Dinamización da lingua galega

BO NADAL

 

Mouchiños e Mouchiñas! Toda a familia do Ceip Ana María Diéguez deséxanvos unhas Felices Festas de Nadal. 

Tivemos unhas semanas moi intensas de ensaios, elaboración de postais, composición do calendario para o novo curso... E todo saíu fantástico! 

Renovade as vosas ideas durante estes días de descanso con lecturas interesantes que podedes atopar nas recomendacións lectoras 

Non deixedes de ler!

A CIDADE VIOLETA

Todos somos diferentes, cada un co seu caracter, porque que aburrido sería que fosemos todos iguais, non? O mesmo aspecto, os mesmos gustos... Pero se es Anxo Fariña entón seguro que non nos importaría nada!!

Hoxe estivo no noso cole coa Cidade Violeta falando de igualdade, porque o mesmo coidas un meniño se es home coma se es muller; ou conduces un camión (tendo o carné, claro!); ou preparas o xantar...  E tanto debemos compartir as lambetadas como fregar os pratos.

Aprendemos moitos trucos para que os nosos debuxos expresen mellor as emocións e tamén que temos que mirar con outros ollos xa que as cousas non sempre se ven iguais.

 

 

Visita de Maite Mosconi

 

Super agradecidos estamos no cole pola visita que tivemos o venres 10 de novembro. 

Maite Mosconi estivo con todo o alumnado e contounos unha chea de lendas que aprendeu da súa avoa e que forman parte da súa obra. 

Esta escritora rianxeira (de Asados) ten publicados varios libros de temática fantástica e onde a mitoloxía en xeral e a galega en particular ten moita importancia.

O libro "Guerreiras de lenda" escrito xunto a Miriam Beizana, convida a investigar, descubrir e disfrutar co mundo das lendas e da mitoloxía. Lavandeiras, mouras, castelos encantados...

Moitas grazas Maite!!

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS 2023

"A ciencia é un dos sabores do saber. Para degustala, é moi importante a nosa participación activa, e o grande activador é a curiosidade. Precisamos formular preguntas para saborear a ciencia e a lingua pemítenos degustala, e tamén é a canle para contar e escoitar as respostas".

Elena Vázquez Cendón
 
O MANIFESTO deste ano ten o título de "Sementeiras de curiosidade científica", escrito por Elena Vázquez Cendón, doutora en matemáticas e Decana da Facultade de Matemáticas da USC, membro do Consello da Cultura Galega, presidenta do Estalmat-Galicia e Premio María Josefa Wonenburger no 2022.

Chegamos ao mes de novembro e con el a ciencia á biblioteca e ás aulas. 

Presentamos unha pequena selección de libros científicos que podedes atopar na nosa biblioteca para animarvos a investigar e experimentar nas aulas ou nas vosas casas. 

Atrevédevos a realizar diferentes experimentos, liberade a vosa curiosidade. Aqui vos deixamos algúnha páxina onde atoparedes distintos recursos relacionados coa ciencia.

Xogos científicos

Ciencia divertida

Ciencia en galego

 

SAMAÍN 2023

     E un ano máis investigando e aprendendo sobre a nosa cultura, as nosas tradicións. Lendas galegas que se transmitiron durante xeracións e que temos a obriga de continuar transmitindo para que non se esquenzan, para que todos os nenos e nenas as coñezan.  

Se queres ver as fotos e videos que realizamos deste día, preme no seguinte enlace:  Samaín

 

SAMAÍN


 Achégase o Samaín, festividade de orixe celta que celebra na noite do 31 de outubro a fin da tempada de colleitas e fin do verán e o inicio da tempada escura.

Ademais era o momento no que as fronteiras entre o mundo dos vivos e o dos mortos están máis preto. Podían comunicarse e visitar os seus fogares. O costume era deixar comida e doces fóra das casas e candeas acesas para axudar as almas dos mortos a atopar o camiño ao mundo espiritual.

Durante estes días e sobre todo o 31, realizaremos actividades relacionadas con esta celebración: aprenderemos o significado das cabazas, tallaremos e decoraremos unha en cada aula, leremos contos terroríficos, faremos obradoiros...

 

DÍA DE ROSALÍA

                      

 Un ano máis conmemoramos o nacemento de Rosalía de Castro o 23 de febreiro compartindo co alumnado propostas de actividades de diferentes organismos e  asociacións coas que pretendemos coñecer un pouco máis a vida e obra da autora.

Algúns alumnos e alumnas de 5º curso de primaria, quixeron aportar a súa visión da autora cuns orixinais e fermosísimos debuxos que non podemos deixar de compartir neste espazo. 

         A AELG ademais,  propón dende 2010 á cidadanía que agasalle cun   libro en galego e unha flor ás amizades e seres queridos.

         O lema escollido para este 2023 foi: #cumpriuseaxustiza e Carme Adán a persoa escollida para a realización do manifesto que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro o sábado 25 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres.

#rdc_2023#cumpriuseaxustiza

     

CASTELAO 2023

ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO (1886-1950)

  

                        

  

 

                       
   

                      

       Un novo curso e seguimos aprendendo novas cousas sobre un dos maiores persoeiros da nosa cultura.

 

        Se o ano pasado descubrimos obras e artigos que Castelao tiña feito sobre o Camiño de Santiago e o Apóstolo, nesta ocasión que  traballamos a gastronomía atopamos debuxos onde reflicte a necesidade que había na época cando debuxa uns nenos desexando unha lotería para poder mercar unha barra de pan, ou os vellos que se laian de non ter tomado ese día nin chourizo nin vermú, ou ese neno ao que lle escacha a botella de viño e pensa na tunda que vai levar ao chegar a casa, ou ese pai xa vello que lle pregunta ao fillo porqué quere marchar, se teñen pan no forno...

        Calquera temática que poidamos abordar dende o centro será unha grata excusa para coñecer un pouco máis ao artista, ao político, escritor, caricaturista, ilustrador, debuxante, ao pintor.

        Tamén, no museo de Pontevedra, gardanse uns menús dun xantar no Casino onde Castelao pintou as caricaturas dos comensais que asistían.

         Cos debuxos escollidos do Album Nós, de Cousas da vida ou Cousas de nenos aproximarémonos un pouquiño máis. Copiando, coloreando, poñendo títulos

Alumnado de 6º primaria

      

SEMANA DE CASTELAO 2022

ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO  (1886-1950)

    Polifacético novelista, debuxante, pintor, dramaturgo, ensaísta, teórico da arte e político, sempre reflectiu na súa obra o seu compromiso co galeguismo e coa solidariedade.      
      E neste ano no que seguimos celebrando o Camiño de Santiago, atopamos que o 25 de xullo de 1926 publicou tres debuxos do Apóstolo caracterizado de tres xeitos diferentes: O Santiago peregrino, o Santiago Matamouros e o Santiago Patriarca, sentado en maxestade, un bastón na man esquerda e un pergamino na dereita.     

                

 

      Previamente xa elaborara un bocexo para o cartel do Ano Santo de 1909 que se atopa na colección de Teresa R. Castelao.

 

 “Cheguéi a Paris (...). Vivo no burgo dos estudantes, Rue Cujas, 9-5ºA., no Hotel Saint-Michel, e teño unha morriña que me esmaga. Sain da casa por facer pernas e cheguéi á Ile de la cité onde Notre Dame doume un fondo estremecimento de arte ollándoa, ou mellor dito adeviñándoa, antre a brétema coma un mostro de ferro enferruxado”.

     O 26 de xaneiro de 1921 Castelao iniciaba así o seu Diario 1921, que redactou durante a súa viaxe de estudos a Francia, Bélxica e Alemaña e do que se cumpliron 100 anos. 

      

 

 

 

 

 

 

 

24 de febreiro, Día de Rosalía

 

       

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e da Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

No CEIP Ana María Diéguez levamos varios anos celebrando este día con actividades para achegarnos a súa  vida e obra, compartindo co alumnado as propostas de diferentes organismos.

E un ano máis, dende o 2010, a  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. Este ano baixo o lema Teus doces cantares publica un manifesto da man de Ana R. Figueiredo, así como varias actividades interesantes e divertidas que veremos de realizar.

E rematando igual que o manifesto da AELG,

No xeito de nunca nós calar. Así hoxe no teu aniversario, habémoste cantar, Rosalía.

            #rdc_2021      #TeusDocesCantares