e nenos deben esforzarse por falar ben.

Área de hábitos e autonomía:

-Vestirse e desvestirse: deben ir colaborando na medida das súas posibilidades. É esencial que saiban subir e baixar, e sacar e poñer a súa roupa.

-O baño: dende os 3 anos poden ir ao baño por si mesmos, cando teña ganas, sen necesidade de que sempre o acompañe un adulto. Deben aprender a usar correctamente o papel hixiénico. Por suposto, este verán é o momento idóneo para deixar o pañal se aínda non o fixeron. 

-Xogo: dedicar un cachiño cada día para xogar cos vosos fillos e fillas, que non o fagan sempre sos. Cando rematen, que recollan eles, non vós.

-Biberón e chupete: son un inconveniente para o bo desenvolvemento dental, afectivo, lingúístico e social. É importante que se aínda os seguen usando que os deixen totalmente. 

-Descanso: os nenos e nenas necesitan descansar o suficiente e deben ter sempre o mesmo horario para deitarse e espertar. É aconsellable durmir unha sesta de media hora.

-Lavado de mans: ensinádelle a usar correctamente o xabón, a lavar moi ben as mans e a secalas correctamente.

-Aprender a sonarse sos: empregando correctamente os panos de papel. Recordarlle que unha vez usados deberán tiralos na papeleira.

-Comida: probar diferentes alimentos e ensinarlle a abrir unha botella de auga e unha fiambreira.

Tamén é importante saber abrir e pechar a mochila.

Pensade que todos estes hábitos son moi recomendables sempre e sobre todo coa situación actual derivada da COVID-19.

OUTRAS SUXERENCIAS:

 

Ø   

Creade actitudes positivas respecto ao colexio: comentádelle as vosas fillas e fillos o que hai na escola, as actividades que van a realizar, os nenos e nenas cos que van a xogar, os materiais, os xoguetes que van a atopar… E sempre destacade o positivo! 

Se seguides estas recomendacións no verán seguro que o período de adaptación dos vosos fillos e fillas se facilita moito.

Moitas grazas pola vosa colaboración e bo verán!

A titora de Educación Infantil

 

     Ola familias!

     Queremos deixarvos un conto que o alumnado de Infantil  empregamos para conmemorar o Día Escolar da non Violencia e da Paz (30 de xaneiro). Titúlase "Negros e brancos" e recórdanos a importancia da paz e o respecto a tódalas diferenzas entre nós. Quédanos claro con este conto que a guerra non é a solución. 

     Neste conto poderedes ver as ilustracións dos nenos e nenas de 3º e 4º de Educación Primaria e escoitar as nosas voces, as dos máis pequeniños do cole (4º, 5º e 6º de Educación Infantil). As nenas e nenos de Infantil queremos agradecerlle aos medianos do cole a súa colaboración. 

     Esperamos que vos guste. A nós encantounos facelo!

     Un saúdo.

                                            A titora 

 
 
 

AS NENAS E NENOS DE INFANTIL QUEREMOS DESEXARVOS A TODA A COMUNIDADE DO CEIP BAÍÑAS UN BO NADAL E UN FELIZ ANO 2021 CHEO DE SAÚDE, AMOR E LEDICIA!

 

     "O Nadal é algo digno de ver, especialmente o reflexo do Nadal nos ollos das nenas e nenos".


     Desexo de todo corazón que teñades tantos momentos especiais que os vosos ollos semellen ollos de nenos e nenas en Nadal. Bo Nadal e feliz ano 2021!


     Cos mellores desexos,
                                              a titora.

 

 

Estimadas familias:

Esta semana rematou o período de adaptación dos nosos nenos e nenas de 3 anos. Aquí os tedes lendo uns contos de xeito autónomo como se dos máis maiores se tratase. 

Os contos na etapa de educación infantil sempre os presentamos de xeito lúdico para fomentar o gusto pola lectura xa dende pequeniños e, por suposto, para que continúe en anos posteriores.

 

Saúdos!

                     A titora

Ola familias!

A semana pasada as nenas e nenos de Educación Infantil xogamos ao dominó. Encantounos! Ademáis de pasalo xenial (que sempre é importante), xogar ao dominó ten múltiples beneficios para o noso desenvolvemento tales como: 

-Desenvolve a nosa memoria e concentración.

-Mellora a percepción visual. 

-Favorece a socialización.

-Desenvolve a psicomotricidade. 

-Mellora o coñecemento matemático. 

-Favorece a paciencia ao ter que esperar o turno.

 

Saúdos!

                      A titora

 



by Dr. Radut