Skip to Content

Abalar

Consellería de Educación

Dirección

Día Mundial da síndrome de Down: "Tan diferentes como iguais"

 

Hoxe  21 de marzo,conmemórase o Día Munidial da Síndrome de Down, por este motivo as alumnas e alumnos deste centro levaron as pulseiras da campaña que nos fixeron chegar dende o  Concello de Ames.

 

O concello está a colaborar coa Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down (Down Galicia) na posta en marcha da campaña Tan diferentes como iguais, co obxectivo de dar visibilidade ás persoas con este síndrome ou con calquera tipo de discapacidade intelectual, ao tempo que busca poñer en valor o concepto de diferenza, poñendo o aceno en que todas as persoas son distintas entre elas e, á vez, parecidas.

Ao abeiro desta campaña, as Concellarías de Servizos Sociais e Educación de Ames procederon ao reparto de pulseiras e carteis conmemorativos.

Presentación do monográfico sobre Servizos Complementarios

 

Este mércores 20 de marzo teremos a presentación do monográfico da Revista Galega da Educación, de Nova Escola Galega, sobre Servizos complementarios. Será ás 19:00 horas no comedor do CEIP A MAÍA.

Como sabemos que é un tema do voso e do noso interese, estades todos convidados.

 

 

 

Entroido

Estimadas nais, pais, familias:

Esta semana iniciamos a celebración do Entroido e continuaremos na liña dos cursos pasados: celébrarase no centro con actividades "por e para" o noso alumnado. As actividades que temos organizadas para o noso alumnado nesta semana son as seguintes:

Dende o 25 ao 28:

Mandadiños do Meco en Infantil e Primaria. O alumnado que o desexe terá que atender aos mandados do Meco para cada un dos días, de luns a xoves:

  • luns: "Para entrar en calor, un calcetín de cada cor tes que por"
  • martes: "Se no pote non queres acabar, algo na testa debes levar"
  • mércores: "Algo na cara debes pintar, colorete ou mostacho, para rirmos un cacho"
  • xoves: "trae algo do revés e mira ben como vés"

 

Venres 1 de Marzo:

Baile de disfraces para alumnos e profesorado. Os disfraces son de temática libre, creativos, respectuosos, que lles fagan sentirse ben e cómodos e consoantes co consumo responsable. Non se poden traer complementos que fagan alusión á guerra ou inciten á violencia tales comp réplicas de armas, pistolas, escopetas, espadas , lanzas etc, xa que temos comprobado que xeran disputas entre o alumnado e son totalmente contrarios aos valores que transmitimos desde o centro.

 

Por último avisar de que a Biblioteca permanecerá pechada o venres día 1 pola tarde e tamén lembrarvos que os días 4, 5 e 6 de marzo non son lectivos. As clases reanudaranse o  xoves 7  de marzo.

Bertamiráns , febreiro 2019

 

ROSALÍA NO CEIP A MAÍA

   Este domingo 24, celebrarase un ano máis o Día de Rosalía. 

  Como ven sendo habitual, dende o centro sumámonos a esta celebración da "nosa" escritora,  unha das figuras principais do rexurdimento da literatura galega e unha das escritoras máis importantes da literatura españolaconmemorando o 182 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro con diversas iniciativas nas que compartimos coa comunidade a obra da autora.

  Así, ao longo destas semanas mediante os proxectos “Rosalía tamén vive aquí” e “Rosalía na terriña”, estivemos a colocar carteis e laxas de pizarra con distintos versos da poetisa, co obxectivo de deleitar a todos e todas as viandantes que se atopen con estes anaquiños de literatura.

 A través destas iniciativas de aprendizaxe - servizo, quixemos converter  Bertamiráns en vila poética. Para isto deixarán laxas con versos da obra rosaliana nunha das zonas verdes  de Bertamiráns, no parque do rego Ameneiral, coa finalidade de que os viandantes se atopen con elas e gocen dun pequeno petisco da obra desta autora.

 

  Ademais, realizamos  un vídeo no que se poderá ver todo o traballo que hai detrás destas accións poéticas e que se proxectará durante a Gala de Rosalía de Castro. O evento onde se presentará o video terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 18.00h e contará coa actuación de Rosa Cedrón.

  Tamén participamos na difusión das actuacións a través de Radio Ames, aquí vos deixamos parte da entrevista a dous alumnos de 6º de primaria, Lara e Carlos, falando de todo o que conleva esta celebración no centro. Parabéns aos dous!

  

 

PROCESO DE ADMISIÓN CURSO 2019-2020 INFORMACIÓN IMPORTANTE

RESERVA DE PRAZA

 Estimadas nais, pais, familias do alumnado de 6º de educación primaria.

Dende o 1 ao 15 de febreiro ábrese o prazo para solicitude de reserva en centros adscritos, no noso caso o IESP de AMES.

