UN ENTROIDO DE XOGO

Durante estas últimas semanas vimos preparando o Entroido na escola, esta vez baixo a temática do xogo. Comezamos a semana co Mandadiño, cada día tiñamos que traer algo distinto...O alumnado de 1º elixiu disfrazarse de TRES EN RAIA, pero para non malgastar nada, fixérono con materiais reciclados. Así que trouxeron cartóns e tapóns de botellas da casa e na escola coloreamos os cartóns para facer os taboleiros.

O día do Entroido, as mestras sorprendéronnos coas fichas para xogar. Tres delas eran da cara de Rosalía de Castro e as outras tres da nosa cara. Ademais, veñen pegadas con velcro para que nós podamos xogar con elas. Gustáronnos moito!

Unha vez que estivemos vestidos, fixemos un pequeno pasarrúas ata o cole de Infantil, onde desfilamos ao son de Paco Nogueiras co seu Brinca Vai. Rematou a festa a comparsa Os Mulos, cos que cantamos de viva voz o seu FALEMOS GALEGO (NA RÚA E NA ESCOLA)

Ao chegar de volta á clase compartimos unha merenda chea de doces típicos de Entroido. Comemos filloas, orellas, flores... todos xuntos e gozamos moito das lambetadas e dun rato de xogos entre amigos!

O venres 24 aínda tiñamos ganas de Entroido así que fomos disfrazados á escola e despois do recreo tivemos unha festa todos os cursos de Primaria xuntos na que xogamos e bailamos moito. Foi un Entroido que deu moito xogo!!!