TRANSPORTE ESCOLAR PARA O CURSO 2019/20

1.- Usuarios lexítimos:

Será usuario lexítimo do transporte escolar gratuíto o alumnado cuxo domicilio se encontre fóra do núcleo urbano no que radique o centro escolar e, en calquera caso, a unha distancia deste superior a 2 km, calculada utilizando o itinerario máis directo, sen desvíos e rodeos innecesarios

Para manter a condición de usuario lexítimo, é necesario que se faga un uso continuado do transporte escolar, entendido este como o uso repetitivo del en días fixos da totalidade das semanas do curso 2018-2019. Os usuarios lexítimos de transporte escolar que non fagan uso do transporte escolar de xeito continuado perderán dita condición de usuario lexítimo.

2.- Uso do servizo por persoas distintas dos seus usuarios lexítimos:

 Sen prexuízo do disposto no apartado 1 desta Instrución, ante a eventualidade de que haxa vehículos que conten con prazas vacantes e co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles, poderase autorizar o uso do servizo ao alumnado de ensino obrigatorio e segundo ciclo de ensino infantil cuxo domicilio estea situado a unha distancia, calculada utilizando o itinerario máis directo, sen desvíos e rodeos innecesarios, do centro escolar inferior a 2 km e superior a 1 km en zona urbanizada e 500 m en zona non urbanizada.

Se ben este alumnado non ostenta a condición de usuario lexítimo do transporte escolar, é posible concederlle unha autorización excepcional para o seu uso, sempre que concorran os seguintes requisitos:

  Que existan prazas vacantes

 Que non comporte a modificación das rutas

  Que non supoña a creación de novas paradas

 Que non incremente a duración do traxecto

  Que non precise a incorporación de acompañante

 As autorizacións excepcionais serán expedidas pola Xefatura Territorial correspondente, ponderándose como circunstancias a ter en conta, discapacidades, a curta idade dos alumnos, a distancia que exista entre o domicilio do solicitante e o centro escolar, as condicións das estradas de acceso aos centros, a situación económica e familiar do alumnado etc.

As ditas autorizacións concederanse en precario, precisándose nelas o feito de que quedarán sen efecto se cambian as circunstancias que as xustifican ou se é preciso asignar as prazas a outro alumnado cun dereito preferente.

3.- A orde de prelación na concesión de autorizacións excepcionais no caso de insuficiencia de prazas no vehículo.

 No caso de que o número de solicitudes de autorización excepcional para o uso de transporte escolar excedan do número de prazas vacantes nos vehículos, seguirase a seguinte prelación:

Terá prioridade en primeiro lugar os alumnos que teñan irmáns e irmás escolarizadas forzosamente no centro mentres estes permanezan nel.

 En segundo lugar, o alumnado de ensino obrigatorio e segundo ciclo de ensino infantil cuxo domicilio estea situado a unha distancia do centro escolar inferior a 2 km e superior a 1 km en zona urbanizada e 500m en zona non urbanizada (con prioridade, á súa vez, dos discapacitados ou menores en idade sobre os maiores cando sexa preciso).

En terceiro lugar o alumnado de ensino obrigatorio e segundo ciclo de educación infantil escolarizado en centro distinto do que lle corresponde por área de influencia (con prioridade, á súa vez, dos discapacitados ou menores en idade sobre os maiores cando sexa preciso).

 En cuarto lugar o alumnado de ensino obrigatorio e segundo ciclo de educación infantil que solicite, por causa de proximidade xeográfica, a utilización do transporte dun centro distinto daquel no que está escolarizado (con prioridade, á súa vez, dos discapacitados ou menores en idade sobre os maiores cando sexa preciso).

En quinto lugar o alumnado de ensinanzas non obrigatorias (con prioridade, á súa vez, dos discapacitados).

Finalmente, as persoas usuarias do programa TES+BUS.

Cando a prelación non poda establecerse pola Dirección do centro conforme á orde de preferencia anterior, porque o número de solicitantes pertencentes ao mesmo grupo exceda do número de prazas, o centro educativo formulará unha proposta numerada de candidatos ás autorizacións excepcionais ante a Xefatura Territorial que corresponda. Para este fin, confeccionará unha lista ordenada do primeiro ao último de todos os solicitantes na que, ademais de terse en conta as prioridades anteriores, valorarase as discapacidades, a idade dos alumnos, a distancia que exista entre o domicilio do solicitante e o centro escolar, as condicións das estradas de acceso aos centros e a situación económica e familiar dos alumnos. Cando como consecuencia da incorporación de novo alumnado que se produza durante o curso escolar, sexa preciso ceder a praza de transporte a un usuario lexítimo, o centro educativo que formulou a proposta orixinaria valorará de novo as solicitudes recibidas elevando á Xefatura Territorial correspondente unha nova proposta na que se distribúan as prazas sobrantes, aplicando os criterios de preferencia e ponderación recollidos neste apartado 3.

 

Bertamiráns, 10 de xuño de 2019

A DIRECTORA

 

Mª Isabel Abelleira Bardanca

AdxuntoTamaño
SOLICITUDE_TRANSPORTE (2).pdf236.95 KB