Skip to Content

Abalar

Consellería de Educación

A participación das familias na escola

 

A participación das familias na escola é unha necesidade dentro do sistema educativo. O seu valor é determinante tanto para os resultados escolares como para xerar sociedades máis democráticas. Como directora e máxima responsable deste centro educativo considero pois necesario aclarar este concepto, lembrar cales son as canles de participación e anunciarvos unha serie de medidas que poñeremos en funcionamento en breve para mellorar e incrementar a vosa participación.

1.- Concepto

A participación das familias nas escolas e na Educación é, por tanto, un dos alicerces do sistema educativo, ou polo menos debería selo, pero o concepto de participación é amplo e non todo o mundo ten a mesma visión ou lle outorga iguais significados. A participación familiar no centro non debe ser simplificada e  reducida á asistencia a festivais e representacións. Dende fai anos insistimos  en que as celebracións colectivas/festivas están reservadas en exclusiva para o noso alumnado por razóns fundamentais  que pasan por:

O  noso deber fundamental de garantir o seu benestar físico e emocional, así como a súa  seguridade, posto que hai alumnado con circunstancias persoais, sociais, familiares, etc., delicadas e moi complexas e absolutamente confidenciais; polo tanto, só podo dicirvos que   abrir as portas do centro suporía un risco potencialmente alto para eles. Entendemos pois que debemos deseñar e organizar  actividades  que conleven o goce e desfrute colectivo pero  garantindo a súa seguridade e integridade.  Ademais, sendo unha razón secundaria,  debedes ser conscientes da falta real de espazo que temos; convivimos  a diario 615 alumnas e alumnos,  46 mestres e 4 membros de persoal non docente, o que fai un total de 665 persoas. Creo que entendedes que temos que facer estas celebracións nun espazo certamente reducido e do perigo que suporía engadir mais persoas no mesmo espazo.

A nosa idea de participación das familias vai moito máis alá e inclúe unha serie de elementos que aluden a determinados aspectos, tanto da vida familiar como da vida escolar, e, sobre todo, ás súas interaccións. Por tal motivo, recoméndase ás familias que afonden no que significa a implicación parental, de modo que poidan actuar deliberada e sistematicamente sobre todos os seus compoñentes.

Crianza: Axudar ás familias para establecer condicións na contorna do fogar que favorezan o estudo (saúde, nutrición, seguridade, mellora de habilidades paternas).

Comunicación: Deseñar canles efectivas de comunicación familia-escola e escola-familia sobre os programas escolares e o progreso dos nenos.  A comunicación entre familias e docentes é sinal non só de calidade, senón tamén de coherencia educativa. O diálogo entre ambos é fundamental se se queren intervencións educativas complementarias que aposten por un mesmo proxecto de persoa. Só deste xeito o alumnado percibirá o que é realmente importante na súa vida. Por tanto, o diálogo non debería limitarse a idades temperás nin centrarse exclusivamente en transmitir información dun actor ao outro. Faise cada día máis necesario que flúa entre eles a comunicación.

Voluntariado: Fomentar e organizar a axuda e o apoio voluntario dos pais ás actividades da aula e da escola.

Aprendizaxe no fogar: Proporcionar información e ideas ás familias para axudar ao estudante cos deberes e tarefas escolares para casa, así como coas eleccións e decisións de carácter académico.

Toma de decisións: Incluír aos pais nas decisións escolares, desenvolvendo o seu liderado e participación nas asociacións e nos órganos de goberno do centro.

Colaboración coa comunidade: Identificar e integrar recursos e servizos da comunidade para reforzar os programas escolares, as prácticas familiares e o desenvolvemento e a aprendizaxe dos alumnos

 

2.- Canles de participación

No centro somos conscientes das dificultades que frean a implicación da familia, por exemplo as trabas para conciliar a vida profesional e as actividades escolares, as rutinas familiares, a motivación ou os valores entre outras; e aínda que é certo que existen canles tradicionais de participación das familias na escola como o Consello Escolar, as ANPAS, as titorías individuais, as reunións informativas colectivas; tamén existen outras menos empregadas como as charlas/coloquio con persoas expertas ou o voluntariado en proxectos do centro ou da aula.

 Para minimizar estas dificultades queremos poñer á vosa disposición unha serie de actuacións que poden contribuír a mellorar a vosa participación na escola.

3.- Proposta de actuacións

Os centros non debemos limitarnos a proporcionar información ás familias, debemos brindar novas e variadas oportunidades de comunicación, ampliar as estruturas de participación adaptándoas ás necesidades e problemáticas concretas, promover a formación de familias e profesorado para favorecer o traballo colaborativo, etc.

As propostas para este curso pasan por:

  • Organizar charlas impartidas por persoas expertas. En principio temos previstas para este 1º trimestre as seguintes:
    • “Riscos de internet e acoso escolar”, impartida por persoal experto da Garda Civil. Enmárcanse estas charlas dentro do Plan Director. Será o 3 de decembro ás 19:00horas.
    • Charla e análise coa experta en adiccións e problemas de conduta, a psicóloga Belén Montesa
  • Poñer á vosa disposición unha caixa para suxestións, a través do que nos gustaría que nos fixerades chegar as vosas achegas. Esta caixa será revisada semanalmente e, na medida do posible, iremos atendendo as vosas proposta.
  • A colaboración entre o centro, a ANPA e o CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación)  para a formación de Escolas de Nais e Pais (ENAPA).
  • Solicitar a vosa colaboración para a execución de traballos de voluntariado e axuda para a realización dos proxectos de centro deseñados para este curso.
  • Continuar poñendo á vosa disposición e ampliando a “Biblioteca de familias” con libros de consulta e axuda en temas relacionados coa educación dos vosos fillos e fillas.
  • Solicitar a vosa implicación e participación (tanto presentando candidaturas como participando na votación)  na renovación de membros do Consello Escolar do centro, proceso que se iniciará no mes de novembro.

Insistir en que o éxito escolar é de todos, e a responsabilidade de conseguilo tamén é de todos.

A participación das nais, dos pais, das familias na vida escolar parece ter repercusións tales como: maior autoestima dos nenos; mellor rendemento escolar; mellores relaciones pais-fillos e actitudes máis positivas das familias cara á escola. Os efectos repercútense mesmo nos propios mestres e mestras, xa que os pais consideran que os máis competentes son aqueles que traballan coa familia ( Pineau, 2001).

Recibide un cordial saúdo e quedamos á espera das vosas suxestións e participación.



Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 0 invitados conectados.

blog | by Dr. Radut