Podedes facelo de dúas maneiras:

1.- Tedes que cumprimentar a solicitude que levan hoxe as nenas e nenos de 6º de primaria ou podedes acceder á mesma solicitude dende aquí en galego ou en castelán e entregala aquí no centro (podedes enviala polos  vosos fillos e fillas) antes do 15 de febreiro.

2.- Si o preferides, podedes entrar na aplicación web https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado/ cubrir o formulario de reserva a través do menú Solicitudes - Reserva - Crear. Feito iso podedes optar por: Imprimir dito formulario e achegalo aquí no centro, ou si dispoñedes de  certificado dixital ou Chave365, presentalo en Sede Electrónica a través da aplicación.

 Bertamiráns, 30 de xaneiro de 2019.

 

A DIRECTORA

 Mª Isabel Abelleira Bardanca

DÍA DO ENSINO

Segundo establece Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na  ORDE do 28 de maio de 2018 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2018/19 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Co fin de unificar a celebración dos patróns de cada nivel educativo, establécese o Día do Ensino coa consideración de non lectivo para efectos académicos e que no curso 2018/19 se celebrará o 7 de decembro de 2018.

 

SORTEO PÚBLICO PARA A ELECCIÓN DE MEMBROS PARA A CONSTITUCIÓN DA XUNTA ELECTORAL

De conformidade co establecido na RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos(DOG do 08 de outubro), realizarase proximamente neste Centro a renovación do CONSELLO ESCOLAR que é o instrumento de participación na vida escolar de todos os sectores educativos do Centro.

 

        A organización e a supervisión do procedemento de elección dos novos membros do Consello Escolar estará a cargo da Xunta Electoral que se constituirá ao efecto, e integrada por:

 

  • A Directora do centro.
  • Unha mestra ou mestre.
  • Un pai ou nai ou titor legal.
  • Un representante do persoal de administración e servizos

 

                    

        Os tres últimos serán designados por sorteo segundo establece o artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, redactado conforme ao establecido na disposición adicional primeira do Decreto 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto). Dito sorteo, que será público e no que se preverá a designación de membros suplentes, celebrarase neste Centro o día 31 de outubro, mércores, ás 11:35 horas.

 

        Aqueles membros da comunidade educativa que desexen presentar as súa candidatura para formar parte do novo Consello Escolar deberán seguir as instrucións que figurarán nas distintas convocatorias que proximamente se farán públicas pola Xunta Electoral do Centro.

       

                                               Bertamiráns, 29  de outubro de 2018.

 

 

A DIRECTORA DO CENTRO

 

Asdo.: Mª Isabel Abelleira Bardanca

A participación das familias na escola

 

A participación das familias na escola é unha necesidade dentro do sistema educativo. O seu valor é determinante tanto para os resultados escolares como para xerar sociedades máis democráticas. Como directora e máxima responsable deste centro educativo considero pois necesario aclarar este concepto, lembrar cales son as canles de participación e anunciarvos unha serie de medidas que poñeremos en funcionamento en breve para mellorar e incrementar a vosa participación.

1.- Concepto

A participación das familias nas escolas e na Educación é, por tanto, un dos alicerces do sistema educativo, ou polo menos debería selo, pero o concepto de participación é amplo e non todo o mundo ten a mesma visión ou lle outorga iguais significados. A participación familiar no centro non debe ser simplificada e  reducida á asistencia a festivais e representacións. Dende fai anos insistimos  en que as celebracións colectivas/festivas están reservadas en exclusiva para o noso alumnado por razóns fundamentais  que pasan por:

O  noso deber fundamental de garantir o seu benestar físico e emocional, así como a súa  seguridade, posto que hai alumnado con circunstancias persoais, sociais, familiares, etc., delicadas e moi complexas e absolutamente confidenciais; polo tanto, só podo dicirvos que   abrir as portas do centro suporía un risco potencialmente alto para eles. Entendemos pois que debemos deseñar e organizar  actividades  que conleven o goce e desfrute colectivo pero  garantindo a súa seguridade e integridade.  Ademais, sendo unha razón secundaria,  debedes ser conscientes da falta real de espazo que temos; convivimos  a diario 615 alumnas e alumnos,  46 mestres e 4 membros de persoal non docente, o que fai un total de 665 persoas. Creo que entendedes que temos que facer estas celebracións nun espazo certamente reducido e do perigo que suporía engadir mais persoas no mesmo espazo.

A nosa idea de participación das familias vai moito máis alá e inclúe unha serie de elementos que aluden a determinados aspectos, tanto da vida familiar como da vida escolar, e, sobre todo, ás súas interaccións. Por tal motivo, recoméndase ás familias que afonden no que significa a implicación parental, de modo que poidan actuar deliberada e sistematicamente sobre todos os seus compoñentes.

Crianza: Axudar ás familias para establecer condicións na contorna do fogar que favorezan o estudo (saúde, nutrición, seguridade, mellora de habilidades paternas).

Comunicación: Deseñar canles efectivas de comunicación familia-escola e escola-familia sobre os programas escolares e o progreso dos nenos.  A comunicación entre familias e docentes é sinal non só de calidade, senón tamén de coherencia educativa. O diálogo entre ambos é fundamental se se queren intervencións educativas complementarias que aposten por un mesmo proxecto de persoa. Só deste xeito o alumnado percibirá o que é realmente importante na súa vida. Por tanto, o diálogo non debería limitarse a idades temperás nin centrarse exclusivamente en transmitir información dun actor ao outro. Faise cada día máis necesario que flúa entre eles a comunicación.

Voluntariado: Fomentar e organizar a axuda e o apoio voluntario dos pais ás actividades da aula e da escola.

Aprendizaxe no fogar: Proporcionar información e ideas ás familias para axudar ao estudante cos deberes e tarefas escolares para casa, así como coas eleccións e decisións de carácter académico.

Toma de decisións: Incluír aos pais nas decisións escolares, desenvolvendo o seu liderado e participación nas asociacións e nos órganos de goberno do centro.

Colaboración coa comunidade: Identificar e integrar recursos e servizos da comunidade para reforzar os programas escolares, as prácticas familiares e o desenvolvemento e a aprendizaxe dos alumnos

 

2.- Canles de participación

No centro somos conscientes das dificultades que frean a implicación da familia, por exemplo as trabas para conciliar a vida profesional e as actividades escolares, as rutinas familiares, a motivación ou os valores entre outras; e aínda que é certo que existen canles tradicionais de participación das familias na escola como o Consello Escolar, as ANPAS, as titorías individuais, as reunións informativas colectivas; tamén existen outras menos empregadas como as charlas/coloquio con persoas expertas ou o voluntariado en proxectos do centro ou da aula.

 Para minimizar estas dificultades queremos poñer á vosa disposición unha serie de actuacións que poden contribuír a mellorar a vosa participación na escola.

3.- Proposta de actuacións

Os centros non debemos limitarnos a proporcionar información ás familias, debemos brindar novas e variadas oportunidades de comunicación, ampliar as estruturas de participación adaptándoas ás necesidades e problemáticas concretas, promover a formación de familias e profesorado para favorecer o traballo colaborativo, etc.

As propostas para este curso pasan por:

  • Organizar charlas impartidas por persoas expertas. En principio temos previstas para este 1º trimestre as seguintes:
    • “Riscos de internet e acoso escolar”, impartida por persoal experto da Garda Civil. Enmárcanse estas charlas dentro do Plan Director. Será o 3 de decembro ás 19:00horas.
    • Charla e análise coa experta en adiccións e problemas de conduta, a psicóloga Belén Montesa
  • Poñer á vosa disposición unha caixa para suxestións, a través do que nos gustaría que nos fixerades chegar as vosas achegas. Esta caixa será revisada semanalmente e, na medida do posible, iremos atendendo as vosas proposta.
  • A colaboración entre o centro, a ANPA e o CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación)  para a formación de Escolas de Nais e Pais (ENAPA).
  • Solicitar a vosa colaboración para a execución de traballos de voluntariado e axuda para a realización dos proxectos de centro deseñados para este curso.
  • Continuar poñendo á vosa disposición e ampliando a “Biblioteca de familias” con libros de consulta e axuda en temas relacionados coa educación dos vosos fillos e fillas.
  • Solicitar a vosa implicación e participación (tanto presentando candidaturas como participando na votación)  na renovación de membros do Consello Escolar do centro, proceso que se iniciará no mes de novembro.

Insistir en que o éxito escolar é de todos, e a responsabilidade de conseguilo tamén é de todos.

A participación das nais, dos pais, das familias na vida escolar parece ter repercusións tales como: maior autoestima dos nenos; mellor rendemento escolar; mellores relaciones pais-fillos e actitudes máis positivas das familias cara á escola. Os efectos repercútense mesmo nos propios mestres e mestras, xa que os pais consideran que os máis competentes son aqueles que traballan coa familia ( Pineau, 2001).

Recibide un cordial saúdo e quedamos á espera das vosas suxestións e participación.

AVISO IMPORTANTE PARA FAMILIAS DE ALUMNADO EDIXGAL

Estimadas nais, pais, familias

Si detectan fallos no funcionamento offline para acceder aos contidos, por favor póñanse en contacto inmediatamente co servizo Premium no teléfono 881 86 99 00  ou no correo  soporte.premium@edu.xunta.es ,para deixar constancia da incidencia.

Estes fallos son totalmente alleos ao centro.

QUENDAS DO PERÍODO DE ADAPTACIÓN

 Para os grupos de 4ºA, 4ºB E 4ºC de Educación Infantil durante o periodo de adaptación, establécense as  quendas    que podedes ver completas premendo  AQUÍ

Distribuir contido


Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 2 invitados conectados.

by Dr. Radut