Xornada de convivencia en Lousada (Guntín)

A de hoxe foi unha xornada diferente, compartida con outros centros da nosa provincia: Samos, o Incio, Triacastela, Lousada (Guntín) e o Saviñao. Unha xornada que nos reafirmou na nosa idea de que os centros pequeniños tamén podemos levar a cabo grandes cousas e que se realizou no CEIP Plurilingüe de Lousada no Concello de Guntín, centro ao que non podemos deixar de dar as gracias por permitirnos compartir con elas e eles este día.

Participamos nunha xincana diferente, con xogos cooperativos, creación de instrumentos musicais e chapas, traballo de filosofía visual e busca na biblioteca dese centro. Para logo asistir a un concerto "Bravas" da Gramola Gominola, que achegou ao rock infantil ás nosas nenas e nenos. ¡Encántalles este estilo musical! Rematando por comer todas e todos xuntiños, tamén grazas a ese CEIP.

Podemos asegurar que o alumnado gozou da experiencia, polo que agardamos que se sigan levando a cabo iniciativas deste tipo, que dan vida e forza ás escolas pequeniñas pero ben valiosas.

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer