A ESCOLA PÚBLICA EN BUEU. CHARLA DE ARTURO SÁNCHEZ CIDRÁS

Este blog fíxose eco durante  este curso de todas as actividades desenvolvidas arredor do 50 aniversario do nosos colexio.

 

Pero, como todo na vida, o mellor déixase para o final. Este martes, 31 de maio, O MESTRE DE MESTRES, Arturo Sánchez Cidrás, veu ao noso cole para transmitirnos o froito dunha rigorosa investigación sobre a escola pública en Bueu.

Esta investigación pronto verá a luz de forma gráfica grazas á publicación dun libro, do que amosamos imaxe da portada en primicia (co permiso do autor).

Estamos desexando poder lelo!

 

Imos tratar de facer un resumo da charla. Arturo contounos que antes de edificarse os colexios A Pedra de Bueu, Montemogos de Beluso e  Torre de Cela, a nosa vila estaba chea de pequenas escolas, nas que adoitaban estar separados os nenos das nenas.

 

Explicounos, por exemplo,  que non tiñan aseos e que se o alumnado tiña que facer a súas necesidades, ían de campo, aínda que as modernas xa poesían uns baños como os que está na foto.

Relatou que non tiñan cadernos porque o papel era moi caro, así que usaban pizarras na que se escribían cun pizarrín.  Máis tarde empezouse a escribir en papel con lapis de carbón ou con tinta e tinteiros, para o que eran imprescindibles as plumas de ganso. 

 

Arturo falounos da miseria na que se vivía e que, moitxs nenxs, non podían ir a escola porque tiñan que traballar. A maioría  ían descalzos. As escolas estaban ateigadas de rapazada de todas idades. Nunha escola podía haber máis de 100 alumnxs, que eran atendixs por un só mestre ou mestra. 

 O profesorado estaba moi mal pagado, e as mulleres cobraban moito menos que os homes. A educación que recibían as nenas tamén era diferente á dos nenos.

Non había vacacións. Había escola todos os días, os domingos ían as persoas adultas. Co tempo empezouse a descansar os xoves pola tarde.

Fíxonos concienciar da sorte que temos de ter a escola que temos.

Non temos palabras para agradecerche Arturo que compartas os teus coñecementos con nós! E sobre todo que o fagas con tanta amabilidade.

Debes saber que medramos xuntos e moi ben Na Pedra grazas en gran parte a ti!

QUERÉMOSTE MOITO